O vindeiro martes, 9 de novembro, presentarase o disco Escolma aberta, publicado por Editorial Elvira, no Auditorio Municipal do Concello de Vigo. Coa voz de Alberto Cunha como fío condutor, viaxaremos por eses recordos sonoros que marcaron unha época e que sempre paga a pena volver a visitar.
Acompañado por Andrés Cunha á guitarra e polo artista Ramón Trigo ás acuarelas, Alberto Cunha dirixiranos polo libro-disco Escolma aberta, un proxecto cheo de amor á cultura galega. Vai ser un percorrido desde o romanticismo de Rosalía de Castro, ata a nova canción galega da década dos anos setenta, a través de 10 poemas que son 10 cancións míticas nas que se fusionaron importantes figuras do noso eido cultural.
A entrada é libre ata completar aforo (que gusto recuperar os bos costumes!), pero terán preferencia as persoas con invitación. Estas invitacións son totalmente de balde e poden recollerse en 5 puntos estratéxicos de Vigo:
Editorial Elvira (rúa Santiago, 11)
Libraría Librouro (rúa Eduardo Iglesias, 12)
Libraría Cartabón (rúa de Urzáiz, 125)
Libraría Versus (rúa de Venezuela 80)
Pick-up discos (rúa do Progreso, 14)
Hai unha promoción especial do disco na tenda en liña e presencial da Editorial Elvira cunha rebaixa de 5 euros sobre o seu prezo habitual.
Escolma aberta
Hai cousas que nunca deberían caer no esquecemento. Esta é a proposta de Escolma aberta, un traballo que hai uns meses comezaba unha viaxe no tempo e que hoxe ve a luz coa certeza de recuperar esa esencia que non debe morrer co paso dos anos.
Dez poemas que se converten nun libro‒disco que fusiona música, literatura e pintura: unha homenaxe total á cultura galega. Dez poemas que son dez cancións que forman parte do recordo sonoro de varias xeracións de galegos e galegas grazas a Luís Emilio Batallón, Suso Vaamonde, Amancio Prada, Xoán Rubio, Os Tamara, Juan Pardo e Vicente Araguas; voces valentes que se atreveron a cantar na nosa lingua nos momentos de máis escuridade e que merecen ser reivindicadas.
Escolma aberta quere dotar dun novo son as letras de Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Cabanillas, Federico García Lorca, Álvaro Cunqueiro, Alfredo Conde, Manuel Curros Enriquez e Bernardino Graña Villar. Alberto Cunha é o encargado de dar ese halo de modernidade a estes poemas míticos, reinterpretándoos con ritmos máis actuais.
Cada unha destas composicións vai acompañada dun comentario feito por diferentes personalidades do eido cultural galego. Deste xeito conséguese dar unha visión de 360 graos desas pezas musicais que dalgún xeito seguen pertencendo ao imaxinario colectivo da galeguidade. Das ilustracións que completan esta obra encargouse Ramón Trigo, enchendo de maxia un libro que ten o espírito de perdurar no tempo.
0 comentários :
Danos a túa opinión