Relato reciclado (ou de reciclaxe)



María Xosé Lamas

Espertara cedo porque non lembrara mudar a hora do radio-espertador (as sete da mañá), pero prendeu no sono de novo e non acordou ate que sentiu o ruído do ascensor primeiro e o son da chave na porta despois. Ergueuse e foi directamente á cociña co fin de tomar o primeiro café do día. Saudou á empregada, que aínda estaba a pór as zapatillas e o mandil. Preguntoulle se seguía a facer frío coma o día anterior ao que respondeu que ía fresco de abondo para o tempo no que estabamos. De seguido botou un pouco café que había no fondo da cafeteira nunha xerra de vidro e escorreu nela a pinga de leite que ficaba no fondo dun tetrabrik e quentou todo xunto no microondas. Deulle o recipiente baleiro á rapaza que andaba a gobernar pola terraza onde están en ringleira os contedores de lixo. Ela recolleuno e cando foi botalo ao lugar correspondente ficou pensativa.
-Non sabes o que me aconteceu o outro día –dixo- Baixaba un par de bolsas de lixo, unha de orgánico e outra de plástico, para os contedores da rúa e vin que o estaban a recoller os barrendeiros. Entón achegueilles a bolsa do orgánico e pedíronme tamén a outra. Advertinlles que contiña plásstico, pero eles insistiron dando por explicación que eles reciclaban todo xunto. Ao chegar á casa –seguiu comentando a empregada- conteillo á filla dicíndolle que non sabía para que nos molestabamos en separar, se despois ía parar todo ao mesmo sitio. Pero ela contestoume que a pesar de todo seguiría a separar cada material de refugallo a onde correspondera.
Non era o primeiro comentario polo estilo que oíra. Hai tempo que sabía que a empresa que recolle o lixo realizaba este procedemento por costume. Só o papel e o vidro, recollidos por outros colectivvos distintos, semella que van parar onde procede –e aínda tiña as súas dúbidas.
-Aquí tamen seguiremos a separar, independientemente da responsabilidade ou falta dela que amosen os empregados ou directivos de Urbaser e o propio Concello, responsábel en último termo do servizo –respondeu.
Soou a campaíña e ergueuse da cadeira para coller a xerra e servirse o café con leite con media culleriña de azucre. Bebeuno case dun grolo e dirixuise ao cuarto de baño. Debaixo da auga temperada, seguiu a matinar sobre o lixo, a excesiva xeración do mesmo e os problemas que conleva, a falta de consciencia –e aínda conciencia- dos responsábeis do seu tratamento e da cidadanía en xeral... De que serven –preguntábase- tanta publicidade ao respecto, tantos contidos escolares traballados, se ao fin reciclan todo xunto?
Un sorriso pícaro acudiulle aos beizos por mor da ocorrencia que se lle antollaba naquel intre: estaría ben (con premeditación, alevosía e, sobre todo, nocturnidade) coller unha presa de botes de pintura en aerosol e escribir en cada contedor nunha cor ben chamativa o tipo de lixo que contén, a ver se así se enteran dende os empregados á mesma empresa, pasando tamén polo Concello.
Sería un acto vandálico ou pola contra un verdadeiro exercicio de sensibilización da cidadanía? Non estou segura, pero –e por se é o caso- relato o sucedido con ocorrencia incluída. Non sexa que por falta de ideas deixemos os problemas sen solucionar...

30 de xul. de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión