Redacción. -
O Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba, ven de levar a cabo a montaxe na Casa da Cultura da exposición “O CASTRO, TAMÉN NA ORIXE DA LIXG”, comisariada por Héitor Picallo e organizada por GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) Permanecerá aberta ao público dende o 1 ata o 30 de xuño de 2022. Tal e como se recolle na web de GALIX, o obxectivo da exposición é lembrar o papel de Isaac Díaz Pardo, a través da editora, no desenvolvemento do libro infantil e xuvenil galego. Lembramos que Ediciós do Castro formaba parte do entramado empresarial de Sargadelos xunto coas Cerámicas do Castro e Sargadelos, o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, o Laboratorio de Formas, o IGI,... En 1963 comeza Ediciós do Castro a súa andaina ao sacar do prelo as carpetas de gravados de Seoane (El toro júbilo e El Meco en 1963) seguidas de dúas publicacións de Isaac Díaz Pardo(o ensaio, El Ceramista Arranz y su escuela, e a obra artística, 20 desnudos de Cecilia la Acróbata, en 1964 e 1965 respectivamente), editando os Cadernos do Laboratorio de Formas, estudos científicos, revistas de contido académico, traballos ensaísticos de todas as ramas do saber pero sobre todo obras nas que se recolle a chamada memoria histórica e o exilio. En 1968, por unha carambola do destino, xurde a oportunidade de publicar Memorias dun neno labrego de Neira Vilas; esta será a 2ª edición do libro (a 1ª fíxose na Arxentina) que pasa a constituírse como a primeira obra de ficción publicada polo Castro, e a primeira xuvenil ao ser asumida por este lectorado, a pesar de non estar escrita pensando nese público. A partir de aí, Ediciós do Castro seguirá publicando para a infancia e a xuventude ata o punto de crear catro coleccións: Narrativa pra nenos, O mundo do neno, Poesía pra nenos e Teatro pra nenos. Ediciós do Castro, merece ser recoñecida como unha das editoras que lle prestou atención ao libro infantil a partir dos anos sesenta e ate o seu peche dando a coñecer as obras infantís de Neira Vilas e Anisia Miranda, a primeira obra de Mª Victoria Moreno e moitas outras que forman parte da exposición.
0 comentários :
Danos a túa opinión