Vilalba acolle o vindeiro venres a primeira presentación de Xornal de Galicia


Redacción

O director de Xornal de Galicia, José Luis Gómez -na fotografía- e o xornalista chairego Moncho Paz, editor de A Voz de Vilalba e colaborador de Xornal, presentarán o vindeiro venres día 24 en Vilalba este diario de información xeral, así como a súa edición dixital. A capital da Terra Chá será a primeira localidade galega onte teña lugar un evento destas características dende a saída á rúa deste medio, en decembro de 2008. A presentación terá lugar ás 20.30 horas na Casa da Cultura (Praza de Suso Gayoso s/nº). A organización do acto corre a cargo do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) e o xornal dixital avozdevilalba.com. Outras entidades que tamén colaboran no mesmo son Terra Chá.Xa e Radiodifusión.

José Luis Gómez, director de Xornal de Galicia, explicará no acto todo o proceso que se levou a cabo para sacar á venda o diario impreso, a integración de Xornal.com como diario dixital de Xornal de Galicia, a liña editorial e a estrutura da redacción, que se caracteriza por ser a primeira redacción integrada de Galicia.

Xornal de Galicia é un diario de información xeral cuxo ámbito de ámbito de difusión abrangue toda a Comunidade galega, con especial atención nas súas grandes áreas metropolitanas. O diario conta con tres redaccións nas principais cidades de Galicia: Vigo, Santiago e A Coruña. A redacción do diario está integrada por recoñecidos profesionais do xornalismo galego.

A empresa Xornal de Galicia S.A., editora do diario, está integrada en Udramedios, a cabeceira da división de medios de comunicación do Grupo San José. Con sede en Pontevedra e presenza en máis de dez países de tres continentes, San José é unha multinacional que opera en diversos sectores (construción, inmobiliario, concesións e infraestruturas, servizos, tecnoloxía, enerxía, e comunicación) e cuxos ingresos superan os 1.550 millóns de euros.

21 de abr. de 2009

1 comentários :

  • Parabens a toda a equipa de A Voz de Vilalba por xestionar un evento destas características nun pobo. Fan falla máis iniciativas frescas como ésta nas vilas galegas. Moita sorte e alí estarei para tomar cumprida nota e coñecer a JL Gómez, de quen son admiradora dende a súa etapa en La Voz de Galicia.

    Ana Rúas Antón (AAA)

    22 de abril de 2009, 16:17

Danos a túa opinión