Culturas en diálogo 2019

Redacción.-

Despois da primeira xornada de CULTURAS EN DIÁLOGO 2019, que se desenvolveu integramente no Museo Provincial de Lugo, a segunda xornada, o mércores 18 de decembro (Día Internacional da Migración) vaise desenvolver en diferentes lugares da Mariña de Lugo.
A partir das 12:35h no CEIP de Cervo cun obradoiro impartido pola artista Violeta Bernardo.
Pola tarde, a partir das 17:00h. no Museo Provincial do Mar, en San Cibrao (Cervo), coa proxección de “Micro historias de ida e volta”.
A partir das 19:00 no edificio das Colexios Vellos de San Miguel de Reinante, en Barreiros, terá lugar inauguración da exposición ‘Culturas en diálogo: Lugo-Arxentina`, que se vai poder visitar ata o 3 de xaneiro.
CULTURAS EN DIÁLOGO  é un proxecto de museoloxía social e diálogo intercultural que promove a Rede Museística da Deputación de Lugo e que se vén desenvolvendo desde 2014 nos diferentes museos da Rede coa colaboración de asociacións e persoas vencelladas a diferentes actividades artísticas e culturais de ambas beiras do Atlántico.
No acto de inauguración intervirán representantes da Deputación Provincial, do concello de Barreiros, do Seminario de Estudos Os Espigueiros, Xosé Reigosa e a xerente da Rede Museística, Encarna Lago.
 PROGRAMA: 18 de decembro: Día Internacional da Migración
CEIP DE CERVO
»Obradoiro: Pegadas de futuro co Museo Provincial do Mar (Mural colectivo).
Imparte: Violeta Bernardo.
De 12:35 a 14:35h.
Lugar: CEIP de Cervo.
MUSEO PROVINCIAL DO MAR: ACTIVIDADES
»Proxección: de ‘Micro historias de ida e volta’. Vídeos e fotografías.
17:00h.
Coordinan: Asociación de Rioplatenses de Lugo e Evelin Ruíz Crego. Entrevistas de Evelin Ruíz Crego a Ada Katherine Villarino Pena (Foz, 1988), Ana Pena Labrada (La Habana, 1958), Aurora de los Ángeles Álvarez Martínez (La Habana, 1962), Consuelo Pena Cillero (Santaballa, 1956), Helena González Saavedra (Redes, 1966), Horcesina Prieto Fraga (Santaballa, 1939), Isabel Bausá Marín (La Habana, 1961), María Laura Rego Rouco (Santaballa, 1969 ), Marlene Chirino Gómez (la Habana, 1995), Monserrat Alemany Viñas (Santaballa, 1948) e Silvia Fiallega Lorenzo (Foz, 1977).
«É unha viaxe ao pasado e presente a través dos recordos e historias persoais, familiares e anónimas da vida de mulleres emigrantes galegas e cubanas.
É un rescate dos seus testemuños, dos seus propios relatos migratorios e das imaxes que reflicten os seus recordos, sentimentos e vivencias. Este proxecto foi desenvolto entre os anos 2018 e 2019. Foi un traballo conxunto coa Asociación Rioplatenses de Lugo e coa Rede Museística Provincial de Lugo, no marco do Programa Culturas en Diálogo. Mulleres de aquí e de acolá: Lugo-Cuba, estreado o 18 de decembro de 2018 para conmemorar o Día Mundial do Migrante.
Está formado por unha parte audiovisual composta por once entrevistas, un stop motion e unha parte fotográfica con imaxes que contemplan xéneros como: retrato clásico, bodegóns e retratos experimentais proxectando imaxes sobre as modelos. Ademais forma parte do proxecto integrado de fin de carreira de fotografía da EASD Ramón Falcón de Lugo.
Con este proxecto preténdese homenaxear á muller migrante, dar visibilidade, individualizar e humanizar estas historias. Evocar emocións por medio das fotografías e entrevistas. Investigar a relación destas mulleres co sitio que deixaron (pasado) e o sitio ao que chegaron (presente), ademais de promover unha reflexión sobre os procesos migratorios.  A intención é mostrar unha situación moi común na sociedade actual, empatizar e comprender que detrás das migracións hai un alto compoñente afectivo, de sacrificio na procura da prosperidade persoal e familiar de cada migrante.» [Evelin Ruíz Crego]
OUTRAS ACTIVIDADES
18 de decembro: Día Internacional da  Migración
19:00h.
»Exposición: Inauguración da exposición itinerante ‘Culturas en diálogo: Lugo-Arxentina’. “Colexios Vellos’, San Miguel de Reinante (Barreiros), (desde o 18 de decembro ao 3 de xaneiro de 2020).
Proxecto de colaboración entre a Rede Museística da Deputación de Lugo e as asociacións de Inmigrantes e Retornados Rioplatenses en Lugo co obxectivo de poñer en valor os testemuños, en clave intercultural, das relación entre diferentes xeracións, fomentando a creación multidisciplinar e a participación social de todos os colectivos implicados.
Esta mostra inclúe materiais aportados polo Seminario de Estudos Os Espigueiros, de San Miguel de Reinante, o mural-colaxe "Poñemos a cara", de Ticiana Ghiglione, e a proxección do documental "Culturas en diálogo: Lugo- Arxentina" dirixido por Xosé Reigosa.
Itinerancia: A partir do 3 de xaneiro de 2020 a Rede Museística ofrecerá esta exposición aos centros escolares da provincia, co obxectivo de motivar entre o alumnado actitudes antixenófobas.

17 de dec. de 2019

0 comentários :

Danos a túa opinión