Redacción.-A Federación Galega de Dano Cerebral ( FEGADACE ) e a Unidade para Pacientes con Necesidades Especiais (UPNE) da Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) iniciaron o ano pasado, trala concesión a esta última do 7º Premio FEGADACE – Miguel Blanco, unha frutífera colaboración que achega este mes de novembro un novo resultado. Ambas entidades organizan o Simposio ‘Saúde Oral e Dano Cerebral Adquirido’ os días 23 e 25 de novembro. Pese á previsión inicial de organizar un encontro presencial, a situación sanitaria fixo reformulalo e organizalo nun soporte online, que ocupará as tardes, de 16:30 a 18:30, das devanditas xornadas. A inscrición está aberta e formalízase nesta ligazón: Simposio Saúde Oral e Dano Cerebral.
A Unidade para Pacientes con Necesidades Especiais nace co obxectivo de derrubar as
barreiras que as persoas con discapacidade afrontan para garantir o seu dereito á saúde oral.
Hai múltiples obstáculos relacionados coa caracterización da súa discapacidade que dificultan
que as persoas con dano cerebral accedan plenamente a unha correcta hixiene bucodental;
desde a falta de control da mobilidade (sexa no aspecto físico, motor; ou por falta de
concentración, trastornos condutuais, etc.) ata as secuelas que lles son propias, como os
problemas ao mastigar ou na deglución.
Esta circunstancia coincide de maneira complementaria co fin último de FEGADACE, que é
garantir a calidade de vida das persoas con dano cerebral adquirido. Esta está directamente
condicionada por unha correcta hixiene e saúde oral, que lles facilite non só a falta de doenzas
na boca senón tamén os feitos de respirar, beber ou comer correctamente -con repercusións a
nivel nutricional, de saúde xeral e, en última instancia, de autonomía e autoestima persoal.
Un programa dirixido a profesionais da atención ao dano cerebral cos obxectivos de incrementar o coñecemento mutuo e mellorar a capacitación de todos os
equipos profesionais implicados na atención ao dano cerebral adquirido, mesmo desde antes
de que se produza (no ámbito da prevención), FEGADACE e a UPNE organizan un Simposio no
que se vai falar de ‘Prevención, diagnóstico e tratamento da saúde oral no dano cerebral’ -
primeira xornada- e, máis especificamente, de ‘Nutrición e disfaxia en dano cerebral’ -na
segunda xornada-.
Así, na tarde do día 23 contarase coa neuróloga do CHUS María Santamaría, para falar sobre a
relación entre ‘Periodontite e risco de ictus’; cos odontólogos da UPNE Marcio Diniz e Javier, que tratarán, respectivamente, os temas da ‘Prevención e Saúde oral’ e do
‘Tratamento Odontolóxico’; e coa foniatra do CHUVI Azucena Jover Llopis, que abordará o
‘Diagnóstico e valoración global foniátrica en persoas con dano cerebral’.
A segunda xornada, o día 25, será monográfica sobre ‘Nutrición e disfaxia en dano cerebral’. O
profesor da Universidade Pontificia de Salamanca e membro da Unidade de Disfaxia do
Hospital Universitario da mesma cidade Jorge Chamorro Sánchez introducirá a ‘Abordaxe
Integral da disfaxia en dano cerebral’. A continuación, a logopeda de Sarela Ruth González vai
falar sobre ‘Manexo e Intervención da disfaxia en dano cerebral’, e, a continuación, a dietista
nutricionista María Maceira presentará ‘Hábitos saudables e recomendacións nutricionais na
persoa con disfaxia e dano cerebral’.
Ese mesmo día, presentado polo membro da UPNE Jacobo Limeres, estrearase un vídeo
didáctico no que se presenta a relación entre a saúde oral e a calidade de vida en dano
cerebral adquirido desde unha múltiple abordaxe de prevención, diagnóstico e tratamento, e
que forma parte, como o Simposio, da serie de froitos da colaboración entre a Federación e a
Unidade que se van ir presentando nas vindeiras semanas.
Esta serie de colaboracións enmárcase no proxecto ‘Dano cerebral adquirido: Promove,
Entende, Actúa’, que conta co apoio da Consellería de Política Social a través da liña de
subvencións con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF.
FEGADACE constituíuse en 2007 polas cinco asociacións de dano cerebral que traballan en Galicia:
ADACECO na Coruña, ADACE en Lugo, Alento en Vigo, Renacer en Ourense e Sarela en Santiago. O seu
obxectivo é contar cunha plataforma común de interlocución, coordinación e divulgación das
necesidades do colectivo de persoas con dano cerebral adquirido, unha discapacidade que afecta a máis
de 35.000 persoas en Galicia e que está causada case sempre por un ictus (78% dos casos) ou un
traumatismo cranioencefálico provocado por un accidente de tráfico.
0 comentários :
Danos a túa opinión