Galicia. Un século de creación. 1916-2016

Redacción. -

O ciclo de conferencias "Galicia. Un século de creación. 1916-2016" forma parte do proxecto DIDAC Arteria Galicia que dende hai un ano vense desenvolvendo na Fundación DIDAC. Este proxecto, que conta co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña e que desenvolverá agora a súa segunda parte, naceu coa idea de afondar no patrimonio cultural de Galicia e a súa creatividade, contando coa colaboración de recoñecidos profesionais da arte, a arquitectura e o deseño, así como outras manifestacións artísticas.


Vitor Vaqueiro foi o encargado de iniciar as charlas deste outono onte, martes 16 de outubro, ás 19 horas coa conferencia Exilios exteriores e interiores. De Mariñeiros (1936) a Imaxes abandonadas (1999) coa que fixo un percorrido pola obra fotográfica de José Suárez, Ricard Terré, Blanco Amor, Virxilio Viéitez e Manuel Ferrol, conectando os proxectos de todos eles cos vitais que, ben por motivos políticos, ben económicos, ben pola indixencia intelectual propia da ditadura, están atravesados pola idea de exilio.


O ciclo terá continuación hoxe, 17 de outubro, ás 19 horas coa palestra de Carmela Montero Vellos ideais, sempre novos. O Laboratorio de Formas de Galicia e o Museo de Arte Carlos Maside coa que analizará o camiño para o renacemento da fábrica de Sargadelos e o intento de creación no Museo Carlos Maside do primeiro gran espazo para a arte contemporánea en Galicia.


17 de out. de 2018

0 comentários :

Danos a túa opinión