Tierras raras. Quadra minerale

Redacción. -

O sábado 5 de febreiro ás 12 h, inaugúrase a exposición Tierras raras. Quadra minerale na Fundación DIDAC, un proxecto de Rosell Meseguer que reflexiona sobre a sobre-explotación dos recursos minerais e as súas consecuencias.

Comisariada por Fernando Gómez de la Cuesta, Tierras raras. Quadra minerale indaga na sobrexplotación dos recursos minerais, a contaminación, a asfixia ambiental, o colonialismo, a guerra, a especulación, o capitalismo salvaxe ou a pobreza a través dunha investigación sobre as chamadas terras raras. A exposición parte dun proceso de investigación que ten como soporte os propios libros de artista, e a publicación dun vademécum sobre os elementos da táboa periódica e outros recursos, que permiten explorar os seus usos tecnolóxicos na contemporaneidade.

As terras raras, ou lantánidos, foron extraídas desde finais do século XIX e pertencen a un importante grupo da táboa periódica dos elementos. Na década de 1960 comezaron a aplicarse en tecnoloxía punta e o seu férreo control xerou desacordos e conflitos a nivel mundial. Partindo da guerra e o afecto, profundamente vinculados á colonización mineral, Rosell Meseguer expande a lectura xeopolítica do tema e as problemáticas derivadas da mesma −tecnolóxicas, económicas e sociais−. Unha proposta coa aparencia formal dun estudo académico, dun glosario científico, pero que vai debuxando, baixo as súas múltiples capas de lectura, moitas daquelas cousas para as que serve a arte: producir novas perspectivas, abrir itinerarios inesperados, contribuír a xerar outras sensibilidades, outras formas de ver e de pensar.

Esta mostra conta coa colaboración especial do artista e artesán Frank Buschmann coas pezas Helvética Black e Silla#4, unha mesa e unha cadeira que serven de soporte específico á obra de Rosell Meseguer.
 
Máis información en didac.gal
 

1 de feb. de 2022

0 comentários :

Danos a túa opinión