Miguel Barrera.- Carvalho Calero chegou. Cando, aló polo 23 de xullo do 2010, publiquei na Voz de Vilalba o artigo Quitade
as vosas sucias mans de Lois Pereiro , non desfrutei da nova de
nomear ao poeta coma homenaxeado para las Letras Galegas do ano 2011, aínda que
había razóns sobradas, parecíame prematuro e de difícil dixestión.
Pois a día de hoxe, moitos felicitámonos por fin, da aprobación da RAG,
pola “ampla maioría” da súa decisión, de dedicar o Día das Letras Galegas do 2020
ao mestre Ricardo Carvalho Calero. Eu felicítome. Eu son alguén, no amor as
letras, grazas a dous mestres
inconfundibles na historia particular de moitos coetáneos. No meu particular
deambular, atópanse Pepe Chao e Carvalho Calero, inconfundibles no renacer e na
identidade.
Aínda lembro o día que merquei na libraría Segrel a terceira edición da “Historia
da literatura galega contemporánea” da Editorial Galaxia. O que non recordo
era si chovía ou se a brétema confundía as árbores da Alameda, so tiña ansias e
ánimos de agarimar as 894 páxinas da transcendental obra. Agora estou a facer o
mesmo e o desfrute énchese de melancolía.
Debaterase moito a súa figura, a súa obra, penso que sobre todo o seu
transcorrer vital na lingua galega (perdón na Lingua Galega).
Como aperitivo dese debate futuro recomendo a lectura do nº 5 da Revista
Olga (Revista de poesía galega en Madrid) de maio de 2018, onde como “reduto
idealista” (Vicente Araguas dixit) se rendeu humilde homenaxe. Por certo,
revista Olga na que a inestimable teima
de Vicente Araguas, Manuel Pereira e o vilalbés Rafa Yáñez entre outros,
manteñen un facho de galeguidade, extra muros de Galiza.
En fin, de remate o poema “Reticências...” (1986-1989), recollido na
escolma no nº 5 de Olga:
Somos os pacifista,
que andamos dando guerra.
Somos as feministas,
que vestimos de home.
Somos os poetas eróticos,
impotentes no tálamo nupcial.
Somos os sacerdotes,
que nom cremos em Deus.
Somos os comunistas,
mui zelosos da nossa propiedade privada.
Somos os homes – e as mulheres-. Inumanos,
como cumpre à nossa humana condiçom.
Se os nossos nomes e as nossas condutas
nom foram como som contradiçom,
só seríamos sombras.
Mas somos realidades, e por isso
somos assí, contrários do que somos.
(Arredor
de si)
0 comentários :
Danos a túa opinión