De ideoloxía


Pilar Maseda

Teño por costume presentarme sempre como Vilalbesa da Praza, da Rúa do Sol, calquera que observe este dato pode pensar que me sinto diferente por esto, pois é verdade, medrei na Vilalba dos anos setenta daquela non eramos todos iguais, vivir nun sitio ou noutro do pobo socialmente era diferente, fun testemuña xeracional do cambio social na década dos oitenta chamada a da “movida” polo xurdimento dese movemento sociocultural de entonces en España.

Nós medramos ao ritmo do pobo, que coa inxección económica da "central das Pontes" e da "Alúmina" na Costa tiña a Vilalba de camiño, polo que se notaba esa evolución de preto pero éramos unha vila gandeira e agrícola sen evolucionar.

Lembro sendo adolescente, ter acompañado a meu pai a un mitin do PSOE na Coruña onde o guión versaba sobre todo na necesidade da reconversión industrial e da incorporación ao mercado común europeo; alá no principio dos oitenta falábase de "cambio" e algunha xente non tiña medo de levantar o puño e cantar a “internacional”, falábase de ideoloxía e de modernidade, pero en Vilalba fai algo máis de vintecinco anos non era fácil falar de ideoloxía e menos de socialismo ou galeguismo, cara dentro, parte daquela sociedade quería remontar o pasado pero aínda había medo aos comentarios e algún que outro personaxe.

Meu pai rexentaba un bar na Rúa do Sol que moitos rebautizaron como "a movida", homenaxe a época, (tamén tiñamos un negocio de venda ambulante, o noso cometido era vender de porta en porta, por todos os barrios e parroquias de Vilalba, teño que dicir que foi unha das experiencias máis enriquecedoras da miña vida, pero xa falaremos deso outro día.)

Volvendo ao bar, nas noites de troula e camaradería onde corría o clarete peleón do “Sotelo”, eu era testemuña das cantigas e mitins de taberna ao uso. Lembro que un día xurdiu a noticia da morte do “vello profesor” e alcalde de Madrid Tierno Galbán, aos meus catorce anos vin como unha tristura inmensa caía sobre as caras de meu pai e os seus amigos; pensaba, son valentes falan de república e socialismo en voz alta sen medo, daquela emocionábame lendo a Celso Emilio e saíame como un proído, un sentimento galeguista que xamais entenderon aqueles socialistas amigos de meu pai, nembargantes tiñan como himno a versión de Pucho Boedo do "monólogo do vello traballador", choraban escoitando: "Agora tomo o sol pero ata agora traballei corenta anos sen sosego..."

Volvendo a noite da nova da morte do "vello profesor" algún deles falou de conciencia social e que lle debían un respecto, así que despois de varios vasos de viño e moitas bágoas colleron o coche e dirixíronse a capital de España, eu esperaba ansiosa a súa volta, para min aquel feito equiparábase á auténtica "Odisea".

Regresaron cheos de emoción, abraiados do ben que se pasaba polo "puerto Pajares" (facía décadas que non ían a Madrid), enchemos o bar coas pegatinas do "oso e o madroño" co lema de despedida "Hasta Siempre", mentres algúns do pobo lles chamaban mortos de fame e borrachos aos meus heroes.

Recoñezo unha decepción tremenda dentro da alma, cánto camiño recorreron dando a cara todos aqueles nenos da posguerra que nos abriron as portas, quizás sexamos nós a xeración perdida, dós ideais ao acomodo, ónde quedaron as ideoloxías?, canso de falar coa xente tantos anos despois, ónde quedaron os idealistas?, a defensa pola igualdade do desigual?, os principios de convivencia?, agora a política só son verbas valeiras, moitos daqueles que criticaban a meu pai e aos seus amigos agora parecen ser "zetapeístas", xa non se fala de ideoloxía nin de ideas, agora a política é á carta; pura comenencia.

pilarmaseda@terra.es
Máis información de Pilar Maseda na Bibliografía Chairega.

21 de abr. de 2008

2 comentários :

  • Precioso artículo Pili, coincidencia plena contigo. ¿Onde estarán esos zetapeistas cando se lle escape o poder o seu lider?

    24 de xuño de 2008, 18:59

  • Está ben Pilar, é unha época a que desenrolas de bon xeito e transmitindo moi ben o sentimento de esa xente, xente como teu pai e outros que sentian "as cores" e foron despedir a quen era, -e pode seguir a ser-, o seu referente.
    Paralelamente defines unha realidade de Vilalba, que eu sin querer entrar en polémica, coido que ainda se mantén, só que é doutro xeito, xa que os tempos cambian e con eles as formas, "mais viostosas" por certo as de agora, só que escarabellando un pouco voltamos ao pensamento de outras épocas.
    Eu tamén me sinto decepcionado, polo desarraigo nas vontades políticas, das ideoloxías que as definen e as deberan marcar.
    A estas alturas só falan de economía, e dun xeito que semella que non é política, máis sí a é, e sabemolo todos o que pasa e que non é "políticamente correcto", o definilo así.Algún día a non moito tardar, terán que voltar a falar no "senso estricto" da palabra, de esquerdas e dereitas, de socialismo e comunismo e tamén de capitalismo, e como non tamén do nacionalismo que queren mergullar como galeguismo.
    Teremos que agardar aínda máis a que os tempos señan chegados, máis de seguro que brilarán como a luz da Liberdade, da Paz, da Igualdade, da Solidaridade, da Inxustiza.Tal vez para entón non esteñamos neste mundo, pero que é o Mundo sen Utopía, témonos que aferrar a algo no que creamos de verdade, e coido que non están os tempos para non ser Utópicos.
    Liberdade Igualdade e Fraternidade, terán que voltar a imperar.

    24 de xuño de 2008, 21:42

Danos a túa opinión