A parróquia de San Estevo de Parga viveu tempos mellores. En realidade poderiamos afirmar que Guitiriz e o rural no seu conxunto viviron mellores épocas pero o caso de Parga é moi significativo si nos fixamos na súa historia recente, deixando atrás a súa relevancia da que temos mostras polas pegadas do seu patrimonio castrexo ou a importancia tamén dos vestixios medievais cos restos do Castelo ou a súa igrexa cos frescos do século XVI ou tamén de ser un paso importante no camiño de Santiago.
Pero Parga tivo grande relevancia e recoñecemento na súa historia recente por destacados motivos, primeiro pola súa feira, unha das máis importantes de Galiza que ten a actual ubicación no centro da vila desde o seu traslado dende A Pobra a mediados do século XIX e que conserva uns fantásticos cobertizos elaborados coa mesma pedra coa que foi levantada a Sagrada Familia de Gaudí en Barcelona.
Foi en 1945, cando se executou o traslado da capital do concello de Trasparga (no Mesón da Cabra) a Guitiriz, a primeira grande decisión política negativa para Parga, no que a parróquia perdeu a súa centralidade política e económica no Concello. Dende esa data, Lagostelle eríxese en centro económico-político-administrativo ao levar cara a súa contorna os servizos que se foron creando, centros escolares de educación primária e secundária, o centro de saúde máis dotado, e mesmo a grande igrexa no centro da vila de Guitiriz ou o polígono industrial na limítrofe parróquia de Santa Mariña. Mesmo nos deseños (controvertidos) dos accesos á autovía Parga ficou, se cadra, un pouco máis illada.
A crise demográfica e migratória, a crise da industria da pedra, o peche do campamento militar, e decisións de marcado carácter político relacionadas co tren que afectaron ás frecuencias e ao declive da estación ferroviária da que teñen partico centos de xornaleiros ás segas a Castela, e máis recentemente ao intento de partir pola mitade ao núcleo urbano, o intento de peche de entidades bancárias, ou a recente tentativa tamén de deixar a Parga sen Centro de Saúde prolongando o peche temporal pola pandémia o COVID19 para convertilo en definitivo, deixan claro que Parga, independentemente da involución xeral do rural, foi a grande perxudicada na historia máis recente de Guitiriz.
A que fora en tempos núcleo político e poboacional máis importante, ocupa hoxe o 3° lugar en habitantes por detrás de Lagostelle (Guitiriz) e Os Vilares e a súa actual depresión só se ve atenuada pola magnífica feira quincenal que aínda conserva e pola beleza dun núcleo urbano único ao pé do río, que adormece na nostalxia de gloriosos tempos pasados.
Aínda así, Parga négase a seguir na costa abaixo da perda de servizos e do abandono das administracións e amosa con cada novo estrangulamento, a súa capacidade mobilizadora para tentar evitar máis decisións negativas para a súa sobrevivéncia e así o ten demostrado nas asambleas e mobilizacións con ADIF, contra as decisións de ABANCA, e nestes días diante do SERGAS demostrando que a pesares dunha história de recortes, desatención, e perda de relevancia inducidas por deseños e decisións políticas, Parga sigue viva e reclama un trato de xustiza que os tempos lle teñen negado e que merece compensar.
A crise á que nos enfrentamos como consecuéncia do coronavirus non convida ao optimismo no futuro e é precisamente por iso que debemos defender o mantimento dos servizos públicos existentes e mesmo mellorar a atención dos mesmos para o nóso rural. Nun concello tan amplo e disperso como Guitiriz, é vital manter e mesmo aumentar a descentralización deses servizos para atender a unha poboación envellecida e espallada. Así e todo, Parga conserva un potencial inmenso no seu património natural, etnográfico e histórico, unha beleza única que hai que aproveitar e implementar para convertir nun recurso que xenere riqueza e benestar e mude as inercias negativas que leva padecendo na súa história recente. Como a orixe do significado do seu topónimo, "pila de trigo e palla arrumado para gardar o grao da intemperie", Parga sigue viva gardando o seu grao, a súa beleza e potencial, das intempéries, porque pesares de todo, Parga aínda vive!
0 comentários :
Danos a túa opinión