Aninovo

María Xosé Lamas.-

Os humanos, dende tempos inmemoriais, temos tendencia a computar o transcurso do tempo, a dividilo en seccións, dende as máis obvias como o día e a noite ou os solsticios e equinoccios anuais rexidos polos astros, até a elaboración de calendarios dependentes das tarefas relacionadas cos ciclos de sementeiras e colleitas.

O Ano Novo é unha desas datas especiais das máis festexadas en todo o mundo e que transcende a relixións e culturas. Mais é moi recente –dende hai só catro séculos- a súa celebración o día un de xaneiro, pois adoitábase celebrar coincidindo co comezo do inverno ou do verán nos hemisferios norte e sur, respectivamente.

Pero, calquera que sexa a data, conta con multitude de ritos e prácticas que serven para atraer o amor, o diñeiro, a saúde e a abundancia. Hainas tan curiosas como as cento oito badaladas en Xapón, que rematan cun brinde con amazake ou vestir con roupa de lunares, como en Filipinas; en Rusia, escriben os desexos nun papel que queiman, vertendo as súas cinsas nas copas de champaña coas que logo brindan; en Dinamarca, esnaquizan a vaixela en que cearon; en Porto Rico, tiran caldeiros de auga polas fiestras; En Ecuador, queiman un boneco de dez metros de altura; e un longo etcétera.

Aquí temos o costume de comer doce uvas coincidindo coas badaladas que anuncian o Aninovo. Trátase dunha tradición relativamente moderna, pois comezouse a celebrar en 1882 como unha protesta cidadá dos madrileños que adoitaban facer a xolda o día cinco de xaneiro. O Concello anunciou aquel Nadal que quen quixera celebrar a véspera de Reis, tiña que pagar cinco pesetas (da época!) e, aínda que estaban lonxe de existir as redes sociais para convocar á xente, o boca a boca xuntou a centos de cidadáns na Gobernación, en plena Porta do Sol e debaixo do reloxo que se instalara dezaseis anos antes, para tomar as doce uvas ao ritmo das badaladas. Axiña se estendeu a festa a todo o territorio e probabelmente continuará celebrándose por moitos séculos máis.

Que vos sexan de proveito as doce uvas da sorte para comezar unha década venturosa é o meu desexo neste día!

1 de xan. de 2020

0 comentários :

Danos a túa opinión