Creo que esta decisión do PSdG de ir sen reticencia á manifestación do día 18 en Santiago (12 da mañá, na Ferradura ou Alameda) en defensa da nosa lingua, hoxe ameazada por causas estruturais complexas pero, sobre todo, por causas subxectivas de tipo político e até de carácter directamente xenofóbico (e é necesario pensar xa na intervención de Galicia no exterior, en defensa do galego ante todos os foros internacionais, coa axuda, se é preciso, da nosa xente da diáspora) esta decisión, digo, do PSdG de estar o 18 de Outubro en Santiago, rompe con moitos malos costumes e peores tabús que non fixeron mais que danar o futuro de Galicia e da inmensa necesidade de modernización avanzada e sustentable de todo o seu sistema produtivo, pero tamén é preciso actuar sobre todo o seu sistema simbólico. Neste último sistema, o simbólico, estamos obrigados a instalarnos case permanentemente pola ofensiva contra o galego que é preciso neutralizar, pero non esquecemos os temas de reordenación da área económica e dos sectores preferentes de investimento, entre outras cousas. Hoxe temos, pois, outra boa noticia, e iso é noticia. Centos de miles de galegos esperan a unha esquerda tranquila e eficiente que asuma a defensa do progreso posible e dos nosos signos básicos, entre os que está esa lingua que o Estatuto declarou como propia, porque así é. Non podemos dar nin un só paso atrás.
0 comentários :
Danos a túa opinión