A cinematografía galega, presente na II Mostra SOM CINEMA


Redacción

Entre o 17 e o 25 de outubro vaise celebrar a II Mostra Som Cinema de cine catalán en Mollerussa (Lleida) que, nesta edición, vai incorporar unha nova sección adicada a cinematografías especiais e vai ser inaugurada cun monográfico da cinematografía galega. Este monográfico adicado a Galicia xurde da colaboración entre o Consorcio Audiovisual galego e os responsables desta Mostra. Con esta nova sección preténdese dar a coñecer aos espectadores cataláns distintas cinematografías con características especiais.

Nesta ocasión o monográfico estará conformado por dez producións galegas de recente creación. Ao longo de sete días de proxeccións os asistentes á Mostra poderán coñecer diferentes traballos realizados no noso territorio, algúns pertencentes aos catálogos CURTAS ’08 e DOCS GALICIA ’08. Concretamente haberá unha sesión adicada ás curtametraxes na que se proxectarán Leo; Revolt of the mouses; O hospital e Darío e Verónica. En canto aos documentais, haberá tres sesións nas que se proxectarán Barreiros, motor humano; Kala Pattar e Liste, pronunciado Líster.

Ademais do xénero documental e da curtametraxe, tamén se proxectarán as longametraxes El menor de los males de Voz Audiovisual e La velocidad funda el olvido de Faro Lérez. Os rapaces tamén terán a oportunidade de divertirse cunhas das máis recentes producións de animación de Filmax Animation Donkey Xote. En definitiva, sete días de cinematografía galega actual fóra das nosas fronteiras.

8 de out. de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión