III Sábados de Teatro

Redacción. -

O Instituto de Estudos Chairegos, continuando co desenrolo dos III SÁBADOS DE TEATRO, organiza para o vindeiro sábado, 13 de outubro, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal vilalbés, a SEGUNDA FUNCIÓN que correrá a cargo do grupo HIPÓCRITA TEATRO, que pon en escea a obra “HOTEL DESENCANTO”. Nesta ocasión, o evento conta coa colaboración da Área de Cultura daDeputación de Lugo, dentro do Programa Buxiganga 2018.

A compañía Hipócrita Teatro naceu en Lugo no ano 2004 e dende a súa creación levou a escena espectáculos teatrais de diferentes xéneros, a maioría de creación propia. Entre eles cabe salientar Miserere, un drama sobre a violencia de xénero, ou Menestra de testosterona, unha comedia para adultos que recibiu varios premios a nivel autonómico. Así mesmo ten representado Unha historia con pau, comedia dirixida ao público familiar, e Emperador, que pensas? Fala!, comedia de enredo ambientada no Lugo romano. Tamén ten participado en numerosos
espectáculos de rúa, performances, contacontos e radio teatro, algúns deles en colaboración con outras entidades culturais ou sociais.

O Hotel Desencanto non é o mellor lugar para vivir situacións idílicas. Sen embargo, os seus hóspedes semellan ignoralo. Todos, ou case todos, chegan ó hotel co ánimo de gozar dunha estancia  agradable. Lograrano? Trátase dunha peza de teatro contemporáneo, dirixida por Carlos Rebolo, que mestura drama, comedia e suspense. A obra está estruturada en cinco escenas. A primeira serve de introdución e presentación dos personaxes, e sitúa ao espectador no contexto onde se vai desenvolver a acción. Oito hóspedes van chegando a un hotel no que os recibe un recepcionista que lles entrega as chaves das súas respectivas habitacións. As catro escenas seguintes ben puideran desenvolverse de xeito simultáneo aínda que ao espectador se lle presentan de forma secuenciada. Cada escena mostra o que acontece en cada unha das habitacións, e cada unha delas é unha historia de principio a fin.

11 de out. de 2018

0 comentários :

Danos a túa opinión