A enquisa do CIS


Paulo Naseiro.-

A enquisa preelectoral do CIS en Galiza, realizada entre o 8 e o 25 de setembro e que ven de publicarse, aporta poucas novidades á estimación de resultados nas vindeiras eleccións ao Parlamento galego.

As proxeccións do estudo outórganlle o escano 38º ao Partido Popular de Núñez Feijóo, e rexistran unha mínima baixada do PSdG, o mantemento do BNG e a entrada da AGE de Beiras pola mínima. Todo na liña do que se ven publicando nos últimos días, e que non fai máis que confirmar o panorama electoral que deixaron as dúas últimas eleccións: a cidadanía galega está dividida máis ou menos á metade entre centro-dereita (PP) e centro-esquerda (PSdG/BNG/AGE), e será unha pequena presa de votos a que decida cara onde bascula o goberno, igual que en 2005 (esquerda) e 2009 (dereita). As dúas opcións, pois, parecen abertas.

Ao meu xuízo esta enquisa, debido ás datas nas que se realizou, non rexistra dous fenómenos que poden ter moita influencia no sen dúbida axustado resultado final: a candidatura de Mario Conde en Pontevedra que, aínda sen moitas opcións de representación, pode arañar valiosos votos ao Partido Popular, e o efecto que un veterano Xosé Manuel Beiras lanzado á carreira electoral poda ter nos resultados da improvisada coalición de esquerdas, que moitos prevén mellores aos que prognostica o CIS.

Sen embargo, o que resulta máis significativo é esta certa estabilidade electoral no medio da convulsa situación que vivimos. Os galegos parecemos inamovíbeis a pesares da crise e da opinión que nos merece. Así, o 44,8% consideramos a situación económica de Galiza como mala e o 24,9% moi mala. Sobre a situación política galega, o 29,3% opina que é regular, o 37,8% mala e o 17,1% moi mala, o que indica unha maioritario suspenso cidadán.

Nesta mesma liña, o 39,1% dos preguntados valoran como regular a xestión do goberno saínte, un 30,9% cree que foi mala e un 9,7% moi mala. Porcentaxes parecidos obtén a oposición en conxunto (28,7%, 43,6% e 13,6% o PSdG e 26,7%, 40,1% e 16,8% o BNG).

Non é de estrañar que un 49% dos preguntados consideren necesario un cambio de goberno en Galiza (fronte a un 31,7% que non e un 19,3% Ns/Nc), se atendemos á liña de fractura esquerda/dereita do electorado galego. Parece evidente que, se ben a valoración do que está pasando é mala, os galegos iremos votar unha vez máis na liña das nosas preferencias de sempre, consolidando un modelo que reparte case simétricamente o apoio entre dereita e esquerda. A crise en Galicia, pois, non parece que vaia provocar grandes movementos de voto.

6 de out. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión