Revista avozdevilalba.com de maio


Redacción

Como é habitual neste medio, xa se pode descargar a revista avozdevilalba.com correspondente ao mes de maio en formato pdf. Para elo, basta con picar na imaxe da esquerda. Lembren que estamos á súa disposición para atender calquera suxestión de mellora, que será ben recibida no correo electrónico redaccion@avozdevilalba.com. Grazas de anteman pola súa colaboración.

31 de maio de 2010

Un longo e tortuoso camiño


Antón Baamonde

Onte foi a presentación en Santiago de “Un longo e tortuoso camiño. Adaptación, crise e cambio no BNG” de Xosé Ramón Quintana (Ed. Galaxia ) libro que foi galardoado co Premio Ramón Piñeiro de Ensaio e que constitúe a mellor radiografía xamais escrita desa ponla do nacionalismo.

O libro está escrito por alguén que é votante dende tempos inmemoriais do BNG, pero que se non me equivoco xamais militou nel.

É un dato que menciono porque esa radiografía está feita sen toma de partido por ningún dos grupos que configuran internamente a galaxia BNG. Moncho Quintana non é de Paco, nin de Beiras nin de Quin nin de ningún outro.

É un historiador e politólogo moi competente que intenta dar conta da xenealoxía e decurso do BNG -para explicar a súa lóxica interna e os modos en que se foi adaptando ás sucesivas situacións externas- co ollo clínico dun médico e coa precisión e rigor dun notario.

O que intenta narrar Moncho Quintana é o longo e tortuoso camiño dunha organización que, no seu inicio, estivo modelada polo maoísmo e que se empeñou, con éxito, en crear unha subcultura resistencialista pero que, andando o tempo, tivo que irse adaptando á lóxica dunha sociedade democrática para desempeñar, con algunha esperanza de éxito, tarefas de goberno.

A fase de Beiras e a fase de Quintana constituiron dúas modalidades dese intento de adaptación, marcadas cada unha pola personalidade e orientación do líder. A derrota deste último, no entanto, pon graves interrogantes sobre o futuro dunha organización que parece querer volver a unhas esencias e, con elas, a un paraíso de inocencia no que gobernar sempre é cousa de outros.

O libro da datos que tal vez son obvios para a miña xeración pero non para as máis novas. O modelo do BNG ten esta orixe: supoñíase que Galicia era unha colonia en similar sentido ás do terceiro mundo e que o Partido Comunista para facer a revolución tiña que crear unha Fronte Nacional Popular que agrupara as clases oprimidas polo imperialismo.

Así que a dirección do proceso tiña que estar en mans desa vangarda comunista e os nacionalistas constituirían a forza de choque que posibilitaba a acumulación de forzas para a revolución. Castelao era o noso Sun-Yat-Sen..

Tal vez isto sone a algo, pero quen queira saber máis e entender o nacionalismo contemporáneo que lea o libro.

QUINTANA GARRIDO, Xosé Ramón. Un longo e tortuoso camiño: adaptación, crise e cambio no BNG: 1971 - 2009 Editorial Galaxia 2010 412 páxinas

28 de maio de 2010

Minixira americana de Abe Rábade

Redacción

Desde o pasado día 25 e até o vindeiro sábado 29 de maio, o público neoiorquino terá a oportunidade de desfrutar da música que, nunha minixira estadounidense, está a realizar o músico galego de jazz Abe Rábade. Os concertos teñen lugar no Lincoln Jazz Center, o clube de Wynton Marsays, e no Smalls Jazz Club, lugares onde toca o piano e fai duetos tamén na compaña do saxofonista Adam Niewood, ao que coñeceu cando estudaba na Berklee School de Boston, e de Chris Higgins ao contrabaixo.

Ademáis terá oportunidade de tocar co co histórico baterista Bill Goodwin, de 68 anos, quen no seu día tocou e gravou con nomes tan senlleiros como Dexter Gordon, Art Pepper ou Bill Evans, ademáis de participar en experiencias máis innovadoras como “Nighthawks at the diner”, de Tom Waits.

Xa hai cousa dun ano, no compostelán Festival dos Abrazos, Abe Rábade tivo a oportunidade de tocar nun cuarteto integrado polo propio Goodwin, Adam Niewood ao saxo tenor e Paco Charlín ao contrabaixo. Dese concerto gravouse un disco, aínda pendente de edición. Pola súa banda, Rábade, que aposta pola tradición máis ortodoxa do jazz, nese terreo común entre o swing e os standards, estará a mediados de xuño, o día 14, en Cleveland e o 16, de volta no escaparate neoiorquino, no Festival Internacional de Rochester.

Co recente Open Doors Live nas tendas, a produción de Rábade segue aumentando. Tras encargarse o ano pasado do disco-homenaxe Kind steps. O legado de 1959, o disco do Bill Goodwin Quartet sairá en Azos Jazz, o selo que acaba de pór en marcha con Sergio Lago (Falcatruada). E Karonte Records editará en breve Zigurat, o novo traballo do Abe Rábade Trío. Esta formación, o proxecto máis antigo de Rábade, desde 1996, mantense agora co lisboeta Bruno Pedroso á batería e a incorporación do contrabajista vasco Pablo Martín.

Presentación de Meubook en Compostela

Redacción

Esta mañá presentouse no Centro Social Caixanova de Santiago unha nova plataforma dixital que integra a todos os elementos da cadea de valor do libro –editores, impresores, distribuidores e libreiros– e os conecta con outros axentes culturais e mesmo cos lectores e coa sociedade en xeral. Céntrase, fundamentalmente, na recompilación, actualización e intercambio de contidos.

Meubook, que así se denomina esta nova plataforma, vai operar nas novas canles de xestión e difusión do libro, así como nos ámbitos da cultura e a formación, posto que nace coa intención de “integrar a outros sectores que teñan contidos dixitais que ofrecer”, tal como sinalou o seu conselleiro delegado, Jacobo Bermejo, quen definiu a plataforma como un “proxecto aberto con vocación internacional”.

Nesta idea incidiu tamén Miguel Anxo Fernán Vello, quen asegurou que Meubook nace en Galicia co obxectivo de “pór en valor contidos culturais, educativos... trazados desde o noso país pero con vocación de ir máis alá, tanto en contidos como en espazos de influenza”. Tamén definiu as características que identificarán a plataforma, como a destreza ou a axilidade, e que representa o perfil do gato que se reflexa no logo da marca.

O director xeral de Promoción Cultural, Francisco López Rodríguez-Barxas, destacou o esforzo realizado por este grupo de empresas, moitas delas incluidas no Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego, para adaptarse aos novos tempos aproveitando as “infinitas posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías”. Tamén incidiu na acertada decisión que supón enlazar as novas e as vellas tecnoloxías, a longa historia do libro e da cultura impresa co novo mundo recén descuberto do dixital”. López afirmou que o “desenvolvemento cultural é irrenunciable” e que os novos tempos esixen “non só sobrevivir, senón medrar, ofrecer novos servizos para acadar novos usuarios”. Trátase de investir “en proxectos, en ilusións, en esforzos, para obter, algún día o premio do recoñecemento social e, porque non, da rendabilidade e sostenibilidade económica”.

Neste sentido, responsables do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións e do Laboratorio de Redes da Universidade de Vigo, aseguraron que este proxecto supuxo todo un reto e destacaron o bo entendemento que houbo dende o inicio entre o sector editorial e os técnicos para pór en marcha unha iniciativa tan novidosa como esta.

Unha ferramenta útil para profesionais e lectores

Xunto ao aloxamento web para clientes e unha libraría virtual cun potente motor de busca que amplía o escaparate para a venda e distribución de libros, Meubook ofrece servizos de consulta e descarga de arquivos, edición a demanda, libro electrónico, personalización de publicacións, xestión de vendas, etc.

Meubook nace cunha vocación de permanente innovación e a decidida vontade de incorporar novas tecnoloxías aos procesos de creación e difusión cultural. A súa singularidade con respecto a outros proxectos semellantes é que, xunto ao tradicional libro en papel e o novidoso libro electrónico, a plataforma incorpora outros contidos dixitais, perfilándose como operador de arquivos de bibliotecas, museos e fundacións.

Tamén dispón de servizos para particulares, como un asistente de maquetación que permite aos usuarios publicar libros e álbums de fotos segundo un rico repertorio de posibilidades, e anuncia para o final do verán unha orixinal aplicación pola que calquera usuario, enviando unha fotografía por web ou mms, vai poder obter a súa caricatura e insertala nun conto ilustrado.

Rede social

Outro elemento destacado é a existencia dunha rede social, con perfiles individuais para cada usuario e que realiza recomendacións e ofertas distintivas. Esta rede vai estar xestionada por Algueirada, recente gañadora do Premio Rosalía da Deputación da Coruña. A súa community manager, Tati Mancebo, explicou que será unha “plataforma para axentes culturais e lectores” que poderá poñer en comunicación “a escritores e editores, a autores con lectores...” de xeito que se poderá facer unha “análise permanente da oferta e a demanda”, o que convertirá a Meubook nunha ferramenta de gran utilidade para o sector.

Integran o accionariado de Meubook, que estará dispoñible en xullo en www.meubook.com, as empresas Tórculo, Espiral Maior, Libraría Couceiro, Academia Postal, Distribucións Grial e Edición Bolanda.

27 de maio de 2010

Pola Terra Tcha


Xulio Xiz

Pasei unha semana por Galitzia adiante, sufrindo unha pertinaz choiva. A Galitzia da que falo, que se escribe cun “t” no medio, resulta estar a milleiros de kilómetros de distancia, no sur de Polonia, e por paradoxas da historia ou da vida, é moi parecida ó noso país.

Os buses nos que viaxabamos circulaban por estradas estreitas, antigas, que non permitían máis de cincuenta kilómetros á hora de media. Por eso podíamos perfectamente ollar no contorno, que era plano, como unha Terra Chá que nos rodeou durante días.

Parecía como se a natureza quixese que a similitude coa nosa terra non fose somente a do verdor e a planicie, e así choveu como aquí adoita chover no máis puro inverno, ou cando lle peta. E como pasa en todas as terras chás as augas buscan saída do xeito máis doado, de maneira que os ríos van cheos, desbordando polos contornos, parecendo pequenos mares. E xorden arredor das estradas pequenas ou grandes lagoas que evidencian que a terra non da absorbido máis auga da que xa contén.

Desde Lugo chamáronnos para comprobar que nos atopabamos ben, que as inundacións en Polonia eran noticia destacada polos desbordamentos que tiñan causado sete mortos xa, pero non afectaban a aquela Terra Chá que nos acollía. Nin nos enteramos do problema. Naquela Galitzia, como na nosa, afortundamente, a auga é amiga e non causa graves danos; inunda pero non arrasa, desborda pero non apedra; é compañeira habitual cada vez que lle da por aparecer.

Mentras nos andabamos lonxe, soportando auga e frío, ben sei que por aquí era todo o contrario, e o sol provocou a semana máis calorosa do que vai de ano.

E nesta semana da miña ausencia, celebrou Vilalba unha nova edición da Feira do vehículo de ocasión, xa a quinta e o tráfico “na carretera” alterouse para poder instalar unha grúa no edificio que vai albergar a Fundación Manuel Fraga Iribarne, o que evidencia que as obras van para adiante.

No mundo político, Sonia Verdes tramitou a súa renuncia como concelleira socialista no concello de Vilalba para dedicarse en exclusiva ó seu labor como membro do Parlamento galego, do mesmo xeito que hai pouco tempo fixo a tamén socialista lucense Concepción Burgo que deixou a concellería e cultura na capital para centrarse en Santiago.


E no mundo da Cultura, se en Lugo se rendeu homenaxe a Xesús de Sargadelos por parte de numerosos lucenses por iniciativa da asociación Ágora Cultural, en Vilalba o médico José Ramil primeiro director do museo arqueolóxico Vilalbés recibiu a medalla de ouro dos Amigos do Museo, agora que camiña polo sendeiro dos noventa anos, e ten dedicado toda unha vida utilísima a desentrañar a nosa historia máis antiga.

Unha semana parece pouco tempo se a vivimos de xeito cotián, e parece moito se se trata de viaxar lonxe da vida habitual. Por se fóra pouco, chego e atópome coa romaría dos Milagros de Saavedra que inunda de milleiros de persoas –as crónicas xornalísticas din que dez mil- a miña habitual paisaxe tranquila e solitaria do resto do ano.

En fin, que esta semana lonxe desta Chaira pareceume moi longa. Volver á normalidade é unha verdadeira satisfacción.

Mañá preséntase en Santiago Meubook

Redacción

Mañá, xoves, ás 12:00 h. no Centro Social Caixanova da praza de Cervantes de Compostela, vai ter lugar a presentación da plataforma dixital Meubook. No acto, presidido polo director xeral de Promoción da Cultura, Francisco López Rodríguez-Barxas, intervirán Jacobo Bermejo, xerente de Tórculo; Carlos del Pulgar, presidente do Clúster do Libro e das Artes Gráficas; Fernando Pérez, director de Gradiant; Tati Mancebo, community manager de Algueirada; e o director de Meubook, Fernando Jiménez.

Meubook é unha plataforma de contidos dixitais que opera nas novas canles de xestión e difusión do libro, a cultura e a formación. Ten como obxectivo poñer en valor e difundir os seus contidos clientes, como operador de contidos dixitais e provedor de novos servizos de impresión. A plataforma integra aos distintos elementos da cadea de valor do libro: editores, impresores, distribuidores e libreiros.

Xunto ao aloxamento web para clientes e unha libraría virtual cun potente motor de busca que amplía o escaparate para a venda e distribución de libros, Meubook ofrece servizos de consulta e descarga de arquivos, edición a demanda, libro electrónico, personalización de publicacións, xestión de vendas, etc. Tamén dispón de servizos para particulares, como un asistente de maquetación que permite aos usuarios publicar libros e álbums de fotos segundo un rico repertorio de posibilidades.

Este innovador proxecto foi impulsado por un amplo grupo de empresas, varias delas integradas no Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego, así como por varias institucións e editoras españolas. O desenvolvemento técnico do proxecto corre a cargo do Laboratorio de Redes da Universidade de Vigo e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia.

Aposta decidida pola innovación
Meubook nace cunha vocación de permanente innovación e a decidida vontade de incorporar novas tecnoloxías aos procesos de creación e difusión cultural. A súa singularidade con respecto a outros proxectos semellantes é que, xunto ao tradicional libro en papel e o novidoso libro electrónico, a plataforma incorpora outros contidos dixitais, perfilándose como operador de arquivos de bibliotecas, museos e fundacións. Outro elemento destacado é a existencia dunha rede social, con perfiles individuais para cada usuario e que realiza recomendacións e ofertas distintivas. Esta rede social vai estar xestionada por Algueirada, recente gañadora do Premio Rosalía da Deputación da Coruña.

A plataforma, que estará operativa o próximo mes de xullo, anuncia para o final do verán unha orixinal aplicación pola que calquera usuario, enviando unha fotografía por web ou mms, vai poder obter a súa caricatura e insertala nun conto ilustrado.

26 de maio de 2010

De volta na fin do mundo

Xosé Manuel Pacho

De volta na fin do mundo, para quedar. Agora xa sei que non podemos ser felices. Que o home, a muller é so un instrumento de algo que non podemos comprender e que non ten que ser comprendido. E a felicidade erra porque parte da conciencia persoal, que fai que todo xire ao redor das vaidades máis absurdas.

Eu xa sei que non existo. Só existe o que acontece mentres se escriben as palabras de cristal sobre este pergamiño de luz: o tempo. E só existe o que se vai. A lectura da mañá do lubricán foi o capítulo dos muiños de vento, e a de despois de xantar, os berros de Werner Schwab e o teatro. Que importa? Xa ficaron sepultados no pasado, ou a conciencia do que non é.

Será Rodrigo Leão e a música, será a volta á fin do mundo, non o sei, pero coido que algo está a mudar nas mans, nas pernas, no corpo deste mono.

Os personaxes das novelas, as vidas dos homes, os soños das mulleres, as músicas transfiguradas, e os silencios dos amigos perdidos acompáñanme.

Calade. Non pensedes. Aquí, só tedes que escoitar a música. E o silencio. E a música.... e o silencio.

The monkie



Debate sobre o Decreto do Galego en Vilalba


Redacción

A aprobación do Decreto do Plurilingüismo no Ensino por parte da Xunta de Galicia o pasado 20 de maio volveu a situar á lingua no centro da polémica. Mentres a oposición considera que esta normativa afectará ao uso do galego e xulga que será un grave retroceso lexislativo, o Executivo galego defende a súa utilidade para que os alumnos poidan dominar o español, o galego e o inglés, e establezan unha base para un futuro trilingüismo.

Para debater esta e outras cuestións relacionadas co conflito desatado polo chamado “Decreto do Galego”, o xornal Terra Chá.Xa e o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) organizou un debate entre representantes do BNG, o PP e o PSdeG. Polos nacionalistas acudirá Antón Bao, vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo e responsable comarcal do BNG; polos populares acudirá Agustín Baamonde, deputado no Parlamento de Galicia e responsable de política lingüística na Executiva do PPdeG; e polo PSOE achegárase Xosé Carlos Ferreiro, secretario de Educación da Executiva Provincial socialista.

A cita será no Salón de Actos do Centro Cultural e Recreativo de Vilalba o vindeiro venres 4 de xuño, ás 20.15 horas. O acto será retransmitido en directo por Radiofusión (Rede de Emisoras Municipais Galegas) a partir das 20.30 horas.

Paisaxe fin de festa

Bruno Marcos

"Alguén cometera un erro e a orxía máis cara da historia terminara. Volviámonos a apertar o cinto e buscabamos a expresión máis correcta do horror mentres lembrabamos a nosa mocidade perdida, cando cada día era mellor que o anterior". Escríbeo Scott Fitzgerald sobre o ocaso dos dourados anos vinte, un período que cada vez se asemella máis ao noso pasado máis recente no que o perfume dunha festa que non acabaría nunca nos embebedaba.

Tamén nos provoca, esta crise, mirar os anos pasados como a nosa Belle Époque. Ese período iniciado a finais do século XIX no que floreceron a industria e a economía propiciando un gran entusiasmo en todas as clases sociais, desde a aristocracia ao proletariado, nun ambiente urxido igualmente a unha festa constante pola intuición dalgún horror futuro como habería de ser, pouco despois, a primeira guerra mundial.

Levamos bastante tempo instalados no termo crise coma se este exorcizase o deterioro manifesto para converter o descenso en algo pasaxeiro. Invocamos unha sorte de maxia branca para que nos convenza de que a pobreza non é o noso destino. Parece imposible que o noso mundo tivese marcha a atrás e, máis que nunha crise, permanecemos nun estado que ten todos os atributos da resaca. Dicía Baudelaire que a resaca é un sentimento de culpa e unha volta ao comezo.

Parece farto difícil encarar o futuro sen admitir que o outro nos enfeitizaba. Como pór en orde a casa con toda a vaixela polo chan e os restos pegañentos da champaña por todas as partes? Como limpar o chan, ordenar os mobles, sacar o apestado cheiro sen admitir que onte estabamos, por vontade propia, completamente embebedados? Como eludir o sentimento de culpa?

Xa van anos de resaca e ninguén se fía de que todo o mundo abandonase o antro e de que non ande algún dormitando debaixo dunha alfombra para dar o derradeiro ouveo como aquel que proclamase que, no centro do baleiro, hai outra festa. Compre pensar que unha casa tarda moito en arruinarse do todo. Seica estamos preparados para o momento desagradable no que, ao hixienizala, aparezan a roupa interior ensanguentada, un bisoñé e até unha dentadura postiza?

Cando a ruína económica anda a cebarse cunha casa grande o primeiro que se dá é a compulsión da reciclaxe, unha bricolaxe cuxos materiais son os restos da festa. O lixo do lixo enseñoréase entón da escena para voltar o que antes foi glamuroso en ridículo. E entre esa reciclaxe está a proclama que grita que hai que facer o posible para que a festa empece novamente, pedir máis crédito, consumir, gastalo todo, cambiar de coche, mesmo de muller, de amante e até de can, e comezar outra vez a esmorga sen fin, por patriotismo.
A historia, Fukuyama dixit, chegou ao seu fin. A economía está por riba da democracia, é máis a democracia é o diñeiro. Despois da festa rompe a paz social, dino todos, porque no malgasto non hai clases sociais, na orxía todos, pobres e ricos, posúen o mesmo, un corpo. Despois dela todo volta ao de sempre, se para a música e cada un queda intempestivamente confinado nun estereotipo. Os políticos Avida Dollars, a Igrexa unha seita de pederastas, os poetas uns parvos que se fan pipí na cama...

Se tentamos prolongar a festa máis aló do seu final pode rematar de xeito dramático. Iso nos quíxo transmitir Scott Fitzgerald aínda que el mesmo, malia a clarividencia, non chegou a baixar a tempo dela.

Non careceu a Belle Époque dun feito simbólico que proclamase o seu fin, como o foi o afundimento do Titánic, nin estiveron despoxados os anos vinte de acontecementos igualmente estilizados nas súas postrimerías como aqueles dos magnates neoiorquinos asomados ao fío dos rañaceos para dar fin a unhas vidas que se lles tornaban insoportables sen a devandita festa. Non menos estetizada foi a aldrabada da nosa crise que habería de ser situada, non demasiado erroneamente, na espectacular traxedia das torres xemelgas de Nova York. Dá vertixe pensar así, darse conta de que a Historia non para e que nos pasa por riba.

En breve un cruceiro sairá a conmemorar a fin do Titánic, alcanzando á mesma hora nocturna as coordenadas xustas do seu afundimento, o lugar exacto, mentres un selecto número de viaxeiros cearán o mesmo menú daquela velada. Trátase sen dúbida da fascinación polo fin de festa, non hai nada tan abraiante como elo cando a festa foi colosal, mesmo engaiola máis que a propia festa. Pregúntome se, como se ve na película vella, encerrarán aos de terceira clase mentres a orquestra de violíns ameniza o desastre, para reproducir a paz social de entón.

Dedica Scott Fiztgerald Suave é a noite a uns amigos aos que desexa: "Moitas festas". Agardemos non rematar como o Rubén Darío do "Nocturno", tristes de festas.

25 de maio de 2010

Revista de Prensa: EL CORREO GALLEGO

O prestixio do ensino público

Antonio Cendán Fraga


Cando as vacas fracas da crise están a afectar a todos os sectores da sociedade galega, dende a Consellería de Educación vénse de cometer un dos moitos despropósitos dende que Xesús Vázquez se fixera cargo deste departamento. Este que debe velar pola formación de dos máis novos, especialmente daqueles que non naceron tan privilexiados coma outros, adícase a favorecer ao ensino privado, aumentando as axudas e subvencións que perciben os herdados por natureza social.


Pero, por se fose pouco, alguén relacionado co actual titular de Educación non ten recato en denigrar ao ensino público e tamén a todos os profesionais que nel exercen unha honrosa labor. Ademais, cabe lembrar que no ámbito da educación privada están os mellores educadores, avaliados por baremos da Consellería e tamén, na meirande parte dos casos, por unha oposición que os habilita para exercer a docencia. Coidamos que é evidente que o señor que cometeu ese grave erro debería, no mellor dos casos, pedir desculpas.

En anos nos que toca apertar o cinto, a educación privada non pode ser un obxectivo prioritario do erario público. Ao contrario, é precisamente a este sector ao que hai que cortarlle parte das axudas que percibe e estimulalo a autofinanciación, xa que é o PP un dos partidos que máis promove a iniciativa privada. Calquera medida que non pase pola regulamentación estrita dos cartos que percibe o ensino privado é nociva para o sistema en si.

Do ensino público, o máis deprimido tradicionalmente, foi de onde saíu unha gran parte da celebridade galega actual. Aí está senón o que fora presidente da Xunta de Galicia Manuel Fraga, que sempre presume de que asistira ao ensino público ao longo de toda a súa dilatada traxectoria académica.

Sen embargo, e polo sorprendente que puidera parecer, os desatinos do equipo de Xesús Vázquez non parecen ser novidosos para ninguén. Á xa tan cacarexada desfeita lingüística, engadíronse outros turbios asuntos coma o impagamento dos comedores escolares ou algo tan grave coma deixar sen ESO a varios concellos, mentres se seguen a satisfacer os caprichos da elite social galega.

A diferenza do que está a suceder, e do que pasou ao longo de varias décadas, o ensino público, ao que asisten os máis desprotexidos tanto económica coma socialmente, debe ser reforzado. É aí onde se debe destinar a maior parte do orzamento educativo, facendo un esforzo para que a súa calidade, que non é tan baixa coma nos queren facer crer, vaia en aumento e para que non se perda nin un só cerebro na Galicia do século XXI.

24 de maio de 2010

Volvo de Padrón


Antón Baamonde


Volvo de Padrón, da entrega dos Pedrón de Ouro e do Pedrón de Honra concedidos este ano a Camilo Nogueira e máis ao querido amigo Fermín Bouza. Sen dúbida o Patronato quixo premiar neles, en tempos incertos, unha actitude e a continuidade dun esforzo. A aprobación esta semana do decreto enmarcaba a situación.

Os dous son grandes optimistas.

Sono dun modo natural, antropolóxico. A diferenza daqueles aos que a vida lles venceu, eles conservan un ánimo novo, de deportistas que se lanzan ao campo de xogo coa intención de disputar o partido, sen dar nunca a liga por perdida.

Os dous teñen un mundo na cabeza. E cada día saen á rúa co ánimo de que comece algo, público ou privado.

Non teñen tempo a aburrirse, nin andan pasmando o que fan os demais. Eles fan, e que os outros fagan, se queren, e se non que polo menos non molesten.

E así debe de ser, supoño. Hai que facer e hai que facer as cousas ben.

Foto: Mon Escuredo/El Correo Gallego

Blogaliza leva o I Premio Rosalía de Castro da Lingua

Redacción

A primeira edición do Premio Rosalía de Castro da Lingua, que convoca a Deputación Provincial da Coruña, recaeu na web Blogaliza.org pola súa promoción do idioma galego, segundo informaron onte, en rolda de prensa, os membros do xurado e o presidente do organismo provincial coruñés, Salvador Fernández Moreda.

Das 23 propostas presentadas, o xurado decidiu premiar Blogaliza.org, creada en 2003 por Pedro Silva e que pertence dedde 2008 á sociedade Algueirada. O obxectivo do premio é manter viva a memoria de Rosalía de Castro e, ao mesmo tempo, premiar o labor dos que fan unha promoción do galego e contribúen á galeguización dos sectores. O xurado recoñeceu o esforzo de creación de espazos socializadores emerxentes para o galego desta páxina que facilita resumos de mensaxes dos blogs galegos e dispón dun o seu listado.

Formaban parte do xurado tamén a presidenta da Fundación Rosalía de Castro e membro do xurado, Helena Villar, e o presidente do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) , Xosé Manuel Pereiro.

A entrega do premio, que non inclúe dotación económica, terá lugar na III Festa da Lingua, que este ano se celebrará na Casa da Cultura de Bertamiráns, no Concello de Ames (A Coruña), o próximo 28 de maio.

23 de maio de 2010

Alehop!

Iago Castro

Marianne Birthler, responsable do arquivo da antiga Stasi, a policía secreta da antiga RDA, conta nunha entrevista pubicada hoxe nun dominical que, das historias do horror que coñeceu, a que máis a impresionou foi a dunha disidente á que os axentes sa Stasi lle entraban cada noite na casa e lle cambiaban as cousas de sitio ou lle modificaban a hora dos reloxos.

A muller por pouco tolea, pero cando conxecturou que podía ser cousa da Stasi, non llo podía contar a ninguén: Como explicaría que a policía secreta lle entraba na casa e lle cambiaban as toallas no colgadoiro?

Afortunadamente, a nós non nos poden entrar na casa pola noite, ben que lle pese a aquel Corcuera da patada na porta. Pero a min estame a dar a impresión de que alguén non é que nos cambie as cousas de sitio, é que simplemente desaparecen. Onde tiñamos unha promesa de dignificación do galego no ensino, longamente agardada, agora hai un decretazo vingador; onde deixamos o xérmolo de servizos de calidade para os vellos, atopamos un baleiro privatizador e precarizador; xuraría que o Servizo Galego de Igualdade estaba enriba da mesa, pero agora só vemos un floreiro; onde había muíños de vento...

Éis se cadra o estado da cuestión. Non será este un goberno de prestidixitadores? Alehop!

IV Congreso Galego de Comunidades de Montes

Redacción

Ás 10:30hrs. de mañá, sábado 22 de maio, encetarase o IV Congreso Galego de Comunidades de Montes, que vai ter lugar os días 22 e 23 de maio no Salón Multiusos do concello do Carballiño baixo o lema "Un monte veciñal multifuncional nun medio rural vivo: garantía de futuro". Neste IV Congreso máis de duascentas comunidades de montes debatirán tres relatorios1: (1)Consolidación da titularidade veciñal, (2) Monte veciñal e vivo: defensa da terra e xeración de emprego e (3) Alianzas para lograr ese monte veciñal nun medio ruralvivo.

Ás 12:15hrs. de mañá, sábado, o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, Xosé Alfredo Pereira Martínez, valorará para os medios de comunicación o desenrolo e obxectivos deste IV Congreso. As declaracións serán neste mesmo salón multiusos do concello do Carballiño.

21 de maio de 2010

Salustiano Mato, novo Reitor da Universidade de Vigo


Redacción

A xornada electoral na Universidade de Vigo rematou onte a partir das sete da tarde co peche das urnas, nun emocionante escrutinio das papeletas que mantivo nunha reñida loita pola vitoria aos dous candidatos ao Reitorado, Xaime Cabeza e Salustiano Mato. Finalmente, éste último acadou o 52,6% do voto ponderado, conseguindo 117 papeletas máis (antes de aplicar os coeficientes de ponderación) que Cabeza, candidato de Nova Universidade, que perdeu as eleccións cun axustado 47,4%.

Xustamente, Cabeza marchaba do campus pouco antes das dez da noite con “sentimentos encontrados”. Por un lado, confesouse “un pouco triste polo grupo, pero satisfeito polo traballo feito”. O sabor non deixa de ser agridoce, tendo en conta que ata a metade do escrutinio chegou a superar ao seu rival ata en dez puntos. Con todo, reafirmou a lealdade institucional prometida: “O noso reitor é Salustiano Mato e eu serei o seu primeiro colaborador”. Mentres, Mato festexaba a vitoria cos seus compañeiros e os tres sucesores de Alternativa no Reitorado. Recoñeceu sentir “moita emoción” durante o escrutinio dos votos, porque estivo axustadísimo o resultado, aínda que “xa sabiamos que ía ser así”. Onte foi o día para a festa: “Agora vou celebrar, mañá [por hoxe] xa me dedicarei ao traballo”.

Rosalía, a primeira ensaísta e feminista galega

Redacción

Unha pioneira, unha adiantada. Rosalía de Castro (1837-1885) non é só a fundadora da literatura galega, senón que é tamén a primeira ensaísta e a primeira feminista galega. Así se achega a Rosalía e así a presenta a profesora e escritora Pilar García Negro no seu libro O clamor de rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo, obra gañadora do Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais 2010, que hoxe foi presentado no Consello da Cultura Galega.

Para Pilar García Negro é Rosalía quen inaugura o ensaio como xénero literario na literatura galega contemporánea e cita ao respecto as introduccións a “Cantares Gallegos” (1863) e “Follas Novas” (1880) “que son moito máis que prólogos ó uso”. Estamos diante, xa que logo, “dunha innovación que reforza o carácter profundamente intelectual e premeditado dunha obra literaria que se pensa e explica a sí mesma e que a escritora coloca ao servizo de Galicia e da súa lingua”.

A autora desta nova e argumentada mirada sobre Rosalìa salientou asemade o seu papel pioneiro “no espertar dunha conciencia de xénero que se revela, lúcida e recorrente, na reflexión profunda e avanzada sobre o ser muller”. Acaeralle daquela o carácter de primeira feminista galega do mesmo xeito que a condición de moderna pensadora, visionaria, pioneira, heterodoxa, independente e aínda revolucionaria. Nada que ver coas visións mitificadoras e en exceso reduccionistas que se prolongan ata os nosos días.

No acto de presentación deste ensaio, publicado pola editorial Sotelo Blanco, interviron tamén Francisco Fernández Rei, catedrático da Facultade de Filoloxía da USC, e María Xosé Agra, coordinadora da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega.

Xornada contra da explotación do seixo da Terra Chá

Redacción

En 2007 entraba no Parlamento galego o anteproxecto de Lei de Minaría para Galicia, no que modificaban o artigo 37 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia. En solo rústico de protección agropecuaria a actividade extractiva pasaba de considerarse “prohibida” a “permitida con licencia municipal”. A mobilización cidadá fixo que os propios grupos políticos que estaban no goberno presentasen enmendas para suprimir esta modificación e manter a prohibición na Lei finalmente aprobada.

Pero a presión da industria mineira non cesou, e o pasado 31 de marzo publicábase no DOG a modificación da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural, figurando a substitución da prohibición existente de realizar actividades mineiro- extractivas en solo rústico de protección agropecuaria pola posíbel autorización por parte da Administración da Comunidade Autónoma.

Segundo "Comisión de Asociacións en contra das minas da Terra Chá" este é para o goberno actual o significado de “preservar os terreos de alta produtividade e garantir a utilización racional dos recursos naturais”. Esta modificación, engaden, foi resultado dunha enmenda introducida no debate parlamentario polo Partido Popular.

Por elo, dende a Comisión de Asociacións afectadas polas concesións mineiras na Terra Chá denuncian a que consideran gravísima perda de dereitos para a cidadanía –e para as labregas e labregos en particular– que supón esta modificación. De feito, sinalan, tanto por medio das alegacións presentadas á Lei do Solo coma no debate do Anteproxecto de Lei que tivo lugar no marco do Consello Económico e Social (CES), non se aceptou polos axentes sociais a pretensión que finalmente prosperou de permitir a actividade mineiro-extractiva en solo agrario, amosándose finalmente ás claras a connivencia do Goberno galego coas multinacionais explotadoras de recursos mineiros.

Diante desta situación, a Comisión de Asociacións organiza unha nova xornada–festival o vindeiro sábado 22 de maio1, no recinto de Moexmu (Mostra Exposición de Muimenta), para seguir coa súa actividade de denuncia e demandar a anulación da solicitude de extracción de seixo na Terra Cha solicitada pola empresa ERIMSA.

O acto contará con actos informativos, co apoio de persoeiros públicos e coas actuacións musicais de grupos que tocarán de balde para apoiarnos. Nas mesas redondas, salientar a asistencia -confirmada nestes días-, do presidente do Instituto Universitario de Xeología Isidro Parga Pondal. Esta entidade ten entre os seus obxectivos a realización de estudos de impacto ambiental realizados polas Obras Públicas e a Minaría, a investigación sobre conservación de chans orientada cara á agricultura ou o medio ambiente e a avaliación de recursos naturais: minaría, paisaxe, etc.

Versos a Novoneyra o venres 21 en Vilalba

Redacción

Dentro das actividades programadas co gallo das Letras Galegas, o Instituto de Estudios Chairegos, en colaboración coa Sociedade Centro Cultural e Recreativo de Vilalba, organiza unha conferencia-recital a cargo do profesor Ricardo Polín, que contará coa participación do Centro Dramático Vilalbés.

O acto, que leva por título CAEN AS FOLLAS – VERSOS A NOVONEYRA, terá lugar no Salón de Actos do Centro Cultural e Recreativo de Vilalba o vindeiro venres, día 21 de maio de 2010, ás 20,30 horas, e no mesmo intercalaranse recitados poéticos con proxeccións de videos e audicións musicais.

No mesmo acto, levarase a cabo tamén a entrega do diploma de Socio de Honra a ANXO LAMAS, nomeamento recientemente concedido pola Asemblea Xeral do Instituto de Estudios Chairegos.

20 de maio de 2010

Concertos no Pub Xanela

Redacción

No pub Xanela de Vilalba vanse dar cita algúns dos grupos máis punteiros do pop-rock da zona durante finais de maio, o mes de xuño e principios de xullo.

O programa de actuacións será o seguinte:

  • O 22 de maio ás 23:45h actuará o grupo vilalbés de pop-rock Postergel.
  • O 29 de maio ás 23:45h actuará o grupo folk de As Pontes, Muxarega, que remata de celebrar o seu XV aniversario.
  • O 5 de xuño ás 23:45h actuará o grupo vilalbés de punk-rock Mi perro Vincent.
  • O 19 de xuño ás 23:45h actuará o grupo de rock, blues e jazz de As Pontes Jin Tony´s son.
  • O 26 de xuño, ás 23:45h actuará o grupo de rock, folk-rock, blues de As Pontes Que cunda o pánico.
  • O 3 de xullo, ás 23:45h actuará o grupo de pop, rock, experimental Sherpannk, que presentarán o seu novo EP.

Tamén, están pendentes de confirmación da data os concertos de De perfil (Vilalba) e Gramola (Vilagarcía).

19 de maio de 2010

'Cross Country' o vindeiro sábado na Pastoriza

Redacción

Onte presentouse no Pazo de San Marcos de Lugo a proba de motocross “Cross Country” da Pastoriza, que se disputará o vindeiro sábado 22 de maio neste concello. Máis de 30 motos daranse cita desde a mañá até a tarde para disputar esta espectacular proba polos montes da Pastoriza. Na presentación estiveron, xunto a Antón Bao, Elba Carreira, tenente de alcalde nacionalista da Pastoriza, Antonio Solórzano, director do circuíto da Pastoriza, e Carlos Zapata, presidente do club HP e organizador da proba.

Antón Bao destacou na súa intervención que “a Área de Deporte da Deputación sempre vai estar apoiando a celebración de todo tipo de eventos deportivos que promovan e espallen a práctica deportiva polas comarcas lucenses”. O vicepresidente da Deputación destacou as boas instalacións coas que conta o concello da Pastoriza para acoller competicións de motor e desexoulle os mellores éxitos aos participantes e que o público poida desfrutar na Pastoriza da carreira e do ambiente que rodea a competición das dúas rodas. Neste sentido, Bao falou de que “unha proba coma esta, ademais estar dando os seus primeiros pasos para consolidarse, fai que por un día a Pastoriza acolla centos de visitantes que poidan desfrutar do espectáculo do motor e tamén das paisaxes e patrimonio cultural da Pastoriza, constituíndo tamén unha importante fonte de ingresos e un impulso socioeconómico para os comerciantes locais”.

Pola súa banda, a tenente de alcalde da Pastoriza, Elba Carreira, agradeceu o apoio da Deputación de Lugo e estreita colaboración que hai entre o concello e a xerencia do circuíto de karting da Pastoriza, o que posibilita que se poidan organizar probas como esta. Neste sentido, Elba Carreira agardou que a proba sexa un éxito e explicou que eventos deportivos destas dimensións axudan a situar a Pastoriza como un lugar referente en Lugo e en Galiza no mundo do motor.

A proba de Cross Country da Pastoriza disputarana o vindeiro 22 de maio máis de 30 participantes coas súas motos de cross polos montes da Pastoriza, coa saída do circuíto de karting do concello. Segundo explicou o organizador da proba, Carlos Zapata, o lugar onde transcorre a proba conta cunha paisaxe espectacular e, ademais, vaise habilitar un lugar especial para o público para poder desfrutar da espectacularidade da proba en condicións de seguridade óptimas, polo que animou a todas as persoas que queiran a achegarse o sábado 22 á Pastoriza. A primeira manga cronometrada terá a saída ás 12 da mañá para ser a segunda manga ás 4 da tarde.

Éxito total na manifestación das Letras

Redacción

Máis de 50.000 persoas –100.000 segundo os convocantes mentres que a policía local non ofreceu datos– acudiron onte en Compostela á chamada da plataforma Queremos Galego para protestar pola política lingüística da Xunta que preside Alberto Núñéz Feijóo. Unha nova marea humana ateigou a praza do Obradoiro co gallo do Día das Letras Galegas, adicado nesta ocasión a Uxío Novoneyra, cuxo espírito e palabras tamén estiveron presentes nunha cita que volve deixar no tellado do Goberno autonómico a pelota do “retorno ao consenso arredor da protección do galego”.

A de onte foi a cuarta manifestación multitudinaria que tivo que aturar a Xunta do PP en menos dun ano. E nin sequera cunha ponte festiva polo medio reduciuse o poder de convocatoria, o que deixa claro a existencia dun conflito de fondo calado entre amplos sectores da sociedade. O volume e insistencia deste movemento está a alcanzar niveis históricos. A lingua é material sensible e tamén transversal. Por iso a marcha volveu ser plural no perfil dos seus participantes e tamén das organizacións que a apoiaron.

Á ampla presenza nacionalista uniuse de novo unha importante mobilización dos socialistas, onte máis visibles que nunca neste tipo de actos, preto da primeira liña e co seu líder, Manuel Pachi Vázquez, á fronte, acompañado por moitos deputados autonómicos, alcaldes como o de Ferrol ou os presidentes das Deputacións da Coruña e Lugo e da Fegamp. Un poucos metros por diante ía a representación do Bloque, encabezada polo seu portavoz Guillerme Vázquez e da que tamén formaban parte a práctica totalidade do Grupo Parlamentario, co seu voceiro Carlos Aymerich, ademais doutros coñecidos membros do Consello Nacional da organización como Anxo Quintana, Francisco Rodríguez ou Martiño Noriega. Xunto a eles, unha potente nómina de sindicatos -entre eles CIG, SLG, CC OO ou STEG- organizacións de esquerda, moitos representantes do sector cultural e tamén Rafael Cuiña, militante galeguista do PP e xa un habitual neste tipo de mobilizacións.

Certo é que a manifestación seguiu o guión xa establecido en anteriores citas. Diversidade, nutrida presenza xuvenil e ambiente combativo mais tamén festeiro. Catro citas case idénticas a unha cada catro meses podían dar pé a certo desánimo, porén, semella que aínda falta moito para iso, se é que chega. Este feito converte á loita contra o decreto da lingua nunha carreira de fondo na que Queremos Galego e achegados están a amosar unha forma excelente, seguramente moi superior á que calculaba o seu adversario. Contan para elo cun importante adestramento sentimental. “O galego, o noso existir”, foi o lema elixido para a masiva convocatoria, que tivo un ollo posto no Courel e en Novoneyra, protagonista deste 17 de maio. A familia do poeta, que a esas horas acudía ao acto oficial da Real Academia, enviou un texto co que se sumaba á reivindicación do Obradoiro. “Nós e el (en referencia ao desaparecido escritor) estamos aí, convosco”, dicía a carta, que tamén incluía o discurso pronunciado por Novoneyra en Compostela en 1987, que foi lido polo portavoz da plataforma convocante, Carlos Callón, que o presentou como “de plena actualidade”: “Se non somos capaces de defender a nosa identidade, que problema común poderemos afrontar que non seña o de aceptar a imposición que nos veña de fóra? A imposición que non pensa en nós como pobo, senón como territorio”. Ese foi un dos momentos máis emocionantes do evento, que tivo lugar xusto cando xa milleiros de cidadáns enchían a praza mentres o final da manifestación aínda saía da Alameda compostelá.

Antes da intervención de Callón, actores, escritores e humoristas como Isabel Risco, Carlos Blanco, Antonio Durán, Uxía Senlle, Quico Cadaval, Xabier P. Docampo ou Pepe Carreiro amenizaron a espera. Eles tamén foron os encargados de dar lectura ao manifesto, no que lembráronlle ao goberno autonómico a súa “obriga estatutaria de defender a lingua”. “Na vez diso, andan ás patadas co galego. O mellor exemplo desta política tan lesiva é o decretazo que varre a nosa lingua da educación infantil”. Entón, dirixíronse directamente a Feijóo: “Gañar as eleccións non concede o dereito a exercer o poder de forma absoluta”. De feito, incidiron nos feitos que xustifican que o líder dos populares galegos ocupe agora o posto que ocupa. “Se Galiza ten hoxe un certo grao de autogoberno, cunhas institucións propias, é, nunha parte fundamental, debido a termos unha lingua e unha cultura propias. Sentimos o galego como algo noso, independentemente da lingua que empreguemos no día a día. É a nosa creación máis valiosa e perténcenos”.

Nun ton tamén salpicado de sensibilidade pero indubidablemente máis político, Carlos Callón fixo referencia ás últimas enquisas sobre o uso do galego, nas que advertiu “un vinte por cento de analfabetos funcionais”, polo que esixiu medidas “para reverter esta situación e potenciar á lingua historicamente desfavorecida”. Ademais puxo o foco no ditame do Consello Consultivo sobre o decreto que propón o PP, “ilegal e anticonstitucional”, ante o que pediu o regreso “ao consenso das leis aprobadas por todos”. A partir dese momento, o presidente da Mesa solicitou que Feijóo “deixe de pensar nos seus intereses persoais e se centre nos galegos” e pediu a dimisión –acompañado por berros de toda a praza– dos responsables da Política Lingüística da Xunta.

Volveron ler o manifesto e a multitude se dispersou tras cantar o himno galego. Soaron con forza as frases máis subversivas da letra de Pondal. Pero esta loita tamén quere ser sensible. Era a data de Novoneyra. Por iso escoitouse continuamente o seu verso totémico: “A forza de tanto amor non pode ser inútil”.

Imaxe: Xornal.com

Xorima: os dous temas inéditos

Redacción

Presentamos en exclusiva os dous temas inéditos do grupo Xorima, gravados en 1988. O primeiro deles leva por título "De xolda/Entre o millo" e trátase dunha mistura de dúas cancións, firmadas por Ferreirós e Anxo Pinto. "Sicodélica", a outra peza, está baseada nun fragmento tradicional con arreglos do grupo.

Ambos os dous temas foron interpretados en directo en diversas ocasións, e ían ser incluidos nun hipotético segundo disco, que ao final non saiu. Desfruten deles.

DE XOLDA-ENTRE O MILLO


SICODÉLICA


Picando aquí poden atopar unha entrevista e máis información sobre os dous temas e sobre o grupo.

17 de maio de 2010

Antígona revisitada

Mario Paz González.-

Aínda que a historia sexa coñecida grazas á traxedia clásica, se cadra, por afastada, é xusto lembrala. Logo do desterro de Edipo da cidade de Tebas, os seus dous fillos homes, Polinices e Eteocles, asumiron o poder gobernando alternativamente cada un por espazo dun ano. Con todo, unha vez transcorrido o primeiro prazo, Eteocles negouse a ceder o posto a Polinices polo que este, armado xunto a varios caudillos de Argos, vai facer fronte ao seu irmán nunha contenda fratricida na que ámbolos dous han sucumbir, tal como nos deixou dito, nunha obra memorable, Esquilo. Deste xeito, mentres Eteocles recibe unha digna sepultura, os maxistrados tebanos e o novo rei, o seu tío Creonte, consideran que Polinices, a quen correspondería lexitimamente o trono, ten cometido unha traizón, polo que o seu cadáver deberá ficar insepulto. É precisamente noutra traxedia, Antígona de Sófocles, onde a protagonista vai ser condenada por enfrontarse ás leis dos homes ao pretender dar honrosa sepultura ao seu irmán Polinices.

Todo está xa nos clásicos e, segundo cita atribuída a Borges, nada do que podamos engadir será máis que unha nota a pé de páxina ao que xa eles dixeron. Sen sabelo, ao escribir a súa Antígona, Sófocles estaba tamén expondo, cun terrible sentido premonitorio, un desgrazado episodio da nosa Historia moderna. A obstinación dun xuíz que, malia o que dixesen as leis escritas por (algúns) homes, pretendía, como a protagonista da traxedia grega, dar honrosa sepultura, non a un, senón a 114.266 irmáns, todos eles desaparecidos durante a guerra e a posterior represión do franquismo.

Coma se a vexatoria acusación de traizón enarborada durante corenta anos de ditadura contra estes novos Polinices e a vergoña e o medo das súas familias non fose suficiente. Coma se os máis de trinta anos de silencio cómplice da democracia non acrecentasen a ignominia. Escenificando un episodio máis da Historia dun país cainita, bastou para condenar a soberbia do xuíz unha denuncia dun suposto sindicato, o ultradereitista Mans Limpas, e da Falange Española das JONS, a quen Emilio Silva, presidente da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, atribúe o 98 % dos asasinatos. Como exclama a protagonista sofoclea, “á tiranía élle posible obrar e dicir o que quere”, provocar, reinterpretando ao revés a Quevedo, un terror constante máis aló da morte (do tirano).

Na prensa destes días árgüense diversas consideracións sobre a caída en desgraza do xuíz xienense. Precisamente, como no caso da heroína de Sófocles, a soberbia, o querer picar demasiado alto ou o afán de protagonismo están en boca dalgúns comentaristas, independentemente do signo político. Outros falan das súas inxerencias no caso Gürtel. Sexa como for, produce verdadeiro arrepío pensar en que país vivimos se isto é así. Se é posible, coa lei na man, defenestrar a alguén que tivo a ousadía de enfrontarse ao terrorismo, á corrupción, ao narcotráfico, aos crimes de Estado ou a outras tiranías como as de Chile ou a Arxentina. Hoxe non se pode esquecer aquel amencer do 12 de xuño de 1990 no que Baltasar Garzón, xunto ao fiscal Javier Zaragoza, tomaba os puntos estratéxicos da ría de Arousa dirixindo desde un helicóptero un espectacular despregamento policial de máis de trescentas persoas no mesmo corazón do narcotráfico.

Cando levamos case tantos anos de democracia como de ditadura asusta pensar que a sombra do ditador sexa tan alongada. Pero sobre todo indigna o bochornoso espectáculo que se está a amosar de cara ao exterior ao perseguir cunha saña inxustificable ao único, polo menos que eu saiba, candidato ao Nobel da Paz que tivemos por estes lares. Non hai retóricas para explicalo. Pode que o feito de que, uns meses atrás, a Fiscalía da Audiencia Nacional se opuxese ao procedemento contra Garzón anime un pouco, mais é triste pensar que un único xesto desde a súa contorna do Poder Xudicial, concederlle a comisión de servizos para A Haia, tivese bastado para frear a suspensión e, con elo, esta lamentable imaxe da Xustiza española no exterior.

16 de maio de 2010

A AELG participa na manifestación en favor da lingua do 17 de maio

Redacción

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), que forma parte da Plataforma “Queremos Galego”, contará con pancarta propia na manifestación convocada para o vindeiro luns 17 de maio, ás 12 da mañá, e que partirá da Alameda de Santiago de Compostela.

A AELG convida os seus socios/as, e en xeral a todos os escritores e escritoras en lingua galega, a sumarse a esta manifestación tras a pancarta da Asociación.

Podese ver a pancarta e información actualizada aquí.

'O Facho' celebra as Letras Galegas

Redacción

A Asociación Cultural "O Facho" de A Coruña, ten pensado organizar unha serie de actos co gallo das Letras Galegas do ano 2010. Así, o 18 de maio 2010, ás 12 e media da mañá realizarase unha oferenda floral nos xardíns de Méndez Núñez, diante do monumento a Curros Enríquez. Alí falará o presidente d’O Facho, Xosé Luís Rodriguez Pardo e dará a coñecer o nome dos gañadores dos premios convocados pola asociación nos seus "Concurso de Contos de nenos para nenos “Carlos Casares”" e "Concurso de Teatro Infantil". Na cerimonia haverá musica de gaiteiros. Ámbolos dous premios se entregarán aos gañadores o vindeiro 22 de maio ás 8 do serán no local da Fundación Caixa Galicia, na rúa Médico Rodriguez n.º 2.

Tamén o 18 de maio, ás 8 do serán no local da Fundación Caixa Galicia, no Cantón Grande, de A Coruña; o poeta e ensaísta, Júlio López Valcárcel falará sobre a figura do grande poeta do Caurel, Uxío Novoneira. A sua intervención leva por título: "Uxío Novo Neira, poeta da Terra".

Celebración das Letras Galegas en París

Moncho Paz

Onte pola tarde tivo lugar en Paris a cerimonia de inauguración da II edición do Día das Letras Galegas, nun acto que se desenvolveu a partir das sete do serán ao pé da torre Eiffel. A presentación do programa das actividades promovidas polo Círculo Cultural Galego de Paris (CICUGAPA) contou coa presenza do presidente da entidade, Eduardo Cuna; o escritor e xornalista chairego Ramón Chao Rego; e o galerista franco-chinés Serge Lipao, que estiveron acompañados de numerosos artistas e pintores.

Na súa intervención, Ramón Chao referiuse a Uxío Novoneyra, o autor homenaxeado nas Letras Galegas 2010, como "o poeta esencial, do que pouco hai que dicir, xa que sobre todo hai que ler a súa obra". A continuación presentou a edición francesa do seu libro Prisciliano en Compostela. De seguido, Serge Lipao deu varias pinceladas á obra máis recente do escritor chinés Ji Dahai, publicada en Francia baixo o título Sur les chemins de Compostelle.

Os eventos da inauguración desta II edición das Letras Galegas en Paris remataron coa actuación do "Balet Danza Studio" de Santiago, que escenificaron a súa obra Mulier, e a posterior degustación de produtos galegos. Á inauguración do programa de actividades do ano 2010 acudiron máis de cen persoas, todas elas vencelladas -dun xeito ou doutro - á cultura galega. Ao remate do acto, Ramón Chao foi agasallado co premio "María Casares de Xornalismo e Letras", cuxos membros do xurado decidiron outorgarllo por unanimidade.

15 de maio de 2010

A Voz de Vilalba rescata dous temas inéditos de Xorima

Redacción

Case ninguén sabe que, pouco antes de separarse, o grupo folk Xorima deixou gravada en estudio unha maqueta con dous temas que agora, máis de vinte anos despóis, A Voz de Vilalba rescata dos seus arquivos e ten o pracer de compartir cos seus lectores como agasallo no Día das Letras Galegas. Ámbolos dous poderanse escoitar o 17 de maio no menú dereito da web: www.avozdevilalba.com.

Os dous temas da maqueta
O primeiro daqueles temas de 1988, levaba por título "De xolda/Entre o millo" e tratábase dunha mistura de dúas cancións. A primeira firmada por Ferreirós e a outra por Anxo Pintos, que naquel entón tocaba en Xarabal e posteriormente foi membro de Berrogüeto. O outro tema incluido na maqueta era "Sicodélica", peza baseada nun fragmento tradicional con arreglos do grupo.

"Eran dous temas que nos gustaban e que soiamos interpretar en directo de cara a un hipotético segundo disco, que ao final nunca saiu", segundo nos lembra, máis de vinte anos despóis, Xosé Ramón Vázquez, daquela líder da formación e hoxe ao frente de Fía na Roca.

O grupo Xorima
Xorima foi un dos grupos máis emblemáticos do folk galego dos anos oitenta. A formación, provinte de Vilalba (Lugo), estaba integrada por Eduardo “Lalo” Baamonde, Carlos Celeiro “Morón”, Eugenio “Queno” Eimil, Xosé Luís Pernas e Xosé Ramón Vázquez, quen anos despóis fundaría tamén o grupo Fía na roca. En 1985 gravaron un longa duración cuxa portada correu a cargo do pintor e arquitecto Santiago Catalán acadando un éxito inusual ata cegar a converterse na banda sonora dos primeiros tempos da TVG.

Na segunda etapa da formación (1987-1989) permanecerían tres dos membros orixinais: Xosé Ramón Vázquez, Carlos Morón e Xosé Lois Pernas. Contarían ademáis coa presenza de Xabier Bueno, Chus Bello e Xaquín López Farinha. Este último sería un dos fundadores de Berrogüeto, mentres Xosé Ramón e Xabier Bueno formarían anos despóis Fía na Roca, xunto con outros músicos.



Únete a os siareiros de Xorima en Facebook

14 de maio de 2010

A folga: a clase media despídese de Zapatero


Antón Baamonde

A folga convocada por CCOO e UXT para o 2 de Xuño era inevitable. Os sindicatos non podían facer outra cousa: que darían desacreditados ante as súas bases de tomar outra posición. Terá éxito, naturalmente. Será masiva no sector.

O PSOE perdeu arraigo nas clases medias a mediados dos noventa. As medidas decididas non por Zapatero, senón polos mercados -Zapatero é hoxe un ser tráxico, en combate contra si mesmo- van a facerlle perder a estima dos funcionarios. Esta nova fenda terá consecuencias gravísimas no mapa político. Os seus apoios entre profesores, médicos, funcionarios da administración, etc. eran centrais para a o proxecto socialista que corre o perigo de perder centralidade social.

Ven un tempo convulso. Con grandes oportunidades para o PP e para os mercados e grandes perigos para os asalariados.

No medio da tormenta é díficl saber qué facer, pero tal vez sería razonable considerar todas as opcións, incluíndo a de convocar eleccións anticipadas.

Porque, exactamente, que marxe de manobra ten Zapatero ou España para desatender os seus compromisos? Cal é o montante real da débeda e os seus prazos?.

Se non hai apenas marxe, non será mellor deixarlle paso ao PP antes de queimar inutilmente os propios barcos? Non tería iso o efecto de diluír a esquerda social? Son preguntas de non fácil resposta.

Scandal segue coa súa xira 'Time for heroes'

Redacción

A banda galega Scandal presentará o seu último disco "Time for Heroes" os próximos día 14 e 15 de maio. O 14 farao no Pub d'Anton en Laracha ás 23h30 acompañando ao grupo asturiano Paperbacks. O 15 estarán a presentar o seu traballo en acústico en O Curruncho de Jairo en Ponteceso ás 00h30 (Entrada gratuíta).

The Paperbacks
Vintage une unha chea de décadas de boa música no sangue de cinco novos soñadores que están completamente decididos a alcanzar as estrelas. O principio: a idea. Xuntar todos os bos sons das distintas influencias de cada un nunha boa banda. O resultado: VINTAGE. Difícil de explicar, difícil de clasificar, necesitas ouvilo. Algo naceu no norte de España. Vintage xa está aquí.

Scandal
Pop-rock infestado de enerxía e cheo de matices, aderezado coa dozura da variedade idiomática que permiten, desde Galicia, viaxar polo mundo sen moverse dos altofalantes.

Humor



13 de maio de 2010

Vinte anos de Lucensia

Redacción

A revista LUCENSIA, miscelánea de cultura e investigación, presentará o vindeiro mércores, día 19, un novo número, o 40. Esta edición semestral de 204 páxinas darase a coñecer no auditorio de Caixa Galicia de Lugo, ubicado na Praza de Santa María, ás seis e media da tarde. O libro-revista, edición especial, será obsequiado a todos os asistentes ao acto, que é de acceso libre.

Ao coincidir estas popularmente chamadas "vodas de porcelana" (vixésimo cumpreanos) dentro do Ano Santo Compostelán, o número 40 que agora se presenta aborda o tema xacobeo desde diversos puntos (teolóxico, histórico e literario). Un dos autores dos traballos publicados, o tradutor do famoso Codex Calixtinus ao galego, catedrático José López Díaz, fará unha breve exposición do histórico texto e unha mostra das edicións.

A revista LVCENSIA, "miscelánea de cultura e investigación", é unha publicación que naceu baixo o amparo e iniciativa da Biblioteca do Seminario Diocesano de Lugo. Publícanse dous números por ano, e neles teñen cabida tódolos temas referidos a Lugo e a súa cultura, tanto do ámbito das ciencias teolóxicas coma dos distintos saberes humanos. Co termo "Lugo" englóbase o relativo á provincia, á dicese ou á cidade.

Premios do XIV Certame "Benxamín Paz"

Redacción

No día de onte, martes, 11 de maio de 2010, no Centro Cultural e Recreativo de Vilalba, segundo convocatoria realizada polo CEIP “Antonio Insua Bermúdez” coa colaboración da Asociación de Minusválidos Benjamín Paz e do Centro Cultural e Recreativo de Vilalba, reuniuse o Xurado do XIV Certame Benjamín Paz, integrado por:

· Don Bernardo García Cendán, que actúa como Presidente.

· Don Félix Villares Mouteira.

· Don Xulio Xiz Ramil.

· Don Afonso Blanco Torrado.

· Don Xosé Antonio Pombo Mosquera.

· Don Xosé M. Felpeto Enríquez, que actúa como Secretario.



Despois do oportuno estudio dos traballos presentados ao Certame e das pertinentes deliberacións, este Xurado acordou o seguinte:



1. OUTORGAR OS SEGUINTES PREMIOS:


Modalidade: POESÍA

· 1º Ciclo de Educación Primaria

Premio para o traballo FALAN E FALAN resultou ser a súa autora MARIÑA VILLARINO VILLARINO do CEIP “ANTONIO INSUA BERMÚDEZ” de Vilalba



· 2º Ciclo de Educación Primaria

Premio compartido para os traballos AS LETRAS FALAN e O VENTO resultaron ser as súas autoras AINÉ SHILPA NOVO YÁÑEZ e UXÍA GATO DÍAZ do CEIP “ANTONIO INSUA BERMÚDEZ” de Vilalba



· 3º Ciclo de Educación Primaria

Premio para o traballo OS SENTIMENTOS resultou ser a súa autora LYDIA PRADO PERNAS do CEIP “MANUEL MATO VIZOSO” de Vilalba



Modalidade: NARRATIVA.

· 1º Ciclo de Educación Primaria

Premio para o traballo A FADA AMOR resultou ser a súa autora NEREA REGO CAMPELLO do CEIP “MONSEIVANE” de Moreda-Lanzós-Vilalba



· 2º Ciclo de Educación Primaria

Premio para o traballo A SEREA DO RÍO resultou ser a súa autora SILVIA LÓPEZ LORENZO do CEIP “ANTONIO INSUA BERMÚDEZ” de Vilalba


· 3º Ciclo de Educación Primaria

Premio compartido para os traballos O LIBRO LADRÓN e O FEITIZO DE ROMINA resultaron ser as súas autoras LAURA SANTISO MONTENEGRO e AINHOA GLEZ. RGUEZ. do CEIP “MANUEL MATO VIZOSO” e CEIP “ANTONIO INSUA BERMÚDEZ” de Vilalba, respectivamente


Modalidade: DEBUXO-PREMIO DAVID DÍAZ VÁZQUEZ

· Infantil 3 anos

Premio para NEREA REGUEIRA ROCA da CEIP “ANTONIO INSUA BERMÚDEZ” de Vilalba


· Infantil 4 anos

Premio para DAVID SÁNCHEZ DEL RÍO MARTÍNEZ do CEIP “MANUEL MATO VIZOSO” de Vilalba


· Infantil 5 anos

Premio para DIEGO MASEDA GOÁS da ESCOLA DE EDUCACIÓN INFANTIL de Vilalba

Tranquilidade

Xulio Xiz

Hai unha serie de factores que van conformando o clima social dunha localidade, proporcionando intranquilidade ou seguridade ós seus habitantes.

En Vilalba, hai uns pequenos acontecementos ocorridos recentemente que producen intranquilidade. A min, polo menos, tenme afectado enterarme das novas de pequenos roubos en establecementos vilalbeses, non pola contía dos botíns que obtiveron os rapiñeiros, senón polo sintomático das accións e a súa repetición.

Xa a mediados de abril, os ladróns entraron nas dependencias do Centro Cultural Recreativo, levando da cafetería un televisor e un decodificador da TDT, e das instalacións da sociedade a infraestructura tecnolóxica composta por un ordenador portátil, un proxector, unha cámara de video e unha pantalla. Como botín económico contante e sonante, 12 euros.

Por aqueles días, ademáis do Centro Cultural, tamén foron visitados de noite un bar e bunha tenda de confección, con resultados económicos modestos pero coa natural intranquilidade dos afectados e do contorno.

Velaquí que menos dun mes despois, son outros dous establecementos de hostalería os que sofren agresión nocturna para saquear as máquinas tragaperras no primeiro dos casos, na zona das Sete Pontes, e no segundo, en Goiriz, no que os rateiros se viron sorprendidos por unha alarma que se disparou.

Aparentan ser furtos de afeccionados, máis gamberradas que latrocinios, que preocupan polo que supón de aparente impunidade ata que os autores sexan postos a disposición da autoridade competente, que forzas da orde hai en Vilalba para que controlen estas anomalías, e seguro que están facendo xa as averiguacións oportunas, polo que a tranquilidade volverá a Vilalba cando estean controlados os malfeitores.

E, se é posible, establecer algún tipo de mecanismo de vixiancia e control, mesmo baseado nas novas tecnoloxías, que proporcione seguridade e dea a voz de alarma no momento oportuno.

Que parece como se en Vilalba, a esos efectos, estivesemos no lugar axeitado xa que a vila foi recentemente noticia pola existencia dunha empresa punteira en tecnoloxía que inventou un robot portátil para o cambio de aceite nos artiluxios eólicos, que innova nun campo totalmente innovador.

Tecnoloxías similares, aplicadas á vixiancia ou control e á seguridade, seguro que son posibles e polo que se ve necesarias.

Agardemos que o tema se solucione moi axiña, e Vilalba volva ser un lugar tranquilo onde vivir en paz.

12 de maio de 2010

Manifestación o 17 de maio "O galego o noso existir"

Redacción

Co lema “O galego, o noso existir”, a plataforma cidadá confía nunha mobilización histórica do pobo galego contra as agresións á nosa cultura e o desmantelamento da oficialidade da nosa lingua". “O Galego, o noso existir” é o lema escollido para unha mobilización “que non hai dúbidas de que será de novo histórica polas súas dimensións”, asegurou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e un dos portavoces de Queremos Galego, Carlos Callón.

A campaña gráfica que nos próximos días chegará a todas as comarcas do país xogará con dúas imaxes: a dunha bola de pan e a dun corazón; a primeira, simboliza “a lingua como sustento, como algo que vincula directamente a existencia material do noso pobo”; a segunda, da mesma maneira que o propio nome da plataforma cidadá “o amor pola nosa cultura e a demanda da súa presenza, para que acade plena normalidade no espazo que lle é propio”. “Quen cre nas potencialidades de Galiza, defende a identidade do país e defende a lingua”, asegurou.

Para Carlos Callón, a mobilización cidadá que se convoca para o Día das Letras vai servir tamén para “visualizar e afortalar a unidade social existente neste momento arredor da defensa do galego". "unha unidade social da que só se autoexclúe o partido popular que será o único que non estea mobilizándose na rúa o 17 de maio en favor da lingua e da cultura propias do país". "Algo que debe facer reflexionar moi seriamente ao presidente da xunta, que non entanto segue a malgastar diñeiros públicos en atacar o galego". Nese sentido, o portavoz de Queremos Galego censurou como "un insulto ás familias que máis padecen a crise económica que se anuncie o investimento público dun millón de euros nunha campaña a favor do decretazo; isto é, dunha campaña contra o galego". Callón fixo un repaso do "rexeitamento unánime do decretazo" e citou de forma explícita " todas as institucións culturais do país, todos os sindicatos, todas as organizacións estudantís, todos os movementos de renovación pedagóxica e, excepto unha, todo o resto das asociacións de nais e pais. "no pp saben que contan cun rexeitamento unánime e por iso utilizarán fondos públicos nunha macroacción propagandística impresentábel", sinalou.

Como en ocasións anteriores, a plataforma Queremos Galego, dispoñibilizará en todas as comarcas do país un servizo de autobuses. unha vez concretadas as rutas e os horarios, poderanse consultar na páxina web: http://www.queremosgalego.org

Presentada en Bruxelas a Gran Enciclopedia do Camiño

Redacción

Por primeira vez na historia edítase unha enciclopedia sobre o Camiño de Santiago na que ten cabida "todo o relacionado coa cultura xacobea e, por extensión, coa cultura europea, posto que ambas están indiscutiblemente conectadas". Así presentou a obra en Bruxelas onte pola tarde o seu director, o xornalista e profesor universitario Manuel Rodríguez.

Neste aspecto incidiu tamén o presidente do Intergrupo Parlamentario dos Camiños de Santiago, o eurodeputado galego Francisco Millán Mon, quen expresou a súa satisfacción "porque os responsables da obra elixisen Bruxelas, capital de Europa, como un recoñecemento da dimensión europea do Camiño". O eurodeputado explicitó que a perspectiva europea "quere estar moi presente na enciclopedia" á que cualificó como unha "obra ambiciosa" que dá unha "visión omnicomprensible" do que representou o Camiño ao longo da historia.

Xunto con Millán Mon, participaron na presentación a directora da oficina belga da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos Barbosa, e o editor compostelán responsable da publicación, Antonio Couto Rego (Edicións Bolanda).

A enciclopedia ofrece a visión máis completa do Camiño de Santiago desde as orixes até a actualidade a través de dezaoito tomos nos que "resólvense todo tipo de dúbidas sobre unha das peregrinacións máis importantes do mundo, a xacobea, coincidindo, precisamente co seu Ano Santo", destacou Manuel Rodríguez. Para iso contouse coa participación de máis de corenta expertos, tanto nacionais como estranxeiros, "dedicados ao estudo, análise, investigación e divulgación da cultura xacobea no mundo".

Ademais dos especialistas, colaboraron na obra asociacións e confrarías do Camiño, peregrinos, centros de estudos xacobeos e universidades de diferentes países do mundo, que enriqueceron este gran proxecto definido polo seu director como "a primeira enciclopedia europea", posto que "engloba a cultura común que esta vía histórica ha permitido ganduxar ao longo dos séculos". Pero a obra, como o propio Camiño de Santiago, transcende as fronteiras europeas para chegar alá onde chegou a figura do apóstolo Santiago e a propia Ruta Xacobea, lugares tan recónditos como Perú, Nova Zelandia, Cabo Verde, Israel ou Filipinas, entre outros moitos.

Fotos, gráficos, ilustracións e mapas
Unha información, complementada con máis de dous mil fotografas e cen gráficos, ilustracións e mapas, e estruturada co obxectivo de facilitar unha rápida, rigorosa e exhaustiva consulta. Esta gran enciclopedia, exposta desde un punto de vista europeísta, recolle todo o xigantesco patrimonio relacionado co Camiño de Santiago, aclarando, concretando e pondo ao alcance de todo tipo de persoas os termos, conceptos, ideas, personaxes, itinerarios, tradicións, lendas, etc., que pertencen ao universo xacobeo.

Personaxes históricos e de lenda, peregrinos históricos de todo o mundo, os camiños e as súas poboacións por Europa, tradicións, lugares míticos, etc. Todo está no tres mil entradas e case catro mil páxinas desta enciclopedia, onde se atende, non só á orixe e desenvolvemento do Camiño de Santiago, senón tamén ao seu presente, no que volveu a renacer con máis brío que nunca.

Obra inédita de consulta rápida e sinxela
A publicación presta unha especial atención ao inmenso patrimonio que atesouran as diversas rutas a Compostela e que motiva aos millóns de peregrinos que cada ano realizan esta viaxe física e espiritual convertido xa en Patrimonio da Humanidade. "O Camiño de Santiago é un fenómeno moi amplo, unha cultura propia, e iso verao quen coleccione a Gran Enciclopedia", asegurou Rodríguez, á vez que advertiu que esta obra "achega un enfoque inédito que a distingue da infinidade de guías e de libros de ensaio xa publicados". Nunca antes ordenáronse os termos xacobeos en forma de dicionario enciclopédico de modo que se lograse unha consulta rápida e sinxela. "O que pretendemos é facilitar o acceso inmediato a calquera contido do mundo xacobeo", aclara o editor.

Os dezaoito tomos da obra, que comezou a xestarse hai dous anos, aspiran a despexar as dúbidas máis frecuentes sobre o Camiño de Santiago, a través de palabras crave e de forma concisa. "Nestes momentos o Camiño ten aspectos sorprendentes, como que estea sinalizado até en Eslovenia. A enciclopedia ocúpase dese fenómeno con entradas sobre a cultura xacobea en Suíza, en Francia ou en Polonia, onde é incipiente".

Cronoloxía e bibliografía
O traballo complétase cunha precisa cronoloxía ?inédita no seu estilo? que contribúe a mellorar aínda máis a accesibilidade e posibilidades de consulta da obra, así como unha amplísima bibliografía de alcance internacional. Nela inclúense máis de setecentas referencias actualizadas até principios de leste mesmo ano 2010 e que completan unha obra que abre unha nova era na Ruta Xacobea.

Un ambicioso proxecto editorial
A obra editada por unha firma galega, Edicións Bolanda, constitúe un ambicioso proxecto editorial no que toma parte un equipo multidisciplinar de máis de sesenta acodes entre redactores, historiadores, fotógrafos, deseñadores gráficos e outros colaboradores, que durante dezaoito meses levaron a cabo un enorme labor editorial que ve a luz en pleno Ano Santo 2010. A Gran Enciclopedia do Camiño de Santiago distribuirase por diversas canles tanto en España como en Europa. Inicialmente poranse no mercado máis de douscentos mil exemplares. Así mesmo estase traballando nun ambicioso proxecto en liña da obra.

Intergrupo Parlamentario dos "Camiños de Santiago"
O intergrupo, herdeiro do que presidiu nos anos noventa o entón eurodeputado popular Xerardo Fernández Albor, constituíuse o pasado mes de febreiro en Estrasburgo. Está presidido polo deputado popular Francisco Millán Mon, e ten como vicepresidentes ao eurodeputado francés Dominique Baudis, ao italiano Mario Mauro, ao portugués Paulo Rangel, ao galego Antolín Sánchez Presedo e ao polaco Konrad Szymanski. O seu obxectivo é "lembrar e divulgar o papel que os Camiños de Santiago desempeñaron na creación da cultura europea e dunha identidade europea común". Os eurodeputados comprométense a efectuar contactos coas rexións, cidades, institucións e expertos vinculados aos Camiños de Santiago e a estimular a recuperación destes en Europa.

Fundación Galicia Europa
A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade sen ánimo de lucro creada en 1988 para promover accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia.

Conta cunha oficina en Santiago e outra en Bruxelas, da que forman parte preto de trescentas representacións rexionais establecidas na capital comunitaria. Nestes máis de vinte anos de historia o seu traballo materializouse en catro grandes ámbitos: defender os intereses de Galicia ante a UE, informar sobre a UE en Galicia, formar e sensibilizar sobre Europa en Galicia e promover a participación galega en proxectos europeos.