Moncho Paz.- O xeneral e heroe da República de Cuba, José Ramón Fernández
Álvarez, coñecido popularmente na illa como "Gallego Fernández" e un
dos dirixentes históricos da Revolución máis lonxevos, finou no día de onte aos
95 anos na Habana, segundo informou o xornal Granma. Fernández renovou a súa
acta de deputado á Asemblea Nacional nas eleccións celebradas en 2018 e tamén era asesor do presidente dos Consellos de Estado e de Ministros do país
caribeño, así como integrante do Comité Central do Partido Comunista de Cuba
(PCC).
Fillo de emigrantes
asturianos, naceu en Santiago de Cuba en 1923. A partir do golpe de Estado de
Fulgencio Batista en 1952, participou en diversas actividades e movementos
conspirativos ata a súa detención en 1956. Xulgado en Consello de Guerra, foi
condeado a prisión e estivo na cadea ata o triunfo da Revolución, o 1 de
xaneiro de 1959. Foi ascendido capitán en 1959, a comandante en 1961 e a
xeneral de brigada na reserva en 1996.
Como membro das Forzas Armadas
Revolucionarias destacou na defensa da illa contra o desembarco norteamericano
en praia Girón, que tivo lugar en 1961 como tentativa de invasión de Cuba por
parte de Estados Unidos, e que provocou a crise da Baía de Cochinos. José
Ramón Fernández foi deputado na Asemblea Nacional do Poder Popular dende 1976
ata o seu pasamento e asumiu a vicepresidencia do Consello de Ministros de Cuba
dende 1978 ata 2012.
Tiven a oportunidade de
coñecer persoalmente ao “Gallego Fernández” en 1991, durante a miña primeira
viaxe a Cuba como enviado especial. Impresionoume moito a súa presenza e o
respecto e admiración que lle profesaban os seus colaboradores que, de xeito unánime, loubaban a súa traxectoria e o importante papel que desenvolveu na súa longa etapa como ministro de Educación (1972-1990). Na fotografía, estamos
xuntos durante unha recepción oficial á prensa no Pazo da Revolución, o 9 de
novembro de 1991.
Como político comprometido con Galicia e con Asturias, a súa figura foi determinante nas relacións do Goberno cubano con ámbalas dúas comunidades, o que demostrou en moitas ocasións, especialmente na organización da visita institucional de Fidel Castro a Galicia en 1992, para coñecer a terra dos seus devanceiros. Como consecuencia deste compromiso co norte peninsular, en 2009 concedéuselle a Medalla de Ouro de Asturias, mentres que en 2004, durante a súa derradeira viaxe a España, recibiu o título de Fillo Predilecto de Oviedo, que lle fora concedido no ano 2000.

_____________________
Foto: Tito Diéguez (El Progreso)
0 comentários :
Danos a túa opinión