Homenaxe a “O Ferreiro da Porteliña”

Redacción

O "Consejo del Hierro" de Asturias e os Museos da Fonsagrada, Grandas de Salime e Taramundi lle renderon o pasado sábado unha homenaxe a Vicente Fernández, “O Ferreiro da Porteliña”, na praza do concello da súa vila natal, A Fonsagrada. Con este emotivo acto, persoeiros como Antón Bao, vicepresidente da Deputación de Lugo, compañeiros de profesión, veciños e amigos quixeron agradecerlle a este ferreiro e navalleiro lucense de 84 anos de idade o esforzo e empeño que demostrou ao longo da súa vida ao manter vivo e transmitir con acerto e disciplina as claves dun oficio tradicional con moito arraigo en Galicia.

A xornada lúdica comezou a primeira hora da tarde da man da xornalista Xiana Arias quen se encargou de presentar o relatorio “Ferrerías e mazos na montaña luguesa desde o século XVIII ao XX” impartido polo catedrático de Historia Moderna da USC, Pegerto Saavedra. Logo da homenaxe, o grupo Os/as Frebudos/as interpretaron varios romances de cego da comarca e Daniel “O Pando” tocou varias pezas coas trompa da Fonsagrada. Para rematar o festexo, mañá domingo, veciños, amigos e turistas realizarán un percorrido por aqueles lugares de interese que marcaron un antes e un despois na historia dos ferreiros da comarca entre os que están a Ferrería do Vilar da Cuíña ou o Mazo da Porteliña.

14 de set. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión