Domingo, 16 de marzo de 2025

O Xestal


Antón Baamonde

Todos os que xa imos tendo uns anos lembramos ao Xestal, a quen Xosé Manuel Pereiro, chama con acerto “O noso Lenny Bruce”. Moi pouca xente tivo, como el, valor para enfrontarse a un medio asfixiante e no que todo se volvía gris.

Nun país tan complicado como Galicia, cheo de tantos medos e de tanta vergoña, el tirou para diante co humor popular, co galeguismo e coa súa identidade sexual. Estaba entre moitos mundos e tal vez non pertencía enteiramente a ningún, o que fixo a súa vida moi complicada.

Aqueles discos de 45 R.P.M cos chistes do Xestal eran algo sorprendente nesa época. Non ían na mesma cesta que os discos de Edigsa/Xistral cos versos de Manuel María (aquel “acuso á crase media” co que algúns de nós inferíamos outras posibilidades de ser) ou as cancións de Voces Ceibes, dende Xerardo Moscoso ata Xoán Rubia.

Viñan dun mundo máis popular e non eran fáciles de catalogar dende os criterios da época. Máis tarde, foi unha das voces da protesta en Baldaio, e, como era natural na época, iso costoulle incrementar a superficie do círculo de tiza no que foi metido.

1 de feb. de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión