A emblemática escritora Helena Villar Janeiro, autora habitual en Galaxia, será protagonista mañá dunha homenaxe nesta XXII edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra xunto ao ilustrador Kiko Da Silva. Ambos os dous repiten este ano, ao non poderen recibila o ano pasado por mor da pandemia. O acto, que estará organizado en colaboración con GÁLIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) terá lugar no Pazo da Cultura, ás 12:30 h, e contará cun laudatio por parte de Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia. Dadas as restricións de aforo este ano, tamén poderá seguirse vía streaming a través da web www.salondolibro.gal
O evento pon a guinda nun programa no que tanto Villar Janeiro como Da Silva tiveron un papel destacado. Por unha banda, aínda podedes visitar unha mostra sobre a figura e universo creativo da autora, ademais dunha serie de traballos realizados nos centros de ensino que xiran arredor da obra dos dous homenaxeados. Por outro, o Salón contou coa última novidade editorial de Helena Villar Janeiro, A fuga de Guillermo, publicada en Galaxia.
Membro da Real Academia Galega, Helena Villar foi pioneira en introducir a lingua normalizada na literatura infantil e xuvenil, pero tamén en promovela en si mesma: cando comezou a súa incursión neste ámbito nos anos oitenta – como conta ela mesma, da man dous seus fillos, aos que compuña letras de cancións e relatos – existía un gran oco na literatura galega para nenos e nenas. Cando estes medraron “non puido deixar” a literatura infantil e xuvenil, da que hoxe é memoria viva: prolífica narradora – ademais de poeta, ensaísta, tradutora e articulista – continúa coa súa paixón e leva xa máis de 25 obras publicadas .
En Editorial Galaxia poderedes atopar moitas obras clave na súa traxectoria, coma Viaxe á Illa Redonda (Premio Barco de Vapor 1986), Raúl (2005), Amor por catro (2018) ou Fina a pirata (2018).
0 comentários :
Danos a túa opinión