Redacción.- Dúas mulleres e dous homes, tres deles galegos, concorren este
ano ao Premio José Couso de Liberdade de Prensa, iniciativa do Colexio
Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol. As
propostas desta XIV Edición son Nacho Carretero, Ramón Chao,Zehra
Doğan e Julia Otero.
Os candidatos, que se distinguiron pola súa
defensa da liberdade de prensa, foron propostos polos colexiados do CPXG,
asociados do Club de Prensa de Ferrol ou por entidades e persoas relacionadas
coa comunicación. Dende hoxe e ata as 19.00 horas do 10 de abril, os colexiados
e colexiadas do CPXG e asociados e asociadas do Club de Prensa de Ferrol
poderán elixir a candidatura gañadora.
Sobre os candidatos
Nacho Carretero,
xornalista coruñés, ten traballado e colaborado en numerosas redaccións,
demostrando a súa capacidade de adaptación a distintos formatos e a medios de
diversa orientación. É autor do libro Fariña, publicado pola
editorial Libros del K.O., sobre o narcotráfico en Galicia nos anos 80 e 90 do
século pasado, que en febreiro deste ano 2018 foi secuestrado por orde
xudicial.
Ramón Chao,
veterano escritor e xornalista nado en Vilalba, desenvolveu a súa carreira en
Francia, en medios como Radio France Internationale, Triunfo, Le Monde ou Le
Monde Diplomatique. Defensor da liberdade de prensa ao longo de toda a súa
traxectoria, tamén realizou unha permanente reivindicación da lingua e a
cultura galegas, dirixindo emisións radiofónicas en galego prohibidas pola
ditadura franquista.
Zehra Doğan,
xornalista kurda e editora da axencia de noticias Jinha, formada integramente
por mujeres, atópase encarcerada na prisión de alta seguridade de Diyarbakır
polo seu traballo como comunicadoraq, acusada polas autoridades turcas de
"facer propaganda para unha organización terrorista". A súa axencia
Jinha foi pechada en 2016 polo goberno.
Julia Otero,
monfortina, ten unha extensa carreira profesional vinculada principalmente á
radio, aínda que tamén é salientable a súa etapa na televisión. Ao longo dos
seus anos como xornalista, destacou pola defensa da liberdade de prensa e pola
defensa da información rigorosa e contrastada. Os seus catro premios Ondas,
entre outros galardóns, a sitúan como unha das xornalistas de maior
recoñecemento na actualidade.
As votacións
Coa proclamación das candidaturas queda aberto
o prazo de votación. O xurado, composto por todos os membros do Colexio
Profesional de Xornalistas de Galicia e os asociados do Club de Prensa de
Ferrol, decidirá o gañador. Os colexiados e colexiadas do CPXG poden votar
desde hoxe ata as 19:00 horas do 10 de abril co seu usuario e
contrasinal na parte privada da web www.xornalistas.gal. Pola súa banda
os socios e socias do Club de Prensa de Ferrol poderán facelo enviando un
mail a premiocouso@xornalistas.gal
O nome do gañador darase a coñecer nunha rolda
de prensa. Esta previsto que a entrega teña lugar o 3 de maio, Día da Liberdade
de Prensa, en Ferrol. Como cada ano, o Concello de Ferrol cederá o teatro Jofre
para celebrar os actos entre os que está prevista a actuación musical que cada
ano ameniza o certame.
O Colexio Profesional de Xornalistas de
Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o
Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e
difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na
defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional,
libre e independente. As trece edicións anteriores foron para Xosé Hermida
(2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García
Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto
(2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel
Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008),
Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali
Lmrabet (2005).
0 comentários :
Danos a túa opinión