'Lareira de soños' en Lugo

Redacción. -

Lareira de soños, o libro de Pastora Veres, será presentado en Lugo o próximo xoves día 13 ás 19:30 no salón de actos da Deputación Provincial nun acto organizado pola Área de Cultura da Deputación e no que intervirán a Vicepresidenta Provincial Maite Ferreiro, o xornalista chairego Xulio Xiz e a autora do libro Pastora Veres.
Pola aplicación das medidas sanitarias do COVID, o aforo será limitado e será necesario inscribirse en calquera dos seguintes correos electrónicos:
cultura@deputacionlugo.gal ou dosvilares@gmail.com

 A publicación é o testemuño documental da parroquia e das xentes dos Vilares (Guitiriz), lugar natal da escritora. Na presentación, a autora estará acompañada por Maite Ferreiro, Vicepresidenta da Deputación Provincial que patrocinou a publicación editada por Edicións Fervenza (www.edicionsfervenza.es) e polo xornalista de orixes chairegas Xulio Xiz que é un dos protagonistas deste libro-DVD que inclúe o documental Entrar aos Vilares dirixido por Cibrán Tenreiro.

Lareira de soños condúcenos a lugares que nos nutren, lugares onde temos as primeiras emocións, sensacións e experiencias universais únicas, sitios cos que temos unha conexión emocional profunda e as nosas raíces inalterables.

Lareira de soños son as historias cotiás dun pequeno mundo da Terra Chá. Historias de persoas fundidas coa terra e na terra, como as herbas dos prados nos que paceron os seus animais. Son momentos percorridos polas vidas deste pequeno universo chairego, que teñen en común con outras vidas doutros lugares do mundo, as angueiras e as calamidades coas que afirman que a vida é traballo e loita.

Son tamén relatos sobre a experiencia das persoas máis novas, que viven aquí ou marcharon porque quixeron descubrir algo novo e non seguiron os pasos dos seus pais nin dos seus avós, aínda que a terra lles siga amarrada á pel.

10 de maio de 2021

0 comentários :

Danos a túa opinión