O que non hai moitos anos eran duros traballos campesinos, na actualidad son un auténtico espectáculo para divertimento xeral, revivindo de xeito festivo os xeitos de antano.
A comezos dos anos sesenta, pola miña Porta de Cima circulaban os carros baleiros cara as fincas dos arredores e volvían ó atardecer ateigados de patacas, de nabos, de trigo... e pola rúa cantaban os eixos en proporción directa ó peso da carga.
E cando era o tempo da malla, soaban tableteantes os motores que movían as degranadoras arredor das casas, tendo tido eu a oportunidade de participar nalgún deses mesteres que hoxe quedan xa no máis profundo das miñas lembranzas.Na actualidade, as mallas son espectáculo festeiro, indo acompañadas de exposición de material antigo, de xeito que os rapaces de hoxe poden aprender os labores de onte, aínda que nunca poderán profundar no sentido comunitario do duro traballo de separar a palla do gran.
Outro dos labores convertidos en espectáculo, está relacionado coas labores do liño, e cristalizará en Ínsua o próximo 29.
Nesta ocasión, quen organiza esta celebración é a Asociación de Mulleres Rurais San Bartolomeu de Insua, que farán unha demostración do liño e de tecido con telares antigos, acompañado dun xantar popular para rematar cunha queimada nocturna.
Cando eu era neno, o tema do liño xa estaba case esquecido, polo que na actualidade se trata case dunha reliquia arqueolóxica. E as numerosas tecelanas que usaban este elemento para confeccionar os seus traballos utilizaban liño mercado no comercio, adoitando mercalo no establecemento de José Pampillo, O Enano, especialmente nas feiras e feiróns. Lembro a tecelana de máis sona, Basilisa de Bordelle, á que teño atendido tantas veces cando eu axudaba como vendedor no comercio de Pampillo, os días de maior afluencia de público.
Os investigadores de cultura popular falan de cómo se sementa o liño, de cómo se cuida, se libra de malas herbas, como se recolle e se carda, e do longo proceso para conseguir fibras que entrelazadas permitan tecelo. O liño que eu vendía, coñecido comercialmente como "algodón", viña en madeixas brancas ou crudas según o traballo para que iba destinado, xeralmente para confeccionar colchas de trapos que eran un dos elementos máis apreciados polos clientes das tecelanas.
Hogano, as tecelanas que eu coñecía son historia, e quizais as sucesoras –sempre eran mulleres- non teñan asumido esa profesión, e por eso o liño orixina unha festa, que está moi ben se así se garda memoria dun tempo e dun traballo que a evolución industrial fixo desaparecer.
O día 29 é unha boa oportunidade para coñecer en Ínsua os vellos traballos do liño, que só os máis vellos lembrarán da súa nenez, podendo como testigos esenciais orientar sobre o tema ás novas xeneracións, para que non esquezamos que unha vez fomos un pobo no que se podía vivir do que a natureza producía e a arte e o traballo dos nosos devanceiros transformaba en productos utilitarios.
0 comentários :
Danos a túa opinión