Fermín Bouza.-
ETA cesa na súa loita armada e iso é unha gran noticia. O terrorismo como forma de presión non é unha metodoloxía aceptable, aínda que o practicaran todos e teña unha longa historia. O peor daqueles inimigos históricos de ETA, os franquistas e neofranquistas, é que carecían de toda credibilidade moral: asasinaron ou se compraceron no asasinato de centos de miles de concidadáns, entre eles moitos vascos, mesmo despois de finalizada a guerra que provocou aquel golpe de estado. Con que cara se pode encarar un con ninguén cunha historia desa clase detrás?
Outros que lles seguiron fixeron todo o posible para boicotear calquera proceso de paz ou calquera cousa que puidese acurtar o camiño da mesma paz. Non me sumo ao conmovedor e cínico discurso de que grazas a todos ocorre agora este momento de felicidade e fe no estado de dereito. Non é certo, sinxela e claramente.
Amargáronlle a anterior lexislatura a Zapatero con todo iso, e con Zapatero a toda a xente de boa fe, de dereita ou de esquerda, e fixeron manifestacións tremendas con insultos tremendos que están recollidos nos vídeos, caceroladas, cancións, imaxes... e seguían agora no mesmo. Non acepto que se lles poña como feitores de paz algunha. Este será un tema importante cando se escriba a historia de todo isto que ocorreu.
Quero que se fagan constar as imputacións de terrorista a Zapatero por parte de tanto notable insultador, quero que consten as frases recentes de Aznar, quero as obras completas de Mayor Oreja, os tatexos e acusacións de Rajoy, as palabras do señor ese de o Faisán, as de todos eles e elas. Como dicía un mozo do 15-M cando lle preguntaban que quería: quéroo todo. Eu tamén.
0 comentários :
Danos a túa opinión