'Lareira de soños' de Pas Veres

María Xosé Lamas. -

Cando se chega á idade en que xa vai percorrido máis da metade do camiño da vida, as lembranzas agroman cal sementes que estiveran agardando soterradas o tempo de sazón. Calquera feito nos evoca outro pasado; calquera paso, outro dado; calquera aroma, melodía, sabor ou textura, outras sentidas; calquera nome propio, lugar ou acontecemento, ás persoas coas que nos fomos relacionando a través da senda transitada no tempo xa vivido.

Lembro de nena aquelas noites de inverno en que se reunía a veciñanza a carón da lareira despois de recibir o convite da xente da casa coa frase “Vídevos quentar”. Non só era o lume o que aquecía o corpo, nin sequera as viandas partilladas, senón as conversas enfiadas na tea das historias, os contos e as anécdotas nas que se transmitían saberes e crenzas, feitos e ficcións sobre a vida da parroquia e os seus arredores. Nunha desas xuntanzas me sentín cando lin por primeira vez este libro de Pas, aínda antes de coñecer o seu acaído título “Lareira de soños”.

Hei de dicir que a miña relación cos Vilares de Guitiriz reducíase a uns meses nos que estiven de mestra substituíndo a Paz Gesto –que era por entón a mestra titular- cando naceu a súa filla Antía, coido que no curso 1990-91. Foron só uns meses, mais gardo un fermoso recordo daquela estancia profesional na que me sentín prezada polo alumnado e arroupada pola xente vilarega. Dada a miña situación de provisionalidade, pois naquel momento estaba a servizo de Delegación (unha fórmula que actualmente non existe e que consistía en destinar ao profesorado a un centro base e dispor del cando fora preciso para substitucións na zona), eu levaba comigo ao meu fillo Néstor que contaba con cinco anos e lembro as boas migas que facía cun alumno louriño coma el, Mario, e que a min me chamaba tamén a atención porque coa súa curta idade xa pertencía á agrupación de música e danza de Xermolos, na que tocaba as cunchas, segundo me tiña contado.

Non foi até hai uns poucos anos, cando retomei o contacto cos Vilares e sempre a través de actos culturais, moitos deles literarios, nos que coñecín non só a vida e a obra de persoeiros senlleiros como Díaz Castro, senón a existencia dunha actividade cultural plena da man de dinamizadores como Antón de Guizán e Pas Veres que aglutinaban encol deles a cantas persoas tiñan algo que achegar sacándoas do anonimato e dando valor ás súas actividades. Así, comecei a seguir primeiro á asociación “Os Vilares, lareira de soños” e máis tarde á Nova Poesía Guitirica, da que afortunadamente formo parte.

Foi precisamente ao remate dun dos actos levados a cabo pola NPG en Betanzos, dedicado a María a Balteira, cando Pas me falou do libro que estaba case a rematar de escribir, este que nos trae hoxe aquí, no que relataba a vida nos Vilares repasando cantos acontecementos e persoas lle conferiron existencia. O primeiro que pensei foi no interesante que era o tema e o que dariamos moitos de nós por ter a capacidade de exercicio de memoria e compilación de información que se precisaba para levar a cabo tal proxecto como fixo a nosa autora.

Naquel momento, unha amiga de seu, profesora de Galego, estaba a darlle unha primeira revisión no tempo que lle deixaban as súas ocupacións. Como me deixou tan intrigada sobre o seu contido, dende a perspectiva máis egoísta e argumentando que catro ollos ven mellor ca dous e seis mellor ca catro, ofrecinme a axudar a revisalo. Así, colgado na nube, fun lendo paseniño este fermoso libro e achegándolle as miñas humildes apreciacións pouco a pouco durante un par de meses.

O primeiro que me chamou a atención foi a súa estrutura. Non era un libro ao uso de “memorias” relatado cronoloxicamente, como hai algúns. Tampouco a descrición xeográfica ou antropolóxica dos Vilares. Non.  Tratábase dunha conxugación temática que se desenvolvía encol do sentir de pertenza da autora a unha idiosincrasia concreta, comezando pola familia máis directa, seguindo polo eido relacional e rematando pola comunidade en pleno; abranguendo pasado, presente e aínda futuro do pobo de seu que desenvolveu en catro grandes apartados: De quen vimos sendo?, Os alentos que me quentaron, As vidas silenciosas e Vilaregas de hoxe, cada un dos cales está dividido en capítulos con nome propio, un sinal de identidade con lugares precisos, con feitos concretos, con sagas familiares que deixaron pouso conformando a esencia da parroquia e a súa proxección mundo adiante con todo luxo de detalle que nos fan revivir, incluso a quen somos alleos, os avatares tanto das xeracións precedentes como das actuais.

A segunda sorpresa coa que me atopei foi o estilo. Pas soubo incardinar maxistralmente un estilo xornalístico baseado na entrevista coa linguaxe poética, o que confire á súa escrita un cromatismo auténtico e orixinal. Deste xeito, respecta os dialectalismos das persoas entrevistadas, ao tempo que fai uso dos recursos poéticos máis clásicos, entre o que destacan a imaxe e a metáfora. Así, mestura singularmente a narrativa coa lírica, xa sexa con composicións populares, propias ou alleas, mais sempre no lugar oportuno e co fin concreto de ilustrar ao lector e proporcionarlle toda a información sobre o sentir máis íntimo en cada intre.

Atopámonos, pois, ante unha obra senlleira e digna de ser un referente na literatura galega actual.

Convídovos á súa lectura. Sei de antemán que gozaredes con ela.

Parabéns, Pas! E, por favor, segue a agasallarnos con obras tan fermosas!.

 

14 de maio de 2021

0 comentários :

Danos a túa opinión