Pasaxe dun día inesquecible


Yolanda Novo Villaverde.- A fermosa e expresiva imaxe de Wozniak no cartaz anunciador do acto postmortem en lembranza de Ramón Chao Rego (Sempre Connosco!!) resultou premonitoria do logo acontecido nun lugar máxico de Vilalba. Ese Ramón rebelde voando ao ceo collido da súa moto, ante a admiración dos seres queridos que deixa -non sabemos se consternados ou cómplices de semellante trasnada fora de lugar e tempo- impregnaron, penso eu, esta senlleira despedida.

Alí, no Muíño do Rañego da súa Vilalba natal, o pasado 30 de xuño moitas persoas –ate máis dun centenar de toda Galicia-, encabezadas pola familia radicada en Francia, responderon ao dobre chamamento de Amigos de Prisciliano e mais do Instituto de Estudos Chairegos, coa finalidade de homenaxear e despedir ao noso fundador e presidente, Ramón Chao, na súa derradeira, sentida e prematura marcha.

O que comezou sendo unha xuntanza fraternal e familiar de tintes melancólicos en memoria do gran home, intelectual, amigo, compañeiro, pai, avó, artista das verbas, músico, axitador cultural e xornalista comprometido de prensa e radio, un galeguista universal, transformouse axiña nunha celebración que acadaba as mais brilantes e festivas cores (como tiña que ser, estando Ramón Chao polo medio e polas outras dimensións xa!). Así, as loubanzas e elexías mesturáronse coas anécdotas chispeantes e os risos; os maiores e vellos cos máis nenos; as mágoas cos saúdos e apertas agarimosas dos que non se vían hai tempo e tiñan en Ramón un referente común; as lembranzas coas novidades; a seriedade dos discursos coas músicas vitais e intensas.

Foi coma se pasado, presente e futuro dun vilalbés ilustre, e dos mundos que xerou na sua contorna, se deran cita e bailaran baixo a súa batuta, invisible pero certa. Aconteceu toda esta maxia aos sons folklóricos das gaitas e pandeiretas do grupo Buxos Verdes, aos acordes jazzísticos do dúo franco-vilalbés Caos -nada caótico, por certo- integrado por dous netos de Ramón, e coas cadencias e versos de Manu Chao, o fillo músico, que puxeron fin ao encontro interior, é dicir, baixo o teito do Muiño do Rañego. Toda unha estirpe de xente boa, coa matriarca Felisa á fronte, ía asomando discretamente en cada verba, en cada melodía, en cada silencio, en cada xesto.

Ao sairen ao bosque, os fulgores verdes das árbores e da vexetación, a calidez azul do ceo a piques de ter o seu sol no verán, a calor, a frescura brilante do río, as frores e achouchíos dos paxariños, foron quentando por dentro os ánimos da comitiva. Sentíase un bule-bule propicio ao delicioso paseo posterior ata o Piano Prisciliano, escultura en pedra ergueita dende 2015 en recoñecementp á querencia pola súa vila -e por Galicia- que amosou sempre Ramón, xunto cos seus dous amoriños: a música e a tradición priscilianista que pon en solfa á xacobea. Madia leva!!

Alí, ao carón do río Magdalena, nun dos seus recunchos, xa nadaban, inesquecibles, as cinzas do Ramón; e o cortexo adquiriu aires de romaría ao longo do Hectómetro Literario do Paseo dos Soños da Terra Chá, onde o “duende” inconformista, creativo, vitalista e pícaro do noso Chao a bo seguro conversa dabondo cos dos outros escritores chairegos tamén alí lembrados para sempre. Ao chegar ao piano, punto final do breve roteiro, a esposa Felisa, os fillos Antoine e Manu e demais familia de sangue, o cubriron cos seus brazos e aloumiños. E logo dunhas sentidas palabras do seu fillo Antoine en nome propio e de toda a familia, fixeron o mesmo as outras “familias” do escritor: amigos, admiradores da súa obra e traxectoria, priscilianistas, xornalistas, políticos e veciños de Vilalba. Pois o fillo da vila que fora pródigo por un tempo moi anterior, chegara a ser fillo do que estar moi orgulloso dende sempre.

Os Amigos de Prisciliano quedamos orfos do fundador desta iniciativa cultural e que fixera en 1997 o “Camiño de Prisciliano” en moto, acompañado noutra polo fillo Manu. Mais o espírito do mellor ‘pop’ contracultural, a rebeldía contra os desmáns dos poderosos avariñentos, o sentido crítico do maio do 68, o amor ao amor, a exaltación da vida e dos seus fulgores, a alegría como forma de resistencia, e outras moitas ensinanzas resilientes e rebeldes do tándem Prisciliano-Chao, perviven e pervivirán.

Agora o fan da man doutro Ramón, o seu prezado Moncho Paz, novo presidente -por expreso desexo de Chao- desta rede activista, multicultural e altermundista, testamentario simbólico do seu gran amigo e mestre, e home feito nos moldes e nos mimbres do tamén amigo Ignacio Ramonet, que asume a presidencia honorífica.

Eu nunca asistira a un funeral profano tan gozoso e cheo de vida. O querería para min…  se Deus e Prisciliano o permiten, por suposto!

____________________________________________
Yolanda Novo Villaverde é secretaria de Amigos de Prisciliano.

31 de xul. de 2018

0 comentários :

Danos a túa opinión