Carta a Bernardo


Martín Seco García.-

Meu ben querido Bernardo:

Son Antón, un de tantos Antóns cos que nos agasallabas con esas doces e críticas verbas dende a túa carta semanal na radio en compaña de Carmen.

Xa ves amigo, collíchesme fora atendendo unhas cuestións de médicos e non puiden asistir a túa despedida, pero aproveito este medio que tanto levamos utilizado durante estes anos pasados para facerte chegar as miñas verbas.

Dixéronme que se formara un auténtico Concilio pastoral en Vilalba, da cantidade de curas que desexaron acompañarte na túa derradeira misa na parroquia de Santa María, e que ata o teu amigo, o valente e discordante Andrés Torres Queiruga, oficiou o funeral ao carón do excelentísmo Bispo de Mondoñedo, dende logo, amigo Bernardo, a túa capacidade de pacificar acompáñate ata no descanso. Seica este Bispo palentino, esforzouse por dicir a misa en Galego como a ti te gustaba, pero seica esqueceu que os seus xefes no Vaticano xa aboliran o purgatorio, ¡cousas teñen estes señores da xerarquía católica que nin tan sequera se poñen de acordo con eles mesmos! Este detalle fai que me recorde como compartín contigo o momento de elección deste Papa actual e como a túa faciana recollía nese instante, a fonda desilusión, por non ter elixido a un representante dunha igrexa máis moderna e máis aberta, seguro que ese día non ha tardar en chegar.

Sei que foron uns últimos dous meses moi difíciles e que o sufrimento acompañoute neste derradeiro viaxe, pero tamén sei que estiveches sempre rodeado daquelas persoas que máis amabas, a túa nai Maruja, os teus irmáns e sobriños e moitos amigos que non deixaron de acompañarte na túa enfermidade. Sei que a familia, no teu nome, quería agradecerlle a todas aquelas persoas que te acompañaron as súas palabras de amizade e consolo, o teu grupo de irmáns, os teus compañeiros da Igrexa, os teus compañeiros de Facultade de Empresariais, onde deixas un fondo espazo, e de toda a Universidade de Santiago, os compañeiros de Irimia, Encrucillada, ese IESCHA que soñastes co teu amigo Chema e que hoxe e referencia da cultura e da tradición da nosa comarca, ese Ferrol Vello que tanto amabas, os teus feligreses da Parroquia do Socorro, as túas nenas cantoras que poñen música a túa vida e que non deixaron de acompañarte en toda aquela celebración onde estiveses presente, e sei que teñen unha especial consideración pola constante e preocupada compaña nestes últimos momentos do teu amigo Paulo, da agarimosa Teresa e do teu irmán da alma e compañeiro de tertulias Manu.

Son moitas as cousas que nos lembran a túa imaxe, ese París do maio do 68 que marcou o teu xeito de vivir, os teus sensibles versos, os teus escritos, as túas cancións. Pero lonxe da túa gran capacidade intelectual e do teu fondo amor pola nosa terra, cultura e a nosa lingua que a todos nos ensinaches a amar, quería recordar a faceta humana do amigo e veciño que sabe escoitar, que sabe acompañar, que ten sempre unha verba de alivio, que sabe dar un sabio consello a quen o necesita e que ten un fino humor e un doce sorriso para aquel que se lle achega. Ese sacerdote que daba a vida polos máis e que non tiña absolutamente nada máis que o amor e a súa dedicación aos pobres e desfavorecidos da súa parroquia. Ese cura que soñaba cunha igrexa aberta, a nosa cultura, a sociedade e a modernidade. Ese pai que soñaba e desexaba un mundo mellor e máis xusto.

Sei que te considerabas como o sereno da nosa vila, e que paseando polas súas rúas recollías as lembranzas, as alegrías e os desacougos daqueles que te atopabas polo camiño e por iso a túa presencia nas nosas rúas non será esquecida con facilidade. Esperemos que eses que levan mandando toda a vida no noso concello, teñan un pequeno recordo da túa imaxe devolvéndote dalgún xeito ter levado o nome da nosa vila por tódolos recunchos da nosa terra.

Sen mais amigo Bernardo, recibe unha eterna aperta de descanso do teu amigo Antón que non te esquecerá.

17 de xuño de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión