Redacción. -
Este sábado, 22 de xaneiro, ás 17 horas, a Casa-Museo Manuel María retoma a súa programación cultural para as nenas e nenos e as súas familias cun concerto de Música Miúda.
Música Miúda é unha banda composta por Irene Quinteiro, Miguel Alonso e Óscar Martínez que naceu en 2019 e percorreu con dous espectáculos (“Cambia o conto” e “Historias de Bemol Pequeno”) moitas bibliotecas e escolas galegas. Espectáculos en que mesturan contos e cancións de creación propia, con especial fincapé na diversidade e a integración, cunha perspectiva de xénero. Actualmente están a preparar o seu primeiro libro-disco.
No concerto deste sábado interpretarán os temas da banda que conforman os dous contacontos musicais. A meiga Xela, o dinosauro Pepón, Antía Carapuchiña, o pirata Efrén e máis personaxes levarán ás persoas que asistan pola vila de Bemol Pequeno para aprender, cantar e divertirse nun espectáculo de música en directo para toda a familia.
É unha actividade dirixida para nenas e nenos maiores de 3 anos. Para asistir á actividade cómpre reservar previamente en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621. O prezo do billete é de 2 euros.
0 comentários :
Danos a túa opinión