A Casa-Museo Manuel María acolle este sábado, día 15, ás 11,30 a fase final da cuarta edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María. Os videopoemas finalistas para expor neste día saíron seleccionados tras unha participación que superou todas as edicións pasadas, cento vinte e dous traballos, os cales foron elaborados por mozas e mozos de ensino non universitario de centros educativos das catro provincias galegas.
O certame destinado a alumnado da ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos ten como finalidade a potenciación da creatividade artística, a través da conxunción da palabra, o son e a imaxe, e o coñecemento e difusión da obra destes vultos da literatura galega. Nesta edición contou con participantes de centros educativos de Vigo, A Coruña, Burela, Rianxo, Gondomar, A Guarda, Ourense, Narón, Sarria, O Milladoiro, Portonovo, Lugo, Guitiriz, Carballo, Marín, Porriño, Panxón, Rodeiro, Xanceda, Palas de Rei, Ferrol, Noia, Ribadumia...
O xurado emitirá, ao final das proxeccións, o ditame dos dous mellores videopoemas desta cuarta edición.
0 comentários :
Danos a túa opinión