Paulo Naseiro.-
Ramón Chao e Moncho Paz: velaí dous enfants terribles, no sentido máis heterodoxo da palabra, que comparten orixe vilalbés e máis onomástica no día grande da capital chairega. Tamén orixes, en senllas familias do comercio vilalbés e, o máis importante, profesión e vocación xornalística. Mágoa que o oído musical do Moncho se asemelle máis ben ao do ornitorrinco australiano, fronte ao Chao pianista laureado, porque me daría un bo título para este artigo en plan vidas paralelas, ao estilo de Plutarco.
É por unha magnífica entrevista a Chao publicada n´A Voz de Vilalba e tamén no Xornal de Galicia que Moncho ven de proclamarse gañador do premio xornalístico Johán Carballeira, que outorga o Concello de Bueu, con todo merecemento. Parabéns, pois, para quen é para min moito máis ca un amigo, como poden dar fe os que nos coñecen, aínda que só fora polo moito que nos temos rido xuntos, que, créanme, non é pouco.
É curioso que o noso camiño cara a heterodoxia, ese exercicio tan sano no abafante ambiente de pobo pequeno no que nacemos e medramos, comezou alá polos primeiros anos 80, entre outras cousas, facendo un xornal -xa contamos esta batalla algunha vez, non a vou repetir-, e accedendo a lecturas tan pouco recomendables como era na altura El lago de Como, de Ramón Chao. Aquela novela que tanto nos custou conseguir, a través da inesquecíbel Libraría Galicia, a forza de retratar as miserias daquela Reigada -Vilalba- dos anos cincuenta, se convertiu na altura nun tabú do que os adultos falaban en voz baixa, se cadra sen a ter lido xamais.
Seguro que a lectura de El lago de Como, felizmente traducida ao galego hai poucos anos, respostou a moitas das nosas preguntas sobre aquela sociedade que por entón, aínda seguía atrapada en tempos pasados, non por iso mellores. E ven a conto aquí unha reivindicación da mocidade da época, que a través de múltiples iniciativas tentou espertar a besta, e da que este xornal foi parte importante.
Imaxino que o Moncho, no serán parisino en que se xestou a entrevista premiada, tivo ocasión de lle contar esta e outras historias a Ramón Chao, que quizais pouco puido imaxinar o revulsivo que a súa obra, por outra parte un intenso exercicio sicoanalítico, significou para nós. Mira que dá voltas o mundo...
0 comentários :
Danos a túa opinión