O reto de vencer (e convencer)

Moncho Paz.-

Hoxe é un día crucial para a política española. No ecuador da campaña, comezan a aflorar os nervios dos candidatos, que encaran a recta final buscando os mellores argumentos para fidelizar a esa parte do electorado que aínda se mantén no limbo da indecisión.

O PSOE encara estes comicios co obxectivo de frear a caída que indican a maioría das enquisas e co transfondo do Consello Federal do vindeiro 28 de maio, que porá en marcha o proceso para elixir ao sucesor de Zapatero. E o PP, coa mente nas lexislativas, terá que buscar votos no público de centro-esquerda; cuestión nada fácil, tras as constantes derivas de Rajoy e o protagonismo que acadan de novo figuras como Aznar ou Mayor Oreja, baluartes dunha dereita rancia e radical que impide a configuración dun discurso centrista e, por conseguinte, a imaxe dun partido que vaia en sintonía cos tempos actuais.

Alonxándose do “tsunami bipartidista” -en expresión de Llamazares- a eterna fragmentación da esquerda provoca o case inevitable descenso do PSOE, debido fundamentalmente a unha mala xestión da crise por parte do Goberno central, como corrobora o Fondo Monetario Internacional cando utiliza a expresión “falta de fortaleza política”. Esta situación favorece aos partidos nacionalistas ou rexionalistas, que sairán beneficiados en votos. Pero o verdadeiro risco destas eleccións radica na pantasma da abstención, debido a que boa parte da sociedade amosa o seu cansazo pola caste política e a perda de credibilidade dos seus representantes.

No que se refire ao ámbito galego, dá a sensación de que as cousas non están tan mal para a esquerda. O Goberno autonómico segue empeñado en culpabilizar permanentemente a Zapatero de todos os males e non asume a súa parte de responsabilidade, e iso está a producir certo desencanto na cidadanía. Estamos preocupados polo futuro dos nosos fillos, neste escenario de pesimismo e incremento do paro, onde a recuperación da confianza tarda en chegar, como consecuencia do escaso investimento e o estancamento do consumo. E hai moitos concellos onde poden producirse verdadeiras sorpresas. Os debates electorais que se celebren durante estes días serán determinantes e todos os candidatos, sen excepcións, deberán esforzarse en vencer e convencer para mobilizar ao electorado con ideas ilusionantes e deixar atrais esta dinámica de negatividade. Ese é o seu verdadeiro reto.

14 de maio de 2011

0 comentários :

Danos a túa opinión