Moncho Paz.- Nunha noite como a de hoxe, hai vinte
anos, celebramos en Compostela o triunfo de Francia nun Mundial organizado precisamente
polo país galo, que exercía de anfitrión. Aínda que o noso corazón estaba dividido pola querencia brasileira. Foi en A Feira das Mentiras, un espectáculo de cinco días no que cabía de
todo: dende o circo da Caravanne des
Quartiers ao primeiro campionato do mundo de futbolín, que contou coa
presenza do seu inventor -Alejandro Finisterre- na entrega dos premios.
Aquela
iniciativa multicultural e alternativa tiña tres espazos ben diferenciados:
Pulpo Fiction, para seguer os
partidos do Mundial de fútbol; Aldea
Terremota, para recrear o ambiente das romerías populares galegas; e A Feira Feira, dedidado á artesanía e ás
tatuaxes. Atendendo á miña capacidade de inmersión, aproveitei aquel evento
para facerme outra tatuaxe: un paxaro azteca no lombo, que me estampou un
venezolano chamado Andrés e que co tempo e os retoques necesarios convertiuse
na estrela de California dos RHCP.
Esta acción uniume de xeito instantáneo e
definitivo ao meu prezado Ramón Chao, alí presente, que aquela noite ensinoume
a Mano Negra que levaba tatuada no brazo despois dunha viaxe por Colombia cos
seus fillos Manu e Antoine e o resto da banda. Como dixo Manu en Aracataca: “Papá, no se te
puede dejar sólo”.
Aquela
noite con Ramón e a súa familia foi o xerme dunha amizade que rubricamos anos
despois en París, na presentación da edición francesa de Prisciliano de Compostela, e que fixo posible que formase parte do
universo Chao, un realismo máxico que non ten nada que envexar ao de García
Márquez; iso si, co permiso do mestre Cunqueiro.
Nunca
esquecerei aquela final do Mundial 1998, na que ao ritmo da música e da
patchanga ("No llores mi vida no llores / Más lágrimas de colores / Llegó el
Tramor con su tumbao…") fixemos un tren encabezado por Manu, os irmáns Pepe e
Ramón Chao Rego, Sari, familiares e amigos como Marta, a Berta do Camiño de
Prisciliano.
E
hoxe celebrei a final do Mundial 2018, que tamén gañou Francia, en compañía dos
meus fillos e varios colegas, pero sen esquecer aquel “tren de xeo e lume” que
percorría hai vinte anos a noite meiga de Compostela ao son dos tambores da
rebelión. Ramón Chao, sempre connosco!!
0 comentários :
Danos a túa opinión