Premios de Teatro da Agadic 2009

Redacción

Manuel Lourenzo, coa obra Flores de Dunsinane, é o gañador da edición 2009 do Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais, galardón que recibiu onte pola mañá de mans do conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, no acto de apertura da XVII Feira Galega das Artes Escénicas. Coincidindo coa inauguración do evento, que se desenvolve ata o vindeiro venres en cinco espazos de Santiago, déronse a coñecer así mesmo os nomes dos autores recoñecidos este ano co resto dos premios literarios que convoca a AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais): Xosé A. Neira Cruz alzouse co Manuel María de Literatura Dramática Infantil polo texto Sopa de xarope de amora, mentres que o Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques recaeu en Ignacio Vilariño por Auga que non vas beber..., na modalidade para adultos, e en Begoña García por Bon appétit, na categoría de teatro para rapaces.

Roberto Varela presidiu este acto de entrega de premios, no que a presidenta do xurado, Blanca Ana Roig, desvelou o nome dos catro autores galardoados, que percibirán unha dotación económica de 6.000 € cada un. Ademais, segundo establecen as bases, os textos poderán ser publicados pola AGADIC nalgunha das coleccións dramáticas que mantén abertas en colaboración con diferentes editoriais galegas.

Recoñecemento a un dos grandes do teatro galego
Coa concesión do XVIII Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais á obra Flores de Dunsinane, distínguese a un dos grandes nomes da nosa escena, Manuel Lourenzo, quen suma así o galardón de máis longa traxectoria no ámbito teatral galego á súa ampla nómina de recoñecementos públicos como dramaturgo, director e actor.

O xurado destacou do texto gañador o seu ritmo, así como "o emprego dunha linguaxe rica, poética e expresiva dramaticamente". En Flores de Dunsinane, Lourenzo reinterpreta o Macbeth de Shakespeare, centrando o argumento en Fleance, fillo de Banquo. O compañeiro de armas de Macbeth, a quen este mandara asasinar, emprega a súa astucia para chegar a rei de Escocia e agora, vello e moribundo, recibe a visita dos seus antecesores, os Macbeth, cos que revive o reinado sanguento destes.

Manuel Lourenzo é o autor de medio centenar de obras dramáticas, entre as que se atopan Traxicomedia do vento de Tebas namorado dunha forca, As criadas, Defensa de Helena, Electra, Últimas faíscas de setembro, Veladas indecentes e Insomnes. Ademais, entre os seus últimos traballos como director teatral destacan os realizados para a súa compañía Casahamlet: Contos troianos (2007), O arame (2008) e Nocturno Poe (2009). Este mesmo ano, e como dramaturgo residente do Centro Dramático Galego, asinou As dunas, espectáculo que a compañía pública estreou baixo a dirección de Quico Cadaval.

Comedia áxil e personaxes estrambóticos
O IV Manuel María de Literatura Dramática Infantil foi para Sopa de xarope de amora, de Xosé A. Neira Cruz, quen obtén por segundo ano consecutivo un dos premios literarios convocados pola AGADIC, despois de que a súa obra O punto da escarola fora recoñecida en 2008 co Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques na modalidade de teatro para rapaces.

Sopa de xarope de amora é, segundo o ditame do xurado, "unha comedia áxil e divertida, protagonizada por personaxes estrambóticos que actualizan algúns dos tradicionais contos de fadas creando unha atmosfera que estimula a imaxinación". No fallo destácase, así mesmo, a boa resolución dramática tanto dos personaxes coma dos escenarios onde se desenvolve a acción.

Xornalista, profesor universitario e autor especializado en literatura infantil, Neira Cruz presenta nesta obra as peripecias do doutor Amorodo, científico ao servizo das casas reais, que vive completamente namorado de dona Chismunda. O humor, a parodia das linguaxes teatrais e televisivas e a crítica aos poderes establecidos están presentes ao longo de toda a historia.

Musical satírico para marionetas
Canto ao VII Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques, Auga que non vas beber..., de Igancio Vilariño Sanmartín, foi a obra galardoada na categoría de teatro para adultos. Neste caso, o xurado valorou a axilidade e a ironía dun texto que "entronca co teatro de Cachiporra na tradición de Barriga Verde, Blanco Amor e Dieste".

Cunha ampla traxectoria profesional no ámbito do teatro de monicreques, na actualidade Vilariño dirixe a compañía Fantoches Baj. En Auga que non vas beber..., constrúe un "musical satírico para marionetas" que, inspirado na tradición oral anticlerical ibérica, conta os amoríos do Padre Damián, párroco de Agolada.

Na modalidade de teatro para rapaces, o Barriga Verde recaeu en Begoña García con Bon appétit, que o xurado define como "unha peza de estrutura clásica que ofrece un canto á gastronomía", na que están "moi ben aderezados" os ingredientes dramáticos e culinarios, ademais de adaptarse perfectamente ao teatro de monicreques.

Actriz e autora teatral, nos últimos anos Begoña García centrouse na escrita de guións audiovisuais e de textos para a escena e para a radio. O ano pasado alzouse co galardón do xurado do II Premio de Diario Cultural de Teatro Radiofónico, convocado pola Radio Galega e o Centro Dramático Galego.

As catro obras gañadoras foron elixidas de entre o total de 41 orixinais que optaban este ano aos premios literarios convocados pola AGADIC: 21 ao Álvaro Cunqueiro, 10 ao Manuel María e outros 10 ao Barriga Verde (6 na modalidade de teatro para rapaces e 4 na de teatro para adultos). Ademais de por Blanca Ana Roig, como presidenta, o xurado da edición 2009 estivo integrado por Xosé Ramón Fandiño, Eduardo Alonso, Teresa González Costa, Jorge Rey e Gustavo Pernas Cora como vogais.

20 de out. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión