Autovía Ferrol-Vilalba

Redacción
A recente inauguración pola conselleira de Política Territorial, María José Caride, do penúltimo tramo de 8'9 quilómetros de lonxitude da Autovía Ferrol-Vilalba (AG-64), entre as Pontes-Cabreiros, non deixa de ser unha boa nova.
Coa apertura deste novo tramo da autovía, no que se investiron 75 millóns de euros, a circulación xa se realiza de forma ininterrompida por 43 dos 56 quilómetros que separan Ferrol de Vilalba, o que supón que o 77% do total do viario xa se atopa en servizo, mellorando a calidade de vida dos residentes e permitindo o acceso de xeito doado aos polígonos industriais dos arredores.
Os restantes 13 quilómetros, entre Cabreiros e Vilalba, comezaron a executarse a finais de 2007 e está previsto que finalicen no outono de 2009, tras un investimento de 40 millóns. O tramo inaugurado, con 9 quilómetros de extensión e dous vertixinosos viadutos, prolóngase desde as proximidades da central térmica e o núcleo urbano das Pontes até a localidade de Cabreiros, no municipio de Xermade.

Un deses viaductos en concreto, o que vai sobre o río Eume, ten unha estrutura de 850 metros de lonxitude e case 100 metros de altura e foi executado sen guindastres con lanzador de elementos prefabricados, minimizando con elo o impacto ambiental. Ademáis álzase a 100 metros de altura e conta con 850 metros de extensión, en forma de uve e sobre un val escarpado. Toda unha obra de enxeñería se temos en conta que para a súa execución se autodesplazaron os materiais sobre o mesmo taboleiro que se ía construíndo, sen as custosas plataformas de traballo en terra habituais, que danan ou contorno.

O trazado inclúe ademáis dous enlaces, o de Vos Airíos, e o de Cabreiros. Pero o mellor de todo é que o novo tramo permite reducir á metade o tempo de circulación con respecto á, ata o de agora, perigosa (pola súa sobresaturación) estrada convencional e evitar o paso polo núcleo urbano d'As Pontes. Datos todos eles de interese posto que soportará un tráfico diario de 5.000 vehículos desde As Pontes, cunha velocidade superior aos 100 km/h e pendentes inferiores ao 5%.
Imaxe: MXM

30 de dec. de 2008

Revista Galega de Educación


Redacción
Neste mes de decembro acaba de publicarse o número 42 da Revista Galega de Educación (RGE). A RGE, que inicia agora a súa segunda etapa -de periodicidade cuadrimestral e dirixida polo chairego Xesús Rodríguez Rodríguez -, defínese como unha publicación pedagóxica, en lingua galega, dirixida ao profesorado e, en xeral, aos educadores/as e técnicos/as da educación en Galicia; plural e construída desde as posicións de reforma democrática da educación, ao servizo dunha sociedade solidaria, libre e cultural e lingüisticamente normalizada, posicións todas elas preconizadas polo conxunto de Movementos de Renovación Pedagóxica, e singularmente por Nova Escola Galega.
A RGE comezou a editarse en 1986 cunha periodicidade trimestral, promovida por Nova Escola Galega e editada por Edicións Xerais de Galicia. A finais de 1988 chegaba aos 800 subscritores/as,cunha difusión de 1.400 exemplares en cada número.
Pero a partir do ano 1997, algúns problemas, en particular ligados á produción editorial, fixeron entrar en crise todo o proceso de elaboración da revista -redacción, produción e difusión-. Así, en maio do ano 2000, a situación vese sometida a unha revisión, xa iniciada con algunha anterioridade, no seo de Nova Escola Galega, a resultas da cal se decide interromper provisionalmente a edición, cando se levaban editados 33 números e a publicación gozaba dun ampla difusión e recoñecemento profesional e social.
A RGE pretende tamén contribuír a articular e a ofrecer instrumentos de expresión e comunicación escrita ao conxunto de sectores profesionais e sociais que postulan orientacións e supostos construídos ao amparo do modelo de Escola Pública. Pretende axudar, por tanto, a impulsar un clima e unha mentalidade pedagóxicos propicios -desde a perspectiva teórica, didáctica e metodolóxica- para acadar un sistema educativo público galego renovado e democrático.
Pica aquí para ver os contidos no sumario.
Tamén podes para ler o editorial.
Máis información na web de Nova Escola Galega.

29 de dec. de 2008

Dez horas correndo


Redacción

Polo menos uns 175 deportistas participaron na I Carreira pola Integración Social "10 Horas Correndo" que se celebrou o pasado sábado 27 de Decembro. O evento estivo organizado pola Asociación Cultural Recreativa e Deportiva "Andrade TAE", en colaboración co Concello de Vilalba.
Cómpre sinalar que entre todos os deportistas percorréronse un total de 104,400 Km. Entre os participantes atopábanse afeccionados ao deporte provintes doutras localidades, así como tamén atletas de nivel autonómico e numerosos membros de asociacións locais, entre elas os xogadores do equipo de fútbol sala "Peugeot Vilalba", moitos nenos e non tan nenos. Uns camiñando e outros correndo fixeron que esta iniciativa fose un verdadeiro éxito, quedando emprazados para o próximo ano co firme obxectivo de tentar bater o numero de quilómetros.
Coma dato curioso diremos que os últimos 15 minutos destas 10 horas fixéronse con D. Xulián Bernal, atleta de 89 anos, quen deu un verdadeiro exemplo de compromiso a través do deporte xa que tanto el como o seu fillo non dubidaron en colaborar con esta 1ª carreira pola integración social. Ao final fíxoselle entrega dun trofeo conmemorativo en recordo da súa colaboración.

A feira do capón de Vilalba


Xulio Xiz

Acudín á feira do capón de Vilalba do vinteun de decembro pasado, con afán etnográfico para de novo empaparme do ambiente reinante na miña Vilalba con este motivo. Facía vintedous anos que non viña a esta feira. Foi en decembro de 1986, e daquela aínda se celebraba no polideportivo dos Castros, e lémbroo ben porque aquel ano confeccionamos un video titulado “O capón de Vilalba”, onde contábamos como era a feira, como eran os capóns, como se criaban e como se sacrificaban.

Cambiaron bastantes cousas desde entón, empezando polo mesmo día de celebración, xa que daquela era o día 19 e agora o 21. A razón que se dá é plenamente práctica, xa que antes os transportes eran máis lentos e facía falla máis tempo para que o capón chegase a calquera punto de España, mentras que agora cos transportes vintecatro horas están antes da Noiteboa en calquera punto de Europa. De feito, na mesma feira, no subterráneo inmediato, estaban os de Ramallal que agora como transporte urxente se chaman Nacex facturando sobre a marcha ducias de capós.

O meu fillo e máis eu chegamos algo máis cedo de que se abrise a feira, cun frío competende de menos dous graos, e non moita xente. De feito, cando se abriu a carpa, entramos a cachón pero entramos deseguida e había máis capóns que visitantes. O proceso foise invertindo e a medida que os capóns ía saíndo do mercado ía chegando máis xente, de xeito que pasadas as once quedaban pouquísimos capóns e non se andaba coa multitude.

Ó comezo, un par de caras coñecidas, ou sexa que a maioría eran de fóra de Vilalba. Logo –non madrugamos moito- todo eran caras coñecidas que visitaban a feira coa curiosidade do forasteiro.

Non había tantos capóns como se pensaba, o cal quere dicir que moitos venderon sen ir á feira, polo que o concello tería que pensar en algún mecanismo obrigatorio para que todos pasasen pola feira aínda que xa tiveran vendida a mercancía. De feito, cando a feira se abriu, unhas cantas mesas cos nomes dos criadores ben visibles quedaron valeiras como proba de que non estaban todos os que son.

A min paréceme moi ben o despliegue de medios que o concello puxo a disposición da feira, o gasto en publicidade, a carpa, os grupos folclóricos, a charanga e todo o demáis, pois o acontecemento vale a pena e desde fóra vese como un espectáculo á vez que un negocio, e o tema do capón de Vilalba é moito máis xa que o dun manxar do Nadal, e para Vilalba é carta de presentación por todo Galicia e boa parte de España.

Ó mellor, ademáis de esixir que todos os que quixeran que recoñecesen os seus capóns como capóns de Vilalba pasasen pola feira, habería que apretar as tuercas a todos os participantes para que o nivel de todos os exemplares presentes fose óptimo, xa que algúns dos participantes na feira reunirán os requisitos esixidos pero tiñan pobre presenza, manchas, e pequena envergadura. Ninguén é perfecto, pero algún capón pasou a proba por pouco.

Na feira estaba o avogado vilalbés Domingo Goás Chao, Presidente da Confraría do Capón de Vilalba, que mercou vintenove pares para as degustacións do capón que vai ofrecer en diversas cidades de Galicia, na capital de España, en varias embaixadas e no Vaticano. Desta, o capón vilalbés, será recoñecido internacionalmente, e a verdade é que non se nos ocorre millor maneira de establecer relacións “diplomáticas” co exterior que degustando un capón vilalbés aínda que sexa fóra do tempo do Nadal.

Manuel María afirmaba que na feira do capón o frío era sempre competente. Nesta ocasión tamén. Que llo digan ó bar Alameda, que queda enfronte mesmo da carpa feiral, que rexistrou uns fenomenais abarrotes de centos de frioleiros que acudimos alí na percura dun café ben quente.

Ó volver para Lugo, escoite pola radio que os capóns se cotizaran a cen euros por cabeza. Nalgúns casos é verdade. Eu vin vender algúns pola metade. Ou sexa, que a cifra era un pouco esaxerada, pero as esaxeracións cadran ben cando se trata de valorar as cousas que posuimos, e esto do capón vilalbés é posesión conxunta de todos nós.

Animacam 2008


Redacción

Animacam, a primeira edición do primeiro festival de animación en liña que hai no país, concedeu esta semana os seus premios valorados en 22.000 euros. O certame, organizado por Limaía Producións, galardoou 11 traballos noutras tantas categorías.
Cómpre sinalar que a metade dos premios foron concedidos polo público e o resto polo xurado. Tamén que non hai creadores galegos entre os premiados que son maioritariamente masculinos, agás a ucraína Maryna Shchipad que se fixo cun premio polo seu traballo sobre os contos populares do leste de Europa, o que recoñecía a mellor película de animación realizada sobre unha adaptación literaria infantil ou xuvenil.
O palmarés desta edición foi coma segue: Premios do Público:Spot publicitario: Vida NocturnaCurtametraxe: Le Chène do francés Pierre Paris.Piloto para serie de TV: Diario MisterioAnimación para móbiles: Snot NewsPiloto para videoxogo: Piopá, unha aventura diferente de Francisco BlázquezAnimación retrospectiva: Unha histoieta de ciencia fixión de Pablo Alibaud e Valpo Animación.Premios Especiais:"CAMPUS STELLAE" (Temática relacionada co Camiño de Santiago): "CAMPUS TERRAE" (Temática medioambiental): Celesc dos brasileiros Rodrigoe Isarael Guimaraes e Doutorr Smith Imaxe e Movimento"CAMPUS AQUAE " (Temática referida á importancia da auga para a humanidade): Rain Down From Above do ruso Ivan Maksimov e Master-filme."GALICIA NATURAL" (Temática tocante á alimentación e/ou a saúde): FAO, giornata mondiale alimentazione"ANÍMATE A LER" (Premio concedido á mellor película de animación realizada sobre unha adaptación literaria infantil ou xuvenil): Baba Yaga da ucraína Maryna Shchipad.

Máis información na web do festival.

As comarcas, esquecidas


Moncho Paz

Hai cáseque doce anos tiña lugar a aprobación do Mapa Comarcal de Galicia, que define a delimitación territorial das distintas comarcas da nosa terra. Como en toda precampaña é convinte facer un exercizo de reflexión sobre promesas cumpridas ou incumpridas, hoxe é a quenda das comarcas como asunto pendente.

En 1997 o Mapa quedou estruturado en 53 comarcas: dez en Pontevedra, doce en Ourense, trece en Lugo e dezaoito na Coruña. O proceso de elaboración da comarcalización galega contemplou factores naturais, históricos, económicos e funcionais; tamén reflectía a opinión da poboación, especialmente no que se refire ao sentido de pertenza a un territorio determinado.

Todos os partidos con representación parlamentaria mencionaban en 2005 a comarcalización nos seus programas. Pouco se fixo, polo que xurde a necesidade de reabrir o debate sobre a ordenación do territorio, implicando a todos os sectores e axentes sociais, dende a Administración até os empresarios, pasando por profesionais liberais, comerciantes, asociacións e organizacións políticas e sindicais.

___________________________

Artigo publicado en Xornal de Galicia e xornal.com. Podes lelo picando aquí

26 de dec. de 2008

Concerto homenaxe aos 80 o vindeiro sábado en Vilalba


Redacción

O vindeiro sábado 27 de decembro terá lugar en Vilalba un concerto homenaxe á década dos oitenta. A partires das 23:30 horas da noite e no Pub Fardela daránse cita os máis novos representantes da movida musical chairega, que compartiran repertorio con vellas glorias daquela época.
A iniciativa é do Club de Fans Os Glutamateiros de Vilalba e a festa, polo que din as malas linguas, está garantida. Non perdan detalle e achéguense esa noite pola Praza de Santa María, previa paso por A Lareira de Pilar Maseda. Recomendable para a saude.

25 de dec. de 2008

Predica, frade...


Paulo Naseiro

Pois ao final foi que si, quen o ía pensar. Nin a administración local nin, polo que parece, a autonómica, están por respectar a lexislación. Outro ano máis, quereríamos que fose o último, pero a ver..., o símbolo de Vilalba, o noso pradairo senlleiro, volve a ter que aturar que o disfracen de vulgar árbore de nadal.

Dicíame o outro día un alto cargo de Medio Ambiente ao que asaltei, certamente alporizado, que o Decreto 66/2007, que regula o Catálogo de Árbores Senlleiras de Galiza, non prohíbe expresamente o feito e que, ademais, o concello tiña pedido permiso, aínda que a Consellaría non resolvera de momento o choio.

Imos por partes. Aprendín a ler ben pequeniño naquel curruncho da Porta de Cima onde a Ofelia termaba dunha recua de pequenos ao tempo que iniciaba a nosa alfabetización. Coido que os Cuadernos Rubio eran os mesmos que se utilizaban masivamente naqueles anos setenta e que, por tanto, a miña comprensión lectora é exactamente a mesma que a de calquera. Ademais, posúo o Certificado de Língua Galega de nivel 4, o máximo posíbel agás que un sexa licenciado en filoloxía galego-portuguesa. Reproduzo o artigo 9º do citado decreto e vostedes axudaránme a ver se o entendín ou non:

Protección.1. As árbores e formacións senlleiras que se inclúan no catálogo considéranse protexidas para todos os efectos.2. A protección implica a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente a súa integridade, a súa saúde e a súa aparencia.

Poderiamos discutir se as guirnaldas luminosas afectan á integridade ou á saúde da nosa árbore. Eu entendo que si, que os buratos necesarios para penduralas, feitos a barrena, non deben ser moi beneficiosos para un exemplar tan vello e achacoso, pero, como se adoita dicir, expertos tiene la iglesia. Mais, dende logo, con respecto á aparencia, sobra calquera comentario.

E non, amigo Bernardo, non se trata de ningunha cruzada particular contra os símbolos relixiosos. Gústame ver o nacemento que lembro de toda a miña vida ao pé da nosa Pradia, e que non lle fai mal ningún. Respecto as crenzas de todo o mundo e non me provocan especial antipatía as manifestacións públicas de fe agás, se acaso, os saraos de Rouco Varela e os altofalantes do crego de San Cucufate. Respecto máis do que algúns autoproclamados beatos teñen respectado as miñas conviccións, e ti sabes que bebo en fontes éticas moi próximas ás da Reforma. Pero, que demo teñen que ver as luces penuradas da Pradia coa celebración do nacemento do voso Mesías? Que clase de simboloxía encerran que a min se me escapa?

E volvo ao conto, que é o que me interesa. Hai case catro anos moitos apostamos por un cambio, unha outra maneira de facer as cousas. Da actual administración local, que lle queren, eu non agardo moito máis siso. Élles o que hai. Si que tomo nota, orabén, de como a Consellaría de Medio Ambiente xere unha cuestión que pode parecer menor, pero a min seméllame ben simbólica. Se non hai capacidade para resolver este tema ben pequeno, xa poden ir tremendo os bosques do Courel ou as dunas de Corrubedo. Descoñezo que outros intereses poda haber por atrás, eu limítome a cinguirme á letra e ao espírito da norma vixente, ben clara como queda demostrado. Para que carallo queremos un decreto de protección de árbores senlleiras se non serve para nada? Para que se molestaron en facelo? Derógueno, en todo caso, pero mentres tanto, cúmprano e fágano cumprir, que para iso xuraron ou prometeron un cargo que, por certo, logo toca renovar. Se cadra...

24 de dec. de 2008

A Gioconda no Nadal


Bernardo G. Cendán

Non soporta tanto símbolo do que non lle interesa ver simbolizado: estas cousas de Nadal póñeno nervioso e irritado. Por principio ecolóxico, irrítano os fíos de luz artificiosa agadunchando polas árbores. Por incompatibilidade colonialista, revírase contra a inundación de abetos estraños e de vellos gordinflóns de barba branca e de roxa indumentaria. Por laicidade hixiénica, rebélase contra a ostentación pública de figuras que teñen o seu lugar no privado. En fin, que queredes que vos diga: Paulo, o meu amigo, évos así. O caso é que hai uns días, ao carón da Pravia, atopouse con dous operarios municipais cargados coas figuras do Belén e preguntáronlle en que orde se debería colocar aquilo ao pe da árbore: onde o burro, onde o boi ... O máis novo dos obreiros non tiña nin idea e o máis vello algo barruntaba, pero non estaba certo. Paulo díxolles, co rostro amoucado, que tampouco o sabía, o que, por suposto, non era verdade, pero dalgún xeito tiña que protestar, porque xa vía vir os vinte días seguidos en que debería soportar aquel espectáculo premoderno. O bo do home rabiaba, pero afíxose, e acabou por pasar sen mirar aquel caseto en miniatura. Ate que un día bateu coa señora Manuela, unha velliña que tiña sona de túzara, pero que lograra conquistar a simpatía do meu amigo porque este soubo descubrir nela un fondo delicado que os máis dos vilalbeses non eran quen de percibir. Deulle o seu brazo e acompañouna facer uns recados. E pasaron, claro está, a carón da Pravia. Manuela ollou de esguello as figuras e non dixo nada, só fixo coa man un sinal rápido e impreciso que, se cadra, podería ser unha cruz. Paulo sorprendeuse, pero, cavilou, non podía ser iso, xa que na súa longa amizade nunca notara no comportamento da señora ningunha mostra de algo relixioso. Decatouse, sen embargo, dun breve aceno, coma un rictus, nos beizos apergamiñados da velliña que, ben mirado, ben podería ser o inicio dun sorriso, sen chegar a selo de todo. Ela tiña sona de túzara porque xustamente nunca ninguén puidera ver un mínimo sorriso no seu rostro. Poida que fose un milagre. En todo caso, se o foi, non por iso o meu amigo Paulo se converteu á fe no Nadal, pero paréceme que xa non rabea tanto cando pasa rente da Pravia. Ou si.

(dedicado a PN)

Cultura galega tamén no Nadal

Redacción

A campaña "A cultura que facemos escóllea no Nadal", organizada pola Consellaría de Cultura da Xunta ten por principal obxectivo contribuír a dar visibilidade aos produtos culturais galegos e lograr que os produtos culturais galegos (libros, discos e filmes) estean entre os elixidos á hora de adquirir os regalos de Nadal. Con este propósito esta fin de semana iníciouse en 300 librarías e quioscos e 70 tendas de discos de toda Galiza, onde se colocaron elementos que identifican os espazos nos que se sitúan os libros, CDs e DVDs galegos. Distribuiranse ademais materiais de regalo para as persoas que adquiran produtos culturais galegos: cadernos de notas e discos compactos cunha recompilación de temas de grupos actuais de xéneros como o folk, o rock e o pop.

22 de dec. de 2008

Premio da Asociación Galega de Editores a Agustín Fernández Paz


Redacción

Dende hai catro anos a Asociación Galega de Editores (AGE), entidade presidida na actualidade por Alfonso García Sanmartín -na fotografía- fai entrega dos Premios da Edición. Neste evento danse cita todos os sectores que traballan na realidade material do libro e no que se recoñece o seu labor a prol da promoción da leitura.

Na presente edición, celebrada o pasado venres no Museo Verbum de Vigo, o escritor chairego Agustín Fernández Paz foi distinguido co Premio "Xosé María Álvarez Blázquez" ao autor do ano, galardón no que quedaron finalistas Justo Beramendi e Miguel Anxo Murado.

21 de dec. de 2008

"Bailarei sobre a túa tumba" de Berta Dávila

Redacción

Berta Dávila presentará a novela «Bailarei sobre a túa tumba» (tamén na versión castelán), gañadora do 4º Premio Biblos-Pazos de Galicia, no salón de Ámbito Cultural do Centro Comercial Compostela (Hipercor e Tiendas El Corte Inglés) o sábado día 20 ás 18 horas.

Berta Dávila, a compostelá de 20 anos residente na Coruña que foi a gañadora do 4º Premio Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 anos achéganos a súa novela sobre a «xeración Xabarín» nun acto no que estará acompañada polo premio nacional de Literatura Infantil, o profesor e escritor Agustín Fernández Paz, que foi quen tutelou a última fase do seu traballo creativo na Casa Grande do Bachao.
Estudante de Filoloxía Hispánica na Coruña, a autora ofrécenos en «Bailarei sobre a túa tumba» un proxecto que, segundo o xurado, «pode cualificarse de ambicioso e dunha sorprendente madurez». A autora tenta «recoller o xeito de ver o mundo e de enfrontarse á vida dos membros da que ela chama a "xeración Xabarín", é dicir, a dos mozos e mozas que naceron na década dos oitenta e "viron os xogos olímpicos na tele, pero non se lembran demasiado"».
O tema elixido resulta moi atraente por moitas razóns. Porque o feito de que o retrato dunha xeración a través duns poucos personaxes sexa un dos máis frecuentes na literatura, lonxe de restarlle méritos, dálle aínda maior interese á proposta de Berta Dávila,pois cada xeración ten o seu xeito específico de enfrontarse ao mundo e á vida, un xeito que sempre é orixinal e irrepetible. A dicir do xurado, que tivo como secretario a Agustín Fernández Paz, que tutelará á gañadora deste ano, «se o tema ten interese, non o ten menos a forma de narrar que Berta Dávila nos descobre na selección de páxinas do texto que presenta: hai unha madurez no emprego das estratexias narradoras, uns diálogos cargados de vida, un intento de trasladar á escrita o ton vital e os rexistros lingüísticos desta xeración de mozos e mozas que viven agora a década dos vinte anos».
O xurado conclúe: «Cremos que no proxecto de Berta Dávila hai elementos suficientes para que del acabe saíndo unha novela moi estimable, que, con seguridade, nos achegará unha voz nova e potente ao noso panorama literario».
Os asistentes ao acto tiveron ocasión de coñecer en primicia absoluta as primeiras secuencias que se coñecen da nova longametraxe de Ángel de la Cruz, «Os mortos van á presa», que ten previsto a súa estrea para o vindeiro mes de xaneiro. Ademais de contemplar a María Castro no papel dunha vendedora de Biblos, os convidados ao Bachao escoitaron en directo a Lucía Rolle acompañada por Vitor Iglesias interpretando, entre outras pezas, o tema central da película.
O premio achégalle á gañadora unha escultura de Luís Loureira titulada A peneira dos soños, un ordenador portátil, a estancia ao longo do mes de outubro na Casa Grande do Bachao para ultimar a súa novela baixo a tutela de Agustín Fernández Paz e a edición da obra en galego e castelán antes de rematar o ano.

Con Berta Dávila foi finalista Zeltia Regueiro Fuentes, de Cambre, tamén presente na cea e que recibiu como agasallo a colección de poesía Arte de trobar do PEN Clube de Galicia e a Mandaio de Biblos.

As tres edicións anteriores foron gañadas por Iria López Teijeiro, a quen tutelou Xosé Luís Méndez Ferrín coa novela Meniña de cristal; Alberto Ramos, que tivo para a súa Dor pantasma a Darío Xohán Cabana como titor, e Patricia Casas que contou coa axuda de Helena Villar para concluir Teselas de cidade.
Imaxe: Biblosclube
Para máis información:

19 de dec. de 2008

Cartas a Antón


Bernardo García Cendán
Lugo, 19 decembro do 2008

Meu amigo Antón:

Xa andamos nas Navidades outro ano máis, e con esta carta quero manifestarche, meu burlón amigo, a miña felicitación. Por certo, non sei se será politicamente correcto dicir iso de Navidades, ou Nadal ou Natal, nestes tempos nos que algunha xente anda moi preocupada pola supresión de linguaxes relixiosas e pola conseguinte implantación dunha linguaxe laica. A Igrexa, segundo eles, xa dominou tempo dabondo ao persoal. E, se cadra, teñen algo de razón. Habería que o discutir, pero agora non teño ganas. Ao mellor nesta carta tería que che dicir simplemente: boas festas de invernía. Pero en fin, se lles pedimos desculpas aos nosos oíntes máis puntillosos, e se teñen en conta a miña condición sacramental e a túa de cachazudo tradicionalista, non creo que se nos alporicen en demasía. Así que, meu Antón, que teñas boas festas natalicias ou renatalicias, é dicir, que renaza en ti cada día o misterio do Amor. Do amor de verdade, claro, porque para o outro xa vas indo algo vello de máis.

E, para que todo comece ben, non te prives de gozar dese preludio festeiro, neste caso laico de todo, que nos oferta a nosa vila desde tempos remotos: a feira dos capóns, unha palabra, por certo, ben simbólica no senso máis literal e material do termo. Seguro que has estar alí ben cediño, no Cementón, baixo da carpa prodixiosa, mesturando as túas palabra quentes coa friaxe do ambiente para elaborar ese bafo invernal que che invade o rostro por baixo da inevitable boina. Non sei se mercarás ou non, porque, como me di sempre a túa dona, es cutre dabondo; pero estou seguro de que non has deixar de axudarlle aos teus fillos a detectar os mellores pitos que, ás veces, non son precisamente os elixidos polos entendidos para darlles os premios do Concello. Nunca se me esquece o espectáculo de te ver a ti en actitude competitiva co noso amigo Domingo Somoza, que Deus teña na gloria, para conseguir en bo prezo aqueles pitos que seguramente non eran os máis aparentes, pero dos que vós coñeciades, pola experiencia que non dan os estudos, a súa excepcional calidade. Domingo sempre me explicaba que o máis da xente non se apercibía de que seren os bechos grandes coma bois non indicaba precisamente que fosen os mellores. E ti tamén o sabías. Así que ti preguntabas o prezo e, cando cho dicían, poñías cara de sarcástica sorpresa e íaste dalí coma quen se burla das pretensións dos vendedores; pero, iso si, sen perder de vista quen se achegaba a velos. Se o posible pretendente era o Domingo, ti retornabas de súpeto para que non chos levase, pero tendo coidado de que a pugna entre os dous non aumentase en exceso o prezo inicial que puxeran os vendedores. O importante era que, entre os dous, puiderades convencer ao criador de que os seus capóns non eran malos, pero non pasaban de regulares. Faciades así un xogo moi curioso do que eu teño gozado moito. Era, nin máis nin menos que o xogo do mercado en estado puro. Agora xa non teño moi seguro que se dean estes xogos de tácticas e estratexias, porque, entre outras cousas, paréceme que, en realidade, xa non queda apenas feira. Polo que me din, os máis dos capóns véndense nas casas e os que van á feira non son máis ca produtos residuais. De feito, estes anos pasados aí polas dez e media da mañá xa non se percibía o mercadeo: non quedaba máis ca ruído de gaitas e charangas que non permitían nin sequera escoitarse para o regateo. Algúns téñenme comentado que esas etiquetas certificadoras da calidade do animal circulan polas casas dos produtores con excesiva facilidade. Eu non o sei – nunca criei capóns nin nada – pero sería mágoa porque estou convencido de que non é o capón o que fai a feira senón que, ao revés, ven sendo a feira a que, co seu prestixio, transforma calquera pito en capón. De non ser por ese mercado e polas súas garantías, o animaliño non sería máis cun pito ben mantido, pero non o instrumento dalgún agasallo primoroso co que pagar favores. O valor está na chapiña que o acompaña.

Non sei o que cumpriría facer para conservar o espectáculo da feira. Pregunteille aos meus colegas de Facultade, especialistas en marketing, e aínda agardo resposta; pero, en todo caso, os responsables do evento anual deberían meditalo coidadosamente, non vaia ser que, de non facer algo, morra a feira e con ela o prestixio dos capóns que alí se veñen buscar, precisamente por seren admitidos nela.

E nada máis por hoxe. Merca ben e fai todo por ser feliz, nas festas e despois delas, malia todas as crises do mundo mundial.

Feira do Capón 2008

Redacción
O vindeiro domingo 21 de decembro de 2008 celébrase en Vilalba a tradicional Feira do Capón. O evento comezará ás 7:00 horas da mañá coa entrada dos capóns no recinto feiral. Desde a entrada dos capóns até as 9:30 o persoal de control coloca os identificadores do capón. Simultaneamente un xurado irá examinando os capóns para logo deliberar e decidir sobre os premios.


A apertura da feira ao público terá lugar ás 9:30. Amenizarán o acto varios grupos como "Entre lusco e fusco", a "Charanga", a "Agrupación de gaitas Mato Vizoso" e as "Pandereteiras de Andrade". Ás 12:00 terá lugar a entrega de premios aos mellores criadores/as. Serán os seguintes:


MELLOR CRIADOR/A: 300 euros e diploma.
MELLOR CESTA: 200 euros e diploma.
MELLOR PAR: 150 euros e diploma.

A entrega terá lugar no fornelo da Praza da Constitución. E a partir das 12:30 comezará a degustación gratuita de tapas de Capón de Vilalba nos bares e restaurantes da vila (anunciados como local colaborador na entrada). Tamén poderanse comprar produtos típicos (queixo de San Simón dá Costa, Roscón, roscas, e outros produtos artesanais), no recinto feiral situado en Praza da Constitución.

25.000 visitas

Redacción


Hoxe chegamos ás 25.000 visitas e querémolo celebrar con todos vostedes. Dende a posta en marcha desta páxina web -o pasado 4 de febreiro- foron moitas as suxestións e colaboracións recibidas, o cal é motivo de celebración por dúas razóns: o recoñecemento social que supón o feito de contar con un público fiel, e tamén o noso plantexamento editorial de converternos nunha web de referencia no eido da cultura galega.

Non podiamos ter mellor cumpleanos. Como saben, 2008 é o ano do noso 25 aniversario. En 1983, tres rapaces decidimos elaborar un xornal en galego nun contexto no que a normalización do idioma aínda estaba a dar os seus primeiros e titubeantes balbuceos. Unha normalización que comezara oficialmente dous anos antes coa aprobación do Estatuto de Autonomía e, a partires do mesmo, coa creación da Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta e o Consello da Cultura Galega, entidade que tamén está a celebrar en 2008 os 25 anos da súa fundación.

Vintecinco anos despois, recuperamos o espírito daquela aventura mediante as novas tecnoloxías. Da multicopista a Internet, a técnica mudou, pero non os nosos anceios de informar e de opinar. Tampouco a nosa defensa a ultranza da liberdade de expresión. Grazas por acompañarnos nesta nova andaina; e convidámolos a que sigan connosco ata 2033, onde celebraremos todos xuntos o medio século de A Voz de Vilalba, se a saude e a sorte nos acompañan. Bo Nadal e Feliz 2009.

O chef das letras


Moncho Paz

Casino de Madrid, decembro de 2005. Un grupo de xornalistas comparten mesa na cea anual da Asociación de Directivos de Comunicación. Nos postres, un deles anuncia que nun par de meses publicará a súa primera novela, á que se refire como un futuro best-seller. Chegou a vender máis de 500.000 exemplares e traduciuse a corenta idiomas.

Este tipo de literatura mistura unha serie de elementos: intriga, sucesión vertixinosa de esceas en diferentes espazos, predominio do diálogo, creación de personaxes rotundos ou presenza de grupos secretos (loxias, ordes relixiosas, espionaxe internacional…).

Estes elementos pódense atopar en calquera novela de acción; pero o que vai diferenciar un best-seller doutra obra que pase desapercibida é a singularidade de conseguir a proporción exacta da súa composición: é como unha receita de cociña, onde todos coñecemos os ingredientes pero o verdadeiro arte está en saber combinalos. Tras aquel libro viñeron dous máis, e hoxe ninguén dubida que nos atopamos ante un “chef das letras” de primeira clase. Estamos a falar de Juan Gómez-Jurado, o Ken Follet español.
______________________________
Na fotografía, Gómez-Jurado e Ken Follet.
Pica aquí para ler este artigo publicado en Xornal de Galicia e www.xornal.com

Galicia 25, unha cultura para un novo século


Redacción

A exposición itinerante “Galicia 25. Unha cultura para un novo século” -inaugurada o pasado luns en Pontevedra- estará aberta ata o vindeiro 18 de xaneiro no Centro Social Caixanova. Estruturada baixo as denominacións “formas e espazos”, “palabras, imaxes e sons” e “fíos e desafíos” a exposición abrangue arquitectura e identidade, cultura ambiental, espazos da comunicación, deseño e industria, historias debuxadas, o valor do patrimonio, a creación, a sociedade do coñecemento, os sons do lugar, o territorio luminoso das palabras, a festa dos mais novos, o libro, imaxes e ficcións, artes escénicas e as diferentes posibilidades e presenzas de Galicia no mundo por todos os camiños ou navegando outros mares.

A mostra, integrada por 25 módulos ou unidades temáticas, “non é un inventario, senón mais ben unha mensaxe de futuro e unha expresión da pluralidade e do policentrismo da cultura galega”, segundo considera Ramón Villares, Presidente do CCG, entidade promotora desta idea, que conta co apoio de Caixanova e da Xunta de Galicia.

Para Victor F. Freixanes, comisario da mostra xunto con Iago Seara e Henrique Monteagudo, “Galicia 25″ é “un escaparate da cultura galega, a imaxe dun país en marcha que ten algo que dicir e quere dicilo, unha cultura e un idioma con capacidade para dialogar e interactuar con outras culturas e outros idiomas en igualdade de condicións, sen arrogancias e sen complexos”. Esta iniciativa forma parte do programa de actos organizados polo Consello da Cultura Galega para conmemorar os seus primeiros 25 anos (1983-2008). Con anterioridade puido verse en Vigo, onde foi visitada por máis de doce mil persoas.
_______
Foto: CCG

18 de dec. de 2008

Diverslinguae, pluralismo lingüístico no Estado español


Redacción

Esta semana presentouse en Compostela a asociación Diverslinguae, que nace co obxectivo de dar a coñecer a realidade plurilingüe do Estado español e defender os dereitos lingüísticos dos pobos con idiomas minorizados no ámbito estatal. Forman parte dela A Mesa pola Normalización Lingüística, a Fundación Aurten Bai, Euskara Kultur Elkargoa e o CIEMEN (Centre Internacional Escarré per a les Minories Ètniques i les Nacions), entidades que manteñen unha colaboración permanente e prolongada no tempo e que integran o Comité do Estado Español da Axencia Europea das Linguas Minorizadas (EBLUL-European Bureau for Lesser-Used Languages).

Entre as misións desta nova asociación está a de monitorizar o cumprimento da normativa en materia de dereitos lingüísticos, algo que xa se vén facendo desde EBLUL, unha asociación que naceu a instancias do Parlamento Europeo e que colabora ademais con outros organismos internacionais, como o Consello de Europa, o Comité das Rexións e a UNESCO, entre outros. Os representantes das catro entidades que forman Diverslinguae, presidida por Carlos Callón -na fotografía-valoraron hoxe o informe asegurando que “máis unha vez, a Administración do Estado recibe un suspenso, e especialmente no tocante á atención ao cidadán e na administración de Xustiza”.

No Muíño do Rañego, á beira do Paseo dos Soños


Xulio Xiz

Aínda había ben xente no Muiño do Rañego para asistir á homenaxe que se lle rendeu ó escritor vilalbés Agustín Fernández Paz, por ter obtido o Premio Nacional de Literatura infantil e xuvenil, e por toda a súa traxectoria literaria.

Os que viñeron de fóra tiveron moito mérito porque se ben por aquí non había neve, os que viñan da Coruña, de Vigo, de Santiago ou do sur da provincia si que a atoparon, e o frío era competente.

Normalmente sempre empezamos estes actos con notable retraso porque nos imos xuntando fóra, vendo persoas coñecidas de hai tempo, falando, e cando damos subido e nos sentamos xa pasou media hora. Neste caso fomos puntualísimos, como máximo un retraso de tres ou catro minutos, porque como facía tanto frío fóra, todos nos fomos abrigando rapidamente.

O Alcalde mandou que as estufas estiveran encendidas desde vintecatro horas antes, pero valeu de pouco porque algúns dos asistentes empeñáronse en sair ó balcón ver a paisaxe circundante e a circulación do aire fixo o papel que tiña que facer. En fin, que todos en abrigo, pero todos contentos.

A min deixoume impactado –por similitude- unha cousa que dixo Agustín de que a súa Vilalba xa non existía, aquela Vilalba dos seus recordos, a Vilalba que hoxe está debaixo dos edificios da cidade cultural e tantas outras cousas. E é verdade, aquela Vilalba dos nosos tempos – somos os dous da colleita do corenta e sete- non existe; non existe máis ca na nosa memoria, e hoxe as xentes son outras, os edificios son outros, a xeografía urbana é moi outra. Pero se embargo mentras nós vivamos, mentras tamén vivan os que gardan similares lembranzas, aquela Vilalba permanecerá viva no noso interior e ás veces cando contemplamos a Vilalba moderna podemos intentar enganar ós nosos ollos e finxir que miramos ó exterior cando na realidade estamos mirando para dentro e vemos o que queremos ver, oímos o que queremos oir, e sentimos o que verdadeiramente debemos sentir.

A pesar do frío, os que non coñecían o Muiño do Rañego, alucinaban co magnífico espectáculo que forma o muíño coa contorna, co río como ía cheo, co Paseo dos soños – que mirade que é bonito o nome!- que xa ten trescentos metros.

O mellor me pasei un pouco cando dixen que contando os tres km. que hai desde o Rañego ós Freires, e outros tantos de volta, dan para sesenta pedroulos en homenaxe a outros tantos escritores. A razón de un por ano, temos por diante sesenta anos de “capacidade” neste traxecto, que se pode prolongar hacia a Ponte Rodríguez por baixo, e por riba hacia Lanzós. E se non nos da tempo ós que agora andamos neso a eses sesenta, mal será que non haxa quen siga, do mesmo xeito que mal será que non vaian nacendo escritores novos que andando o tempo merezan esta singular homenaxe en pedra que queda para sempre á beira do río.

A min, ó final, pasoume o de sempre... Cando chego a Fabilus, tiro en dirección a Ribadeo, tendo que dar a volta na estrada de Cospeito. E ó sair, pretendendo volver á estrada de Lugo, acabo en “San Juan diAlba” como recordou Agustín que lle chamabamos de pequenos á parroquia de Alba. Pero eso non importa, porque o importante é todo o demais.

O importante é poder seguir concentrándonos amigos de vello no vello Muíño do Rañego, e colocando moitos hectómetros literarios máis no fermosísimo Paseo dos Soños de Vilalba.

Imaxe: Foto SUSO
Pica aquí para ver máis imaxes do evento

17 de dec. de 2008

“The Galician Way”, marca da cultura galega no exterior


Redacción

A Consellería de Cultura quere facer da cultura galega a canle principal para a proxección de Galicia no mundo. O forte impulso que durante esta lexislatura lle deu o departamento que dirixe Ánxela Bugallo á promoción no exterior da nosa cultura e dos nosos creadores potenciaranse co lanzamento de The Galician Way unha marca con imaxe unificada para a exportación da música, a literatura, as artes escénicas, as artes plásticas e o audiovisual galegos.

A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará -na fotografía- presentaron as liñas que marcarán o traballo a prol da proxección exterior da cultura galega no bienio 2009-2010. A partir da base sólida do traballo dos últimos catro anos, artellarase un novo impulso para a promoción internacional sustentado na creación e desenvolvemento das ferramentas específicas necesarias.

A primeira destas ferramentas é a creación da marca e a imaxe The Galician Way, un paraugas baixo o que se agrupan marcas específicas para a proxección exterior de cada un dos sectores da nosa cultura: Galician Tunes (música), Galician Books (literatura), Galician Art (artes plásticas), Galician Shows (artes escénicas) e Galician Films (audiovisual). A web thegalicianway.com agrupa toda a información dirixida ao exterior referida a estes cinco campos da cultura galega.

Sen renunciar a actuar en calquera espazo xeográfico, a Consellería fíxase unha serie de territorios nos que incidirá a acción exterior: a comunidade de países de lingua portuguesa, e moi especialmente Brasil; América do Sur; a Península Ibérica e Europa. A acción exterior de Cultura traballará a dúas bandas: na promoción internacional da lingua e da cultura galega e na proxección exterior das industrias culturais e dos seus produtos e servizos.

16 de dec. de 2008

Prioridades e indignidade política

Martín Seco García
Dende o anuncio feito por Zapatero da creación dun fondo estatal extraordinario para o desenvolvemento de obras no eido local co fin de promocionar a creación de emprego nestes duros momentos de crise, de seguro que todos os políticos con inquedanza do noso Concello e moitos cidadáns preocupados se preguntarían a que obras adicarían os 2,7 millóns de euros que o noso municipio pode conseguir por esta vía.

Seguramente que o Concello de Vilalba non consigue todos os días cáseque 500 millóns das antigas pesetas, para o desenvolvemento de obras que tan necesarias poden ser para o benestar dos nosos veciños e con esa preocupación -e como non podería ser de outro xeito- os concelleiros socialistas comezamos a debatir sobre as obras que considerábamos máis necesarias para o noso Concello. Coa finalidade de consensuar as nosas prioridades, para logo defendelas no escenario político onde os veciños de Vilalba nos encargaron que defenderamos os seus intereses; ese escenario non pode ser outro que a Casa Consistorial e o marco, sen dúbida, ten que ser un pleno extraordinario, onde ante un tema de tal importancia todos os grupos políticos puideramos debatir sobre as nosas ideas para o desenvolvemento destas obras e así colaborar no ben común de facer un pobo mellor para todos.

Pero para a nosa sorpresa, o desenvolvemento democrático ao que nos tiña acostumados o anterior alcalde leva dado moitos pasos atrais dende a chegada do señor Criado á Alcaldía de Vilalba. Lonxe de ter un axeitado comportamento democrático e ser él mesmo quen convoque este pleno extraordinario, ou algunha comisión onde se puidesen escoitar todas as voces, adoita unha postura indigna do máximo representante dun Concello como o noso, con falsas acusacións de despilfarro pola convocatoria deste pleno polo noso grupo. Tendo en conta que hai só “uns días” negouse a rebaixar un chisquiño o seu elevadísimo soldo e nos atopamos despois coa sorpresa de que se adica a mercar dous vehículos novos para o seu propio uso nestes intres tan duros de crise, ou se adica a gastar os cartos de todos, en devolver festas e cuchipandas co irmandado pobo de Collado Villalba, ademais de outros gastos superfluos que poderían e deberían de ser revisados, iso sí que é austeridade Señor Criado!. Por isto é indigno cando acusa aos membros do Grupo Municipal Socialista de “irresponsabilidade política” e “tomadura de pelo” polo gasto que produciría un pleno extraordinario para as arcas municipais, agachando tras esa acusación a súa ineptitude para debatir coa oposición das problemáticas políticas do noso Concello e a falla de carácter democrático ao que nos está acostumando este señor a todos os vilalbeses, cando se nega a debatir ca oposición tanto fora como dentro da Casa do Concello.

Como se pode acudir a posturas completamente totalitarias, máis propias de antigas épocas escuras, utilizando a capacidade de decisión a ten o grupo de goberno do PP por ter a maioría suficiente para gobernar o noso Concello, sen ter en conta os dereitos dos membros de oposición ao control e fiscalización dos nosos gobernantes, senon... para que existe a democracia señor Criado? Gustaríalle ter o poder absoluto e que o resto dos grupos non puidésemos opinar sobre os temas do noso Concello por non ter a maioría para facelo?. Dende a oposición temos dereito a confrontar os nosos proxectos co grupo de goberno e lembrarlles a necesidade de dar resposta a moitos problemas dos veciños, ademais de simplemente facerlle chegar as nosas ideas que poden ser de utilidade para o desenvolvemento do traballo de goberno que, sen dúbida, vostedes teñen que realizar e que, moitas veces, semella que o fan sen ter en conta as prioridades veciñais e que gobernan só para satisfacer os seus propios intereses. E ademais, cando fale de irresponsabilidades e tomaduras de pelo, non dubide que a posibilidade de convocar este pleno extraordinario ven reflectida nas leis que permiten que un grupo político coa nosa representación convoque un pleno extraordinario incluso ata tres veces o longo do ano e que é a primeira vez que o facemos, porque precisamente por responsabilidade política só utilizaremos este dereito para temas onde consideremos de grande necesidade para os intereses dos nosos veciños.

Voltando ao tema -e dende un punto de vista máis persoal- se eu tivese a posibilidade de decidir que facer con este fondo, gustaríame que se priorizase a realización de obras para facer da nosa vila un lugar máis habitable para os nosos veciños, realizaría obras de urbanización das rúas máis desfavorecidas, poñería en valor os espazos públicos existentes no noso Concello (prazas, xardíns, parques infantís, zonas de esparcemento, espazos parroquiais...), melloraría o mobiliario público tan deteriorado no noso pobo, eliminaría as barreiras arquitectónicas que encerran na casa a moitos veciños, faría un esforzo en darlle un bó repaso ao noso casco histórico e as serias inquedanzas da súa asociación de veciños e, sen dúbida, tomaría medidas para mellorar a seguridade vial dos cidadáns do noso Concello. Por outra banda, priorizaría a necesidade de obras de traída e saneamento nas parroquías e crearía un plan de utilización de aglomerado en quente para as pistas da nosa zona rural, comezando polas máis necesarias. Ese lavado de cara que necesita o noso pobo é un berro de necesidade que todos os que amamos Vilalba consideramos inaplazable e que podería comezar xa, se os nosos gobernantes utlizan estes cartos, pensando nas prioridades dos veciños e non nas súas propias. Agardamos que así sexa e, senon, debería saber o Partido Popular que aquí estará a oposición para lembrarlles as súas obrigas en todos aqueles foros que fosen necesarios.
Imaxe: MXM

15 de dec. de 2008

Agustín Fernández Paz xa forma parte do Paseo dos Soños


Moncho Paz

Máis de cento cincoenta persoas déronse cita na mañá de hoxe na homexaxe ao escritor Agustín Fernández Paz, promovida pola Fundación Manuel María da Terra Chá e que se celebrou a partir das doce no Muíño do Rañego de Vilalba.

O autor de O último que queda é o amor, obra recentemente distinguida co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil que otorga o Ministerio de Cultura, estivo acompañado por outros membros da súa xeración, todos eles escritores e igualmente premiados en anos anteriores co devandito galardón: Fina Casalderrey, Xavier Puente Docampo e Paco Martín.

Tamén contouse coa presenza de Manuel Bragado, director de Edicións Xerais de Galicia, e Alfonso Blanco Torrado, presidente da Fundación Manuel María. A presentación correu a cargo do xornalista vilalbés Xulio Xiz Ramil, editor de Galicia Dixital e colaborador de A Voz de Vilalba.

Cada un dos escritores que acompañaron a Fernández Paz fixeron unha breve disertación sobre a súa persoa, referíndose ao conxunto da súa obra e lembrando unha serie de anécdotas vividas na súa compañía. O autor homenaxeado deu ás grazas “ás tres tribus aquí presentes: a da familia, a literaria e a os amigos e veciños”, despois de rememorar algunhas vivencias da súa infancia na capital da Terra Chá.

Tras rematar o acto no Muíño do Rañego, a Fundación Manuel María dedicou a Agustín Fernández Paz o terceiro hectómetro literario do xa popularmente coñecido como “Paseo dos Soños” de Vilalba. Unha escultura de Valdi sirve de símbolo da obra deste singular chairego, formando parte da paisaxe. As dúas homenaxes anteriores foron para Paco Martín, autor de Das cousas de Ramón Lamote, e para Manuel María, a título póstumo, no medio século da tradución ao portugués de Os soños na gaiola.

Pica na imaxe para ver as fotos da homenaxe a Agustín Fernández Paz (Foto SUSO)

14 de dec. de 2008

Os xornalistas galegos dótanse dun código deontolóxico de seu


Redacción

A Asemblea Xeral do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), celebrada onte en Compostela, aprobou o Código Deontolóxico da profesión, que o xornalista "debe defender e aplicar rigorosamente" para garantir o dereito da sociedade a recibir unha información plural, veraz e independente. O Código Deontolóxico foi elaborado nos primeiros anos de vida do Colexio; neste tempo foise adaptando as suxestións e modificacións que os propios colexiados foron aportando. O texto establece os puntos básicos para a ética da profesión.

Na súa declaración final, propón a creación dun Consello da Comunicación de Galicia "organismo arbitral, representativo, plural e independente dos poderes públicos" que defenda a sociedade dos "intentos de limitar o dereito dos cidadáns á liberdade de expresión e de información, mediante actos ou opinións dirixidos a restrinxir ou influir lesivamente na libre actividade dos medios de comunicación e de quen traballan neles".

O texto defende como "necesario" o establecemento de estatutos de redacción nos medios "como instrumento máis axeitado para acoutar os seus dereitos e deberes nas empresas, e para conseguir, en última instancia, unha maior transparencia no exercicio da súa función diante dos cidadáns". A declaración final tamén fai unha férrea defensa do segredo profesional e da claúsula de conciencia, como ferramentas para garantir os seus dereitos profesionais.

Ao longo de doce puntos, o Código Deontolóxico enumera os criterios que debe atender o xornalista para desenvolver con ética a súa profesión. As indicacións sobre as informacións relacionadas con menores ou que poidan suscitar discriminacións, sobre o off the record, a obtención de imaxes e informacións, as retribucións e as rectificacións forman parte, entre outras, desta norma de autorregulación da profesión xornalística.

Do Calexón do Gato

Bruno Marcos



Dicía Valle que había que facer pasar aos heroes polo calexón do Gato onde os espellos curvos os deformarían ata esaxerar as súas proporcións de xeito que sería máis evidente o grotesco deles. Pero o caso é que parece que a realidade fose a pura caricatura e o calexón do Gato “a prensa”, o que endereita un pescozo demasiado curto, unha fronte estreita ou unhas orellas enormes.



O tremendo realismo hispánico imperante hai séculos cre en que o grotesco, o surrealista ou o esperpento non son esaxeracións senón a mesma esencia da realidade patria. Así é que nunca acabou de callar ningún dos movementos máis ou menos imaxinativos das artes e todo a mesmo arte contemporánea non se viu senón como unha picaresca máis, unha tomadura de pelo colosal que ninguén se tomou endexamais en serio.



Pasan pola prensa os personaxes e saen perfectamente proporcionados, xa sexan un pintor de xigantescas cúpulas que case ninguén quere e cústannos millóns, ou provincianos directores saíntes de museíños locais con complexo de universais, tamén moi ben pagos.



No Calexón do Gato o pobre bohemio, que trasuntara a peripecia vital da última noite de Alejandro Sawa, albiscou o método da súa nova estética, unha matemática crítica. Alí un espello cóncavo e outro convexo transformaban a todo o que pasaba por el nos tan arquetípicos Sancho Panza ou Don Quixote. Quen será quen? Seguramente todos metade e metade de cada un.



Ben é certo que da rúa de Álvarez Gato, naquel momento poeta cortesán que chegaría a ser mordomo de Isabel a Católica, os espellos deformantes hai tempo que desapareceron, como de todos os lugares, e a caricatura esperpéntica é o paradigma da nosa realidade. Non son necesarios os espellos aberrantes, sen darnos conta, mudámosnos a un calexón do Gato que está por todas partes. “Que palacio estaba deshabitado?”, preguntaba Max, sen dúbida o das artes, con toda seguridade o político, sen dúbida o económico… e todos os demais.



Ninguén se ve como os personaxes grotescos que debemos encarnar. Cando sexamos pasado destacarán como agora os de onte: o xornalista que escribe o que lle mandan, o crítico de arte que louva ao seu señor de quenda, o moderniño que non fai senón o costumismo de hoxe…



Máis vale ter un pouco de dignidade autocrítica, aínda que sexa xa ao final, na despedida, que saír sendo a mesma caricatura dun mesmo. Quizais ese derradeiro xesto redima ao esperpento a última hora e evite o seu caer nunha historia do grotesco que, de todos os xeitos, irá á caixa do lixo.



Ao fin non son malos o versos de quen dá nome ao calexón, o cabaleiro Álvarez Gato, os que ordenou que labrasen sobre a súa tumba: "Procuremos bos fins / que as vidas máis louvadas / polos seus cabos son xulgadas".




Traducción: Mario Paz González
Imaxes: e-norte

13 de dec. de 2008

Cartas a Antón


Bernardo García Cendán
Lugo, 12 decembro 2008

Meu amigo Antón: Supoño que non terás inconveniente que eu lles conte aos nosos oíntes que non andas ben de saúde. E que lles diga tamén que se sempre che tiven admiración, esta medra moito en circunstancias como as que estás a vivir. Es moi túzaro e moi cazurro, ben o sabes, e, ás veces, fasme desesperar, pero teño que recoñecer que a túa capacidade de sufrir en silencio os quebrantos da saúde, sen implicar aos que te arrodean na tristura das túas angueiras e preocupacións, suscita en min un respecto que algunha vez che debo confesar así abertamente. Sei que agora estás a pasar un moi mal momento, pero tiven que adiviñalo, ti calabas. Mesmo cando sospeitei do teu mal e che preguntei por el, ti trataches de quitarlle ferro e lograches que a nosa conversa se mantivese, coma sempre, no clima de ironía que adoitamos manter. Paréceme admirable, porque eu non sería quen de facelo: cando ando mal, non dou evitado que os meus amigos se decaten axiña. Nisto gustaría de ser coma ti. Así que, meu Antón, grazas por ser como es. Ben ves, hoxe toca de loanza que, dadas as circunstancias, fago compracido, pero sen que serva de precedente, porque, mentres respiremos, ti seguirás a ser para min o Antón cachazudo e retranqueiro que sempre tes sido.

E xa que vai de loanzas, teño que dicir que cadro de acordo contigo no que me comentaches esta mesma mañá a carón da tenda do noso amigo Luís do Serafín. Alí estabas ti canda el comentando o xeitosiña que quedou a casa onde está o bar Pafe. Vós que sodes máis vellos ca min cadrabades de acordo en resaltar a semellanza coa construción inicial que os restauradores souberon reproducir: os ferros dos balcóns, as madeiras traballadas das galerías, e mesmo a color do conxunto. Aínda lles queda por mudar, supoño que o farán, aquelas portas de aluminio gris que dan acceso á vivenda e ao bar, e dada a nova situación, entendo que lles han permitir modificar o penal que abeira o paso ao Parador. Non teño inconveniente en me xuntar a vós para darlle os parabéns aos propietarios que decidiron a restauración, coa esperanza de que outros máis sigan por esta liña. Sen ir máis lonxe, o edificio que está ao carón (o que foi do Abelleira), con moi fermosas galerías en ruína, pero tamén outros moi notables como o de Carballal ou a parte traseira do que foi casa de don Plácido, un estilo chabolista fronte á entrada da Torre.

As xentes sensibles da nosa vila han quedar agradecidas, porque ben merecemos sentirnos nunha paisaxe urbana bonita despois de que nos últimos anos tivésemos que soportar tanta zafiedade na construción e no urbanismo con que nos agrediron os que non pensaron máis ca na rendibilidade económica sen incluír para nada a beleza do conxunto. Sei dalgún arquitecto que se viu obrigado a apeitar coas imposicións dos propietarios en contra da estética da que el é amante, porque os dirixentes políticos do noso pobo tampouco lle axudaron: sempre foron indulxentes en exceso cos que non pensan máis ca no negocio.

E paso a outra cousa ben diferente: supoño que a túa saúde non che vai permitir acompañar a Agustín Fernández Paz, sí, o do Pugita, na homenaxe que se lle vai ofrecer con motivo do exquisito premio literario español que lle outorgaron hai uns días. Eu espero non faltar e xa che transmitirei as túas verbas agarimosas. Falábasme esta mañá da amizade que lle teño. Efectivamente é unha relación que ven de lonxe e que se consolidou definitivamente cando, hai xa ben anos, prestei o meu ombreiro para traer desde Mondoñedo o corpo sen vida do seu irmá Luís que, unha mañá de xuño, quedou durmido para sempre no seu cuarto do seminario onde estudaba o segundo curso de filosofía. Moitos, en Vilalba, amigos de Agustín, xa non se lembran del, pero eu gardo un recordo moi vivo: ía camiño de ser, aparte de cura, un bo músico – de caste lle viña – pero tamén un bo pintor do que aínda gardo mostras. Tiñamos unha amizade forte, e dalgún xeito seu irmán Agustín comezou a ser para min a reprodución daquela afección. Por iso, cando sei dalgún dos moitos trunfos que o noso novelista e literato vai acadando, eu, no meu maxín, teño o sentimento de que, misteriosamente, Luís está vivindo nos logros de seu irmán os moitos recoñecementos que algún mal fado lle truncou. Así que, desde aquí, desde esta carta, quero xuntarme aos moitos eloxios que Agustín e, no meu íntimo sentimento, Luís, están a recibir. E eu ben sei que ti, Antón, gardas lembranza daquel rapaciño vivaz e imaxinativo que estudaba para cura, e, xa que logo, tamén ti te xuntas ás miñas palabras para eles dous. E nada máis por hoxe. Que che mellore a saúde e que poidamos ollar anos de futuro en disputa permanente pero en boa compaña. Unha aperta

12 de dec. de 2008

Moncho Paz estrea columna de opinión no Xornal de Galicia


Redacción

O xornalista chairego Moncho Paz, membro do Consello Editorial de A Voz de Vilalba, comeza hoxe a súa colaboración semanal como columnista do diario Xornal de Galicia. Os seus artigos publicaránse todos os venres na sección de Opinión -coordinada por Lucía López Bayo- así como na edición dixital www.xornal.com

Baixo o título “Literatura de fronteira”, na súa primeira columna Moncho da unhas pinceladas sobre o escritor vilalbés Agustín Fernández Paz, recentemente galardoado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil que otorga o Ministerio de Cultura. Precisamente o vindeiro domingo día 14 Agustín recibirá unha homenaxe no Muíño do Rañego, nun acto organizado pola Fundación Manuel María que terá lugar ás 12 da mañá.
Pica aquí para ler a columna

Comunicacións e paseos

Xulio Xiz

O tema das vías de comunicación é prioritario en todo momento, e para Vilalba e toda a súa comarca a autovía A-8 que nos ven aí, que está vindo desde Asturias para rematar en Baamonde, é esencial.

Xa máis ca unha promesa, por ser realidade nun tramo importante no norte, por Ribadeo, máis o tramo de Vilalba a Baamonde que xa ven prestando un importante servizo, moito queda por facer entre a Costa e Vilalba, con dificultades orográficas pola zona de Abadín e Mondoñedo que dificultan unha obra de por sí costosa e de longa execución. Eu andiven polas zonas do trazado hai uns días, precisamente cando a recente nevada, e se algo hai feito, moito queda por facer.

Nesto das autovías, nunca se estudia na súa totalidade a implicación ata que os resultados están á vista. Por eso está moi ben que os empresarios vilalbeses pedisen, agora que se está a traballar no tema, que a nova autovía teña conexión directa co polígono industrial vilalbés das Sete Pontes, que está prácticamente ó lado da Transcantábrica, e non pode quedar aillado desta esencial via de comunicación.

O que se pide implica, ademáis, conectar directamente ó polígono coa Autovía Ferrol-Vilalba, co que o polígono, que ten moito que dicir na promoción industrial e laboral de Vilalba, estaría no punto centro dun enlace de comunicacións perfecto para o desenvolvemento do seu labor actual e futura. O Concello ven de aprobar – cos votos do PSOE e do PP- solicitar esa conexión, por estimala moi xustificada mentras o Bng se abstuvo por considerar que existían obras máis importantes.

Co papel esencial que unha forza nacionalista como o Bng prestou e está a prestar no país, centrando temas, potenciando cuestións que son propiedade comunitaria, representando unha parte importante dos galegos, un non entende un voto de abstención cando o que parece pedir o tema é un voto afirmativo coas condicións que se queira; un voto afirmativo co matiz de que, ademáis do que se pide, se traballe para conseguir outros aspectos importantes. Pero non serei eu quen faga forza especialmente neste tema, porque as súas razóns terán aínda que desde fóra non as comprendamos abondo.

E xa que de comunicacións falamos, hai outro tema que os empresarios vilalbeses do polígono teñen tamén solicitado, que é o de conseguir unha zona para aterraxe e despegue de helicópteros, que prestará servizo especialmente en caso de emerxencias, pero no futuro pode e debe ter utilidade para determinados desprazamentos ou transportes que sólo se poderán efectuar e potenciar cando se dispoña deste servizo.

O certo é que a petición tampouco require tantos investimentos nin despliegues, porque dispor dunha superficie a estes efectos non é tan difícil, e existen na provincia antecedentes, tanto na costa como en Monforte a efectos de traslado de enfermos para os centros sanitarios, e nada como dispor de infraestructuras como para que xurdan ideas ou proxectos para a súa utilización.

E de comunicacións paso a paseos, porque o domingo próximo, catorce de decembro, no Muiño do Rañego váiselle render homenaxe ó escritor vilalbés Agustín Fernández Paz, que ten no seu haber todos os premios posibles e unha lexión de devotos lectores, novísimos, novos e non tan novos. Con este motivo, vaise descubrir un monumento en pedra no “Paseo dos soños”, que é o camiño que desde o Rañego vai hacia a Magdalena e onde, desde hai dous anos, se coloca cadanseu “hectómetro literario” en homenaxe a un escritor.

Hai un pedroulo en homenaxe a Manuel María, polo cincuentenario de “Terra Chá”, outro a Paco Martín, polos vintecinco anos da versión en portugués de “Das cousas de Ramón Lamote”, e desde agora un monumento feito con libros de pedra polo escultor Vladi, na honra de Agustín e os seus libros, promovido pola agrupación Cultural Xermolos e a Fundación Manuel María da Terra Chá”.

En fin, que están moi ben as estradas e os enlaces, e as pistas de aterraxe, pero au asegúrovos que tamén se progresa construíndo un “Paseo dos soños” coma o que temos en Vilalba, onde os escritores do país teñan lembranza de pedra, para que vixíen intemporalmente os nosos pasos, e comproben que nós non somos de pedra e sabemos apreciar o que eles deixaron escrito para todos nós.

Tempelhof

Mario Paz González


Agora que a Declaración Universal dos Dereitos Humanos acaba de cumprir 60 anos non estaría de máis recordar outros aniversarios de data próxima que tamén tiveron lugar este ano e que, por desgraza, corresponden, case na súa maior parte, con sucesos de infausto e lacrimoso recordo. Curiosamente están todos eles ligados coa Alemaña por atoparse naquel entón, na convulsa primeira metade do século XX, no infortunado centro do furacán.

Pensemos por exemplo, nos 65 anos da execución polos nazis da líder da resistencia estudantil Sophie Scholl (22 de febreiro), o 75 aniversario da queima de libros na berlinesa Bebelplatz (9 de maio) ou o 70 aniversario da “noite dos cristais rotos” (9 de novembro) na que se queimaron centos de sinagogas en todo o país. Tamén o 60 aniversario do inicio dos voos sobre Berlín (entre o 25 de xuño de 1948 e o 12 de maio de 1949) cara aos aeroportos de Tempelhof e Tegel. Voos que buscaban romper o infame bloqueo ao que o réxime soviético quixo someter na posguerra as zonas da cidade que se repartiron os aliados occidentais. Ambos aeroportos seguiron activos ata que o pasado 30 de outubro deste ano, coa saída do derradeiro voo comercial (un Dornier 328 da Cirrus Airlines, con destino a Mannheim), Tempelhof pechou definitivamente. Sobre el recaera a maior parte do peso daquela arriscada operación, pois Tegel (na imaxe) era apenas un pequeno aeródromo e ambos tiveron que ser ampliados ás alancadas polos propios civís alemáns (polo menos 19.000 persoas foron necesarias) en só (velaí o mérito nunha cidade derruida e carente de recursos) 85 días.

Aínda que as instalacións primitivas xa foran utilizadas con anterioridade para algunhas das primeiras exhibicións de voo (por Armand Zipfel ou Orville Wright, en 1909), Tempelhof non comezou a funcionar como aeroporto até o 8 de outubro de 1923. O arquitecto pro-nazi Albert Speer proxectaría en 1934 a construción do mastodonte da terminal de pasaxeiros que levará a cabo entre 1936 e 1941 Ernst Sagebiel, entón arquitecto do hitleriano ministerio do aire. Esta terminal, unha obra verdadeiramente faraónica con forma de aguia en voo, foi considerada entón o edificio máis longo de Europa e, até a creación do Pentágono, o maior edificio do mundo. En calquera caso, Tempelhof quedará para a posteridade, polos seus xigantescos hangares entre outras razóns, como un aeroporto adiantado ao seu tempo.

Cando Stalin, ao final da II Guerra Mundial, ordenou o bloqueo da parte occidental da cidade que se repartiran Francia, Reino Unido e Estados Unidos, co fin de obter o control total da mesma, os aliados tiveron que botar man da súa inventiva para poder abastecer de alimentos e axuda aos máis de dous millóns de habitantes que quedaran literalmente illados. Aí comezou a aventura de Tempelhof e dos Rosinenbomber ou “bombardeiros de pasas”, avións así chamados polo costume dos pilotos de lanzar en pequenos paracaídas paquetes de lambetadas para os nenos berlineses. A ponte aérea creada, con voos constantes cara aos aeroportos da cidade, conseguiu facer chegar entre 9.000 e 12.000 toneladas de alimentos diariamente. Ao entrar cinco aparellos á vez a distintas alturas por cada unha das tres vías de acceso que aceptaran conceder os rusos, o número de voos diarios chegaría a alcanzar os novecentos (un voo cada 90 segundos), todo un fito da aviación moderna.

A súa magnífica localización case no centro da cidade puido facilitar entón a milagreira tarefa. Con todo, foi precisamente esa mesma localización a que provocou o seu peche tras unha consulta popular realizada a finais de abril deste ano e que deu pé a un intenso debate na opinión pública alemá. Unha das razóns esgrimidas era o feito de que, ademais do ruído e a contaminación, Tempelhof apenas tiña uso pois non aloxaba xa máis que un centenar de pequenas compañías de voos domésticos ou avionetas privadas.

Alec Leamas, o “espía que xurdiu do frío” creado en 1961 por John Le Carré en plena guerra fría, xa non voltará a voar desde Tempelhof, aínda que sempre nos quedarán as imaxes de James Cagney filmadas por Billy Wilder (Un, dous, tres) ou as de Harrison Ford por Spielberg (A última cruzada), por citares dúas das películas rodadas en tan emblemático e simbólico escenario.

Para unha Europa que trata de abordar como pode a crise financiera, que anda na procura de competir pola hexemonía mundial ou de obter unha identidade propia e única, mais que non acaba de atopar os puntos de concordancia que axuden a aunar posicións e sacar á luz a agardada Carta Magna, non está mal que se recorden símbolos de liberdade e loita esperanzada como este.
Imaxe: MXM
mariopaz@avozdevilalba.com

11 de dec. de 2008

O Festival de Pardiñas, declarado festa de interese turístico


Moncho Paz

O Festival de Pardiñas, feira e festa da música e da arte que se ven celebrando a primeira semana de agosto en Guitiriz dende hai vintenove anos, acaba de ser declarado recentemente festa de interese turístico na provincia de Lugo. A resolución da Consellería de Innovación e Industria foi aprobada no Consello da Xunta do pasado 30 de outubro e publicada no Diario Oficial de Galicia do 5 de decembro.

Esta declaración prodúcese tras o informe favorable da Comisión de Valoración de Festas de Galicia de Interese Turístico, no que se pon de manifesto que o Festival de Pardiñas cumple todos os requisitos para contar coa devandita distinción.

Promovido pola Asociación Cultural Xermolos, o Festival de Pardiñas naceu o 3 de agosto de 1980 da man de Alfonso Blanco Torrado, na fotografía. Consolidado como unha cita cultural de referencia na provincia de Lugo e no conxunto do país galego, en 2009 celebrará a súa XXX edición.

Dicionario Enciclopedia do Pensamento Galego

Redacción

O venres 12, ás 12 horas, o Consello da Cultura Galega acollerá a presentación pública do Dicionario Enciclopedia do Pensamento Galego, coeditado polo Consello da Cultura Galega e a editorial Xerais e coordinado por Andrés Torres Queiruga e Manuel Rivas García e redactado por máis de coarenta colaboradores. No acto de presentación intervirán Ramón Villares, Presidente do CCG; Manuel Bragado, director de Edicións Xerais, e os coordinadores da obra.
A obra ten unha división en dúas partes: a primeira, un dicionario de autores, a segunda, unha enciclopedia que complementa temas, ideas e persoeiros que propiamente non caben na primeira. A razón delo é que trata de conxuntar un dicionario de pensadores galegos e unha visión temática que permita encadrar o labor filosófico no campo xeral da nosa cultura facendo un percorrido polo enteiro transcurso da nosa historia intelectual e da achega concreta a cento dez autores, ao mesmo tempo que a Enciclopedia propicia un amplo encadramento nos diversos campos da cultura: antropoloxía, pensamento científico, dereito, economía, estética, exilio, feminismo, literatura, matemática, medicina, nacionalismo, pedagoxía, política, prensa e relixión.
Para a redacción da parte enciclopédica escolléronse estudosos cualificados ordenados alfabeticamente intentando amosar unha visión mais global e panorámica do tema, recollendo problemas, preocupacións ou iniciativas que están presentes na cultura actual, sinalando as directrices históricas que seguirn ao longo do tempo.

10 de dec. de 2008

Flocos tv

Redacción


A Axencia Audiovisual Galega, da Consellaría de Cultura e Deporte, puxo en marcha, co obxectivo de crear un novo espazo na Rede para a exhibición e difusión das producións galegas, Flocos.tv, un portal con vocación de ser a pantalla para a produción do audiovisual galego na que convivan tanto a industria como os creadores individuais e que tamén se abrirá á industria audiovisual como ferramenta para as súas campañas de promoción.

Esta iniciativa pretende ser un excelente escaparate no que facer visible unha gran parte da produción audiovisual galega amosando producións difíciles de ver noutras pantallas, e noutros de creacións rescatadas do esquecemento que forman parte xa da nosa historia.
Aínda que os fondos irán medrando de forma paulatina, desde o 9 de decembro pódense ver en Flocos.tv 25 curtametraxes galegas de diferentes formatos, estilos e épocas, desde creacións recentes ata clásicos da produción do país. Pronto se incorporarán outro tipo de obras audiovisuais, como documentais, obras experimentais, longametraxes, etc. Cada día estrearase na web unha nova obra, e cada dúas semanas porase en marcha un novo ciclo temático, sendo unha das características principais a alta calidade da imaxe, moi superior á habitual en portais tan coñecidos como Youtube.
En Flocos.tv pódense atopar agora mesmo curtametraxes de ficción, animación, documentais e experimentais. Entre os títulos cos que se pon en marcha o portal atópanse clásicos como "Coruña imposible" (Paco Rañal, 1995), "25x24" (Antón Caeiro, 1985) e "Tranvías de La Coruña", o máis antigo documental galego que se conserva, datado en 1926.

En realidade, agora mesmo, o núcleo da web está integrado por obras de actualidade que permiten ao espectador coñecer por onde vai a labor dos creadores do período máis dinámico na historia do audiovisual galego. Destacan así obras coma "Galicia 2098" de Edu Lavandeira e "Mind the gap" de Daniel Domínguez; curtas de animación como "O ataque dos kritters asasinos" de Sam Orti Martí e "A meiga chuchona" de Pablo Millán; curtas documentais como "Conversas com Deus" de Lara Bacelo e "Contactos" de Marcos del Pino; e curtametraxes experimentais como "Cuestión" de Estela Pan Vázquez e "Katiusca (os corpos agrícolas)" de Antón Coucheiro. Todas elas forman parte da relación de curtas presentes nesta web que aspira a converterse no cineclub do audiovisual galego.

Accede picando aquí