Algo cheira a podre...

Paulo Naseiro

É unha desas frases tópicas, como o ser ou non ser, que saen da obra maxistral do mestre de Stratford-Upon-Avon. As dúas veñen do Hamlet. Desculpen a estraña asociación, pero é o primeiro que me ven á cabeza ao ler que os traballadores do servizo de recollida do lixo de Vilalba convocan folga para a segunda quincena de agosto, isto é, polas festas. É a mesma táctica seguida noutras poboacións galegas en plena tempada estival e/ou festeira -Monforte, Nigrán, Baiona-, momento no que as toneladas de lixo espalladas polas rúas, unidas á calor canicular e á presenza de turistas foráneos, converten en insoportábel e intolerábel a presión exercida polos traballadores do lixo.

A secuencia é simple: calquera mellora salarial neste servizo, sempre unha contrata municipal, precisa dun incremento dos custes a cargo do concello, isto é, de todos. As autoridades concellís, presionadas polo cabreo dos veciños e a alerta sanitaria, acaban por obrigar ás empresas concesionarias a negociar o que sexa, o que aceptan encantadas sempre que se renegocie a un tempo o importe que reciben pola prestación do servizo.

Á fin, os traballadores gañan, as empresas gañan e os paganos perdemos. Por iso, coido que toca falar de todos. A recollida de lixo é un traballo penoso e sacrificado que se debe compensar cun salario máis ca digno. Nisto estou totalmente dacordo. Descoñezo se o persoal de Urbaser en Vilalba está ben retribuído ou non.

O que non sei é se este momento de crise é o idóneo para reivindicar unha suba do IPC máis un 2%, catro pagas extras ao ano e a percepción da totalidade do salario en caso de incapacidade temporal. Máis aínda, cando a maioría dos que fan uso e pagan o servizo non poden nin soñar cunhas condicións salariais semellantes, pero rematarán por sufrilo no recibo do lixo, xunto coas subas dos produtos alimentarios, das hipotecas, dos combustíbeis, etc., etc... Por outra banda, Urbaser leva demostrado unha cousa dende que acadou a concesión do servizo vilalbés: non lles peta cumprir as condicións do contrato. Só se preocupan por aumentar o prezo sempre que poden a cambio de nada, ou prácticamente nada.

Eu, cando menos, non vexo demasiada mellora dende aquelas épocas lonxanas nas que o concello era o prestador do servizo. Non incorporaron a maquinaria prometida na oferta da contrata, non teñen aínda a nave que deberían habilitar para que os camións non apesten aparcados todo o día en plena rúa, non fan recollida selectiva, mofándose así dos que nos esforzamos por separar o lixo na casa, a limpeza dos contedores é prácticamente inexistente...

E por último, o Concello. Non sei a que agardan para rescindir o contrato, xa que non son capaces de facelo cumprir. Agora teñen ocasión, cando unha posíbel folga pode comprometer a salubridade pública. E teñen, diante de todo, a obriga de establecer e facer cumprir os servizos mínimos esenciais. Teño a experiencia da folga anterior, dende a perspectiva de responsábel dunha entidade que, pola súa actividade produtiva, xeraba un importante volume de lixo altamente perigoso. Despois de varios días, os propios traballadores acabamos levando os contedores ao verquedoiro municipal antes de que as autoridades sanitarias nos obrigaran a evacuar os usuarios. Se, finalmente, o conflito non se resolve e todo chega a cheirar a podre en Vilalba -perdón, mestre Shakespeare-, os responsábeis finais estarán no número 1 da Praza da Constitución. Que non nos despisten.

7 de ago. de 2008

1 comentários :

  • Sorprende por outra banda, as declaracións do Alcalde (PP) Gerardo Criado aos medios, nas que dí que non ten que intervir no conflito ao ser responsabilidade de Urbaser e os Traballadores............,non se entende moi ben esta actitude, pois é o Concello quen negocia as condicións do cumprimento do Contrato con Urbaser e debe vixiar que se cumpran as obrigacións do mesmo, e que os veciños non señamos afectados polas incidencias que teña a empresa.Ao fin e ao cabo nosoutros somos quen pagamos os correspondentes impostos para obter ao troco beneficios nos servizos que o Concello oferta, incluindo o de Limpeza e Hixiene.

    7 de agosto de 2008, 11:04

Danos a túa opinión