Antón Baamonde.- Manuel
Fraga Rey (Vilalba,1952-A Pobra do
Caramiñal, 2018) foi un dos fundadores de ERGA, estudantes revolucionarios
galegos, a primeira organización de masas do nacionalismo galego despois da
guerra civil. A miña memoria non é capaz de situar exactamente o momento en que
foi detido por primeira vez en Vilalba e levado ao cuartel da Brigada
Político-Social de Lugo. Puido ser no mesmo momento en que se producía no
Ferrol a folga de 1972 que determinou un estado de excepción naquela cidade, e
o asasinato dos Obreiros Amador e Daniel por parte da policía, lembrado nun
breve e emocionante poema de Uxío Novoneira (“Erguéstevos cedo aquel día/o
costume do traballo/Mañá cedo/para facernos coa vosa morte”) ou tal vez con
motivo dun dos estados de excepción cos que o franquismo, no seu estertor,
cancelaba as súas propias leis para ter as mans libres na represión.
Si
conservo, no entanto, a sensación do momento. O medo dos que temían que a
policía viñera tamén a por eles e, por que non dicilo tamén, o tremendamente ridículo
que parecía un réxime no que eran posibles aquelas detencións de estudantes de
vinte anos.
Non foi a única experiencia súa coa policía.
Dous anos despois foi detido outra vez en Santiago de Compostela. Era un
Primeiro de Maio e tiña uns panfletos chamando a conmemorar o día da clase
obreira. É de supoñer que firmados pola UPG, partido ao que pertencía. Ese
delito fixo que estivera en prisión case un ano ata que a primeira amnistía
permitiu a súa saída do cárcere da Coruña. Algunha vez fun alí a visitalo con
miña irmá Pepa e seus pais. A policía, nese sentido era máis laxa do que o
sería hoxe. Nese cárcere coincidiu con outros ilustres presos políticos –os 23
de Ferrol de CCOO, Muruzábal e outros membros da CSUT, etcétera-.
Lito era, naqueles anos de mocidade un furacán.
Era unha enerxía telúrica, un terremoto que facía tremer todos os lugares polos
que pasaba. Se a xuventude é algo positivo, debería de estar dotada do encanto,
a forza e a coraxe que Lito posuía a mans cheas. En todo o que se metía
liberaba unha forza e un empuxe extraordinario. A súa vida exemplifica como
poucas das que eu coñecín as expectativas e a esperanza de cambio de vida que
marcaron os anos sesenta, nos que el medrou. Foi un tempo magnífico, de
optimismo e grandes aspiracións. O seu estilo era o dun certo tipo de chairego,
cosmopolita e ao tempo enraizado. Non había nada nel de cínico: era dunha
bonhomía sen voltas. Era un tipo.
A súa historia de amor con Marina foi das que
fan época. Caeu namorado coma un paxariño
cheo de tenrura. Fóra de toda convención social deixaba o seu posto de traballo
desguarnecido para ir a onde fóra que ela estaba. Apuntábase a calquera folga
–nun tempo no que as había cada dous por tres, e a el non lle importaba quen a
convocara- para gozar da súa compañía. Os puritanos de hoxe condenaríano sen
remisión. A súa vida á beira de quen tanto quixo foi feliz e completa. No
Barbanza, máis cálidas terras que as da Terra Chá, criou a súa descendencia.
Imaxínoo non seus últimos anos, tal e cal era o seu carácter, barafustando,
facendo o papel do vello afectuoso e rosmón, contento de que a vida lle
deparara o que buscou nela.
________________
Foto: Arquivo IESCHA
________________
Foto: Arquivo IESCHA
Said
Graciñas Antón polas palabras e as lembranzas Antón.
Daniel (fillo do Lito)