Gañadores do concurso de videopoemas

Redacción. -
Eloi Zabala González, do IES do Milladoiro, co videopoema Cando xa non haxa (https://www.youtube.com/watch?v=a8XkPlyYnhs), e Pablo Araujo Rodríguez, do CPI Julia Becerra Malvar de Ribadumia, co videopoema Cando penso que te fuches (https://www.youtube.com/watch?v=7ShnHa4a8EQ), veñen de seren os gañadores da IVª edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María que organiza a Casa-Museo Manuel María. Os premios foron entregados, na mañá deste sábado, pola vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro Tallón, durante o acto en que se expuxeron os traballos finalistas desta edición.

O xurado do certame, composto polo realizador Omar Rabuñal Varela, o profesor e guionista, Eduardo Álvarez González, e a profesora e guionista, Anxa G. Refoxo, salientou do videopoema Cando xa non haxa que “con eficaces imaxes, un son adecuado, acertada música e bo recitado de voz sosesaga, logra transmitir de xeito notábel o sentir e a beleza do poema. Canto ao outro gañador, o videopoema Cando penso que te fuches, o xurado xustifica o premio “porque con potentes símbolos visuais e un máis que acertado fondo musical en boa harmonía co ritmo de montaxe, consegue facer persoal un poema universal cun resultado de salientábel beleza”

O xurado tamén outorgou unha mención de honra ao videopoema Desexo III (https://www.youtube.com/watch?v=_ko566M2deI), realizado polas alumnas do IES Sanxenxo de Portonovo, Marta González Bermúdez, Lucía Sanmartín Fraga, Clara Sueiro Figueiras, Ainara Vidal Domínguez e Érika Torres Miniño. Deste traballo, o xurado salientou a acertada escolla do encadramento vertical e o branco e negro para a imaxe que, acompañada do son como elemento narrativo, recrea de xeito moi eficaz e moi persoal o poema.

Este concurso ten por finalidade potenciar a creatividade artística a través da harmonía entre palabra e imaxe e difundir a obra de Rosalía e Manuel María.

Nesta cuarta edición que se cerrou no día de hoxe presentáronse un total de cento vinte e dous videopoemas e contou con participantes de centros educativos de Vigo, A Coruña, Burela, Rianxo, Gondomar, A Guarda, Ourense, Narón, Sarria, O Milladoiro, Portonovo, Lugo, Guitiriz, Carballo, Marín, Porriño, Panxón, Rodeiro, Xanceda, Palas de Rei, Ferrol, Noia, Ribadumia...

17 de maio de 2021

0 comentários :

Danos a túa opinión