Concurso de vídeo 'Móvete'

Redacción. -

Neste 2021, o Instituto da Lingua Galega conmemora o seu 50 aniversario. Con motivo desta celebración pon en marcha, entre outras actividades, o concurso de vídeo Móvete, destinado ao estudantado dos institutos de Galicia e das zonas de fala galega fóra de Galicia. O obxectivo deste concurso é, en primeiro lugar, incentivar o uso do galego e, tamén, dar a coñecer o ILG entre a xente nova. O prazo para a participación iníciase hoxe, primeiro de marzo, e estará aberto ata o 31 de maio de 2021.

O concurso está dirixido a alumnado que estea cursando 3º, 4º da ESO, 1º ou 2º de Bacharelato e pódese participar en dúas modalidades, individual e en grupo. Neste último caso, deberá facerse baixo a dirección ou o asesoramento dun ou dunha docente, que será a persoa de contacto e responsable do proxecto. Os vídeos que se presenten a Móvete deberán ser inéditos e orixinais e non poderán superar os 2 minutos de duración nin os 300 MB de tamaño. Os temas que se propoñen para a creación de pezas audiovisuais son ‘Móvete co galego’, ‘Conmóvete co galego’ e ‘Promove o galego’. 

 

Proceso de selección e premios

xurado elixirá un máximo de tres persoas e tres grupos finalistas por tema, valorando a calidade e orixinalidade da peza, así como o uso creativo das tecnoloxías e das ferramentas empregadas. De entre as tres propostas finalistas, o xurado escollerá unha persoa gañadora por cada un dos temas, tanto na modalidade individual coma na de grupo. Se as circunstancias o permiten, celebrarase un acto de entrega de premios onde se proxectarán os vídeos finalistas e se darán a coñecer os gañadores.

O premio para o mellor vídeo individual de cada tema consistirá nun teléfono móbil iPhone. O premio para o mellor vídeo en grupo de cada tema consistirá nunha videocámara. Os restantes finalistas recibirán un smartwatch (modalidade individual) e un lote de libros (modalidade de grupo). Ademais, os vídeos serán difundidos a través das contas de Instagram e Twitter do ILG e a través da súa canle de YouTube, e a peza que obteña unha maior puntuación de acordo coas interaccións a que dea lugar ao longo de todo o concurso recibirá como premio unha tableta.

Colaboran a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a cadea de supermercados Gadis.

Bases: https://drive.google.com/drive/mobile/folders/1GlRMYtZaeikld4fer0uX25Wc47h1k1Il?usp=sharing


1 de mar. de 2021

0 comentários :

Danos a túa opinión