A Comunidade da
Desmemoria Histórica
Manuel Rivas
"Os que non aman nen saben d'amor/facen perder aos que amor am...". Isto é de hai séculos, de Johán Baveca, unha das máis fermosas pezas nos Cancioneiros medievais, e non me digan que non é un aforismo para andar por Galicia a día de hoxe.
Talvez haxa quen pense que isto de falar de amor ou desamor a respecto dunha sociedade e dun tempo histórico é unha arroutada decimonona e unha terminoloxía resesa, de cando os animais falaban. Un dicir cursi ou lambido. Mais é xusto o contrario. Cómpre aclarar que un trazo esencial do cursi é a brutalidade. Unha brutalidade acicalada, iso si. É moi interesante para comprobar isto a lectura da Historia de la literatura fascista española, de Julio Rodríguez Puertolas, que vén de reeditar Akal. A cultura franquista mergullou as mentes durante décadas nunha atmosfera de matonismo cursi. Os bos escritores, para chegar a selo, tiveron que liberarse desa visguenta condición.
Vexamos dous exemplos moi notábeis. Na súa etapa fascista, Llorenç Villalonga soltou en verso que os falanxistas eran "arcángeles morenos con correajes de cuero". Logo, despegado dese fanatismo, escribiu unha obra extraordinaria, Bearn o la sala de las muñecas, unha saga balear comparada con Il gattopardo de Lampedusa. O caso tamén ben coñecido de Cela, que chegou a comparar o golpe fascista cunha "flor lozana". "Surgió la flor lozana, y un poco emocionada, de esta viril y austera y española generación triunfal de lo imposible". Só unha complexa metamorfose interior pode explicar que quen escribe iso é a mesma persoa que acadará o logro magnífico de La colmena. Houbo quen ficou no folletín panfletario, como o caso soado de José María Carretero, El caballero audaz, a quen Eugenio G. de Nora cando retratou o estilo: "Destacan el matonismo autosatisfecho y la cursilería pretenciosa".
Ver eu non vexo arcanxos nin demos arestora, menos mal, pero si que recampa un preocupante estilo caballero audaz. Un voceiro do Goberno, o deputado Agustín Baamonde, vén de anunciar a abolición da memoria. Até o de agora, segundo a Constitución, eramos unha "nacionalidade histórica". Imos camiño de ficar constituídos como un "enigma sen historia". Segundo o insigne deputado por Vilalba, en Galicia, a partir de agora, non vai haber Lei nin Memoria nin Historia. Isto xa parece o show de Houdini. Aquí desaparece todo. A lingua, a selección de fútbol, os cultur.gal, as troitas dos ríos... Calquera día non sae o Luar e a ver quen apaga a luz!
O que se debateu no Parlamento galego foi a continuación (ou non) do labor principiado na pasada lexislatura nese eido da chamada memoria histórica. A primeira sorpresa é que algo así se teña que debater de novo no Parlamento galego. A segunda sorpresa, segundo o lido en todas as informacións, é que o señor representante do Partido Popular anunciou que "a Xunta non ía continuar coas medidas de recuperación da memoria histórica iniciadas polo bipartito".
Comprendo que os novos gobernantes e os seus voceiros anden moi atarefados co proceso de deconstrución, mais cómpre lembrar que a labor de xustiza e reparación das vítimas da guerra e da longuísima ditadura é unha iniciativa que xorde na sociedade civil, moi anterior ao maldito bipartito, mais tamén é un imperativo legal dende o intre en que foi aprobada a Lei 52/2007 do 26 de decembro, no Congreso dos Deputados. Ese texto legal, o da Lei de Memoria Histórica, está asinado polo Xefe de Estado, Juan Carlos I, e comeza así: "A todos los que la presente vieren y entendieren. Sabed: Que las Cortes Generales han aprobado y yo vengo en sancionar la siguiente ley...".
Que o Partido Popular non estivera de acordo con este texto legal, non o exime do seu cumprimento. A non ser que teñan absolutamente interiorizado o moi irónico aforismo de Lec: "O descoñecemento da lei non exime do seu cumprimento; o seu coñecemento, si". Con todo, unha cousa é afiar o peteiro e outra andar tocando a choca. A lei obriga a todas as administracións públicas, que deberían ir por diante e ser exemplares no seu cumprimento. Entre outras obrigas, é esencial a que figura no Artigo 11: "As administracións públicas, no marco das súas competencias, facilitarán aos descendentes directos das vítimas que así o soliciten as actividades de indagación, localización e identificación das persoas desaparecidas violentamente durante a Guerra Civil ou a represión política posterior e de quen se ignore o paradoiro. O previsto no parágrafo anterior poderá aplicarse a respecto das entidades que, constituídas antes de 1 de xuño de 2004, inclúan o desenrolo destas actividades entre os seus fins".
O parágrafo referido ás entidades é especialmente importante. A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, fundada no ano 2000, foi pioneira na procura dos miles de "desaparecidos forzados" do franquismo e na exhumación dos corpos achados. Só por parte da Asociación, integrada por voluntarios, atopáronse en foxas os restos de 1.144 persoas. O número de casos até entrados os anos 50, supera os cen mil secuestrados e desaparecidos forzados, o que de acordo coa lexislación internacional son crimes contra a humanidade. En Galicia, o último corpo recuperado foi o de Manuel Alvarez Silva, en Carnazo (Vilagarcía de Arousa). Puidemos ver aos fillos beixar os ósos do pai. Un de tantos mortos sen causa. Ante esta estampa, se aínda hai que explicarlle a alguén a necesidade da reparación histórica, mellor será chorar coa boca pechada.
No período da Xunta que presidiu Manuel Fraga, a esta asociación foille negada reiteradamente a solicitude de legalización. Despois da derrota de Fraga, o Parlamento galego puido aprobar por unanimidade unha condena da ditadura franquista. Isto foi o 8 de outubro do 2008. A resolución subscrita polo voceiro do Partido Popular, Manuel Ruiz, dicía: "O Parlamento de Galicia insta á Xunta a proseguir coas accións dirixidas a recuperar e dignificar a memoria das vítimas da represión franquista e da Guerra Civil, eliminar os símbolos, denominacións e referencias franquistas de rúas e edificios públicos, así como a colaborar na identificación dos desaparecidos e enterrados nas foxas comúns durante a ditadura franquista, que este Parlamento unha vez máis, condena". Que foi de Manuel Ruiz? Por que desapareceu o día de autos? Onde metes o que comes? Que foi de Fósforo Ferrero? Ai, a memoria!
0 comentários :
Danos a túa opinión