Chega a Compostela Cineuropa 2008

Redacción

Con esta de 2008 xa son vinte e dúas as edicións de Cineuropa, o máis importante encontro de cinema de Compostela, que volve achegar máis de douscentos filmes a cinco salas distintas da cidade cun esquema perfectamente consolidado de festival non competitivo: Teatro Principal, Salón Teatro, o CGAC e a Aula de Cultura Caixa Galicia e a sede da SGAE.
O festival abrirase este martes ás nove da noite, coa proxección de A noite que deixou de chover, filmada en Santiago e dirixida polo compostelán Alfonso Zarauza, e que contará coa presenza do director do filme, e dos seus dous protagonistas, Luís Tosar e Nora Tschirner. Alén das figuras premiadas cos Premios Cineuropa, estarán presentes algúns dos directores dos filmes proxectados. Ese é o caso dos portugueses Tiago Guedes e Federico Serra (Entre os dedos). Tamén de Helena Taberna (La buena nueva), Juan Vicente Córdoba (Flores de luna), Rogelio G. Abraldes (Buzos haciendo Surf, Un documental sobre Surfing Bichos), Oriol Porta (Hollywood contra Franco) ou o chileno José Luis Torres Leiva (El cielo, la tierra, la lluvia).
Este ano serán 24 os filmes que se proxectarán na sección oficial. Ademáis haberá ciclos de documentais sobre a memoria (Documentos: Memoria e presente), cinema do surleste asiático (Mundo Asia), ciencia-ficción (Fantastic Compostela), documentais de música (Doc: Music), cinema arxentino (Conexión Bós Aires), unha retrospectiva de Olivier Assayas e, como novidade para esta edición, unha nova sección adicada integramente ao cinema galego, titulada Panorama Galiza. Os directores Jaime Rosales e Pablo Trapero, arxentino, recibirán os Premios de Cineuropa 2008, en senllas galas que se celebrarán, respectivamente, o 15 de novembro, coa proxección da polémica Tiro na testa, e o 19 de novembro, con Leonera. Na sección gratuita Panorama Galiza poderase visionar un cento de filmes galegos recentes coma Flores Tristes (2008), fime de Manuel Abad que se estrenará no festival, e Manuel e Elisa (o trinta) (2007) de Manuel Fernández Valdés.
Do palmarés doutros festivais chegarán tamén varias películas. De Cannes a gañadora da Palma de Ouro Entre les murs (Laurent Cantet, 2008), así como a do Grande Premio do Xurado: Gomorra (Matteo Garrone, 2008), e a do premio ao mellor director Nure Bilge Ceylan por Üç maymun / Three monkey (2008). De Donostia, a gañadora da Cuncha de Ouro, Pandoranin Kutusu / Pandora´s Vox (Yesim Ustaoglu, 2008), Cuncha de Prata á mellor actriz. Tamén o premio ao mellor director, Michael Winterbottom, por Xénova (2008) e o Premio Especial do xurado que recaeu na­­ iraniana, Asbe du-pa / Two legged horse (Samira Makhmalbaf, 2008). Tamén da pasada edición da Berlinale chegarános o premio ao mellor guión, Zuo Yuo / In Love We Trust (Xiaoshuai Wang, 2007). Rematarase, coma sempre, co tradicional maratón, o día 3 de decembro, centrado este ano no tema da carne, con filmes como Peeping Tom, Shortbus, Addiction ou Supervixens.
Pica aquí para consultar a programación.

4 de nov. de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión