Redacción. -
As residencias In situ de artes vivas na Fundación DIDAC teñen como obxectivo principal xerar un espazo de intercambio cultural, de pensamento e de creación artística.
Adxudicaranse tres residencias a través dunha convocatoria aberta dirixidas a artistas residentes en España ou Portugal de todos os eidos creativos que traballen no marco das artes vivas ou a performatividade nas artes visuais. Enmarcado no programa Ano Santo Xacobeo 21·22, os proxectos presentados deberán desenvolverse nalgunha das localidades polas que pasa o camiño de Santiago ou estar relacionados co camiño ou o acto de camiñar como espazo de intercambio cultural e creativo, prestando especial atención a aspectos relacionados co patrimonio artístico e natural e a difusión de experiencias que fomenten o diálogo creativo e intercultural.
A residencia inclúe viaxes, aloxamento e 1500€ como honorarios e apoio á produción ademais dun lugar para traballar segundo as necesidades específicas de cada proxecto. Os/as artistas seleccionados/as comprométense a residir en Santiago de Compostela durante un mínimo dunha semana. A Fundación comprométese tamén a presentar as propostas artísticas resultantes deses procesos das residencias no propio espazo da Fundación DIDAC ou noutros importantes espazos de presentación de actividades artísticas, museos, festivais ou outros eventos que garantan a difusión dos proxectos realizados. Os artistas recibirán uns honorarios acordados con cada un dos espazos onde presenten os traballos.
Cada artista ou colectivo deberá cubrir o formulario no que se indican os datos de contacto como correo electrónico, teléfono, lugar de residencia. Deberá incluír un proxecto, explicando nunha páxina os pormenores do motivo da solicitude da residencia e as persoas implicadas, tamén o CV dos/as artistas, unha proposta de accións a realizar coa cidadanía. A extensión máxima da documentación en PDF non debe ser superior a 8 páxinas.
Os proxectos deben presentarse antes do 21 de maio e as residencias desenvolveranse ata o mes de setembro, en datas acordadas entre os/as artistas e a organización. Un xurado de expertos será o encargado de facer a selección de propostas, atendendo a adecuación ás bases, o interese artístico, a innovación e a viabilidade das propostas.
A iniciativa das residencias In situ de artes vivas enmárcase dentro do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.
0 comentários :
Danos a túa opinión