Presentación do Caderno do IESCHA


Redacción. - O Instituto de Estudios Chairegos “Pena do Encanto” (Iescha) organiza para o vindeiro venres 25, ás 20:30 horas, o acto de presentación do Caderno nº 9, que conta coa financiación da Deputación de Lugo, dentro do convenio suscrito por ambas entidades para o ano 2018. Intervirán no acto, Orlando Viveiro Veiga e David Fernández Fraga, autores de senllos traballos do Caderno; Eduardo Vidal Baamonde, deputado provincial, e Marisa Barreiro Mejuto, presidenta do Iescha.

O número 9 do Caderno está dedicado a Ramón Chao, in memoriam, e abre co limiar de Marica Campo que nos adentra de forma brillante no contido do mesmo. O xornalista vilalbés Moncho Paz glosa a figura de Ramón Chao no seu artigo “Ramón Chao: Bosquexo dun rebelde”, ilustrado con numerosas fotografías sobre o a vida do escritor. Coñeceremos un pouco mellor ao polifacético vilalbés Lois Peña Novo grazas á pluma do historiador Ramón Villares, no seu artigo “Lois Peña Novo, corresponsal na súa terra”. 

Pola súa banda, o mestre David Fernández Fraga colabora neste Caderno cun completo traballo titulado “Memorias da parroquia de Somede-Oleiros”. Paulo Naseiro escribe sobre “Modesto Ciruelos. Un artista de vangarda no Instituto Manuel Murguía de Vilalba”. O investigador Xosé Ramón Ermida Meilán, fálanos de “Os asasinos de Hipólito Veiga. Unha achega ao estudo dos vitimarios na Terra Chá”. Orlando V. Veiga continúa colaborando no Caderno con estudos sobre o patrimonio. Nesta ocasión sobre “O patrimonio da auga no Río Miño”.

Tres habituais colaboradores do Caderno, Fernando Arribas Arias, Xosé Manuel Blanco Prado e Mario Saavedra Pérez, escriben sobre a “Ruta dos cruceiros da Terra Chá. Roteiro do Concello de Xermade”. No capítulo de recensións, Sabela Filgueira Tenreiro dános conta do libro de Manuel Roca Cendán, “O soño do desenvolvemento de Galicia. Un paseo pola nosa economía con Lois Peña Novo”. Pola súa parte, Xosé M. Felpeto Enríquez escribe sobre o libro de Manuel Ferreiro “…de cando as pedras falaban”. Ambolos dous libros foron editados polo Iescha.

Na sección de obituarios, o escritor Paco Martín lembra ao tamén escritor chairego Xabier Puente Docampo, e Antón Baamonde, pola súa parte, trae a lembranza de Manuel Fraga Rey “Lito”. Pecha o Caderno, como é habitual, a sección de fotografías antigas, Tal como eramos, que acada a edición IX de Vilalba e a V de Guitiriz.

22 de xan. de 2019

0 comentários :

Danos a túa opinión