Antón de Guizán. -
Aquela encomenda de Manuel María a Pastora Veres na inauguración dunha exposición de fotos antigas na I Romaría Labrega da Chaira para que foran recollidas nunha publicación, está a punto de cumprirse. No mes de setembro, Edicións Fervenza coa colaboración da área de cultura da Deputación de Lugo, o Concello de Guitiriz, a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta e GADIS sacará a publicación dun traballo de cinco anos realizado por Pastora Veres con máis de cen entrevistas, fotos antigas, documentos e datos que prometen ser unha interesante e novidosa aportación ao coñecemento da historia recente do noso rural. A guerra, a posguerra, as segas a Castela, a emigración, as costumes, as enfermidades, os trapos, as relacións de poder, os cambios tecnolóxicos, as novas comunicacións... a vida contada polos próprios protagonistas, nunha parróquia da Terra Chá a unha nativa (Pas Veres) que ten realizado unha auténtica cartografía emocional no que o rural chairego en particular e o galego en xeral se poderán ver identificados. A publicación, irá acompañada dun DVD co documental Entrar aos Vilares, de Cibrán Tenreiro, finalista da 12MICE Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, un compremento con unha visión dunha parroquia do rural nos ollos de tres rapaces que nin a coñecen nin naceron no rural. En aproximadamente mes e medio poderemos ter nas mans un traballo que paralelamente deu lugar, con Díaz Castto na antesala de todo, a unha asociación con numerosas actividades (Lareira de soños dos Vilares) e a un grupo poético dos máis activos do país (NPG Nova Poesia Guitirica) e que ten á autora da publicación como inspiradora deste movimento social e cultural. O libro, terá como prologuista ao xornalista con orixes nos Vilares Germán Castro Tomé, criador do Diario de Ferrol, Presidente de Ho ra do Clube de Prensa de Ferrol e premio Diego Bernal de xornalismo outros numerosos recoñecementos e galardóns. Dúcias de colaboracións e axudas entre as que hai que destacar á guitirica Socorro Vázquez e á vilalbesa María Xosé Lamas polas correcións lingüísticas, convirten este traballo nunha obra coral e comunal na que a veciñanza se erixe nun suxeito activo arredor da protagonista que nos narra en primeira persoa a súa relación vital coa parróquia, a verdadeira recuperación da memória, ese património inmaterial que Pas Veres salva para ofrecer ás xeracións vivas e ás vindeiras e acrescentar o orgullo do que somos e de onde vimos. A obra, centrada en grande parte na história recente, nese pasado inmediato de cen anos atrás, conta tamén con ese espazo adicado ao presente, á xente de hoxe, á herdanza dun legado que debemos continuar, esa LAREIRA DE SOÑOS que nos quenta e da sentido ao que somos. En setembro, por fin, poderemos desfrutar do tan agardado traballo de Pastora Veres e que contará coa súa primeira presentación (non podería ser doutro xeito) en Guitiriz coa expectación que merece. Será, sen dúbida, unha obra que non pasará inadvertida en Galiza e unha contribución máis ao coñécemento da parróquia do poeta das cousas pequenas, Xosé María Díaz Castro. Como dixo o escritor portugués Miguel Torga, o universal ten as súas paredes no local. Dende Os Vilares, unha lareira para quentar o mundo, a Lareira de soños de Pastora Veres. Vémonos en Setembro a carón do seu lume.
0 comentários :
Danos a túa opinión