Francisco Amorós, iniciador da ximnasia

Ramón Chao (*).- 

Francisco Amorós é mundialmente coñecido por ser o artífice dun peculiar método de educación que no seu tempo gozou de proxección internacional. A el débense, por exemplo, os primeiros intentos decididos e sistemáticos por introducir a educación física no currículo das escolas primarias, e, principalmente, a consolidación da educación ximnástica e moral nos sistemas de instrución dos exércitos español e francés. Por este motivo Amorós é considerado o creador do método moderno francés de educación física. Con todo, coñécese ben pouco (en moitos casos minusvalorase) a contribución e transcendencia do método amorosiano no lento e gradual proceso de afianzamento da disciplina ximnástica na cultura europea decimonónica.

No ámbito profesional, Amorós é un home polifacético: militar, educador, administrador público, autor de obras científicas e propagandísticas sobre educación física e moral. Personifica un exemplo paradigmático de eximio funcionario ao servizo da Monarquía. Durante o reinado de Carlos IV participa en ambiciosos proxectos da Monarquía borbónica, como o intento secreto de colonización de Marrocos (1803-1805), plan preparado dun xeito que roza o novelesco. As xestións de Amorós tamén resultan determinantes na creación dunha institución educativa central que pretendía a mellora da instrución primaria e castrense española: o Instituto Militar Pestalozziano de Madrid (1805-1808).

En 1808 Amorós asiste á Xunta española de Bayona en calidade de conselleiro de Indias e desde entón pasa a ser un dos máis destacados colaboradores do rei José Bonaparte. Entre 1808 e 1813 obtén títulos e cargos de gran responsabilidade na nova administración bonapartista: conselleiro de Estado, gobernador militar e político de Santander.

Para os españois, Amorós foi un afrancesado convencido, autor no exilio dunha atrevida representación a Fernando VII, granada de análise política e por iso moi atendida polos especialistas. O escrito de Amorós veu ser unha especie de queima de naves. Non volveu a España e aí pérdese practicamente o seu rastro na historiografía española. Deixa de interesar, porque se estima que a partir da súa saída como parte da "equipaxe humana" do rei José, a súa traxectoria persoal perde interese. Supónselle unha existencia de dificultades económicas, de escasa representación social e, por suposto, pouco influínte. Os franceses, pola contra, fixáronse nel precisamente pola súa actividade durante o exilio. En París fundou unha escola de educación física que alcanzou sona en Europa e mesmo na España posterior a Fernando VII

Pouco saben os españois do Amorós pioneiro en Europa da Educación Física e menos aínda das súas andanzas persoais no París da Restauración e da Monarquía de Xullo. Os franceses contemplaban con desconfianza ao funcionario que durante o reinado de Carlos IV desempeñara labores moi relevantes e comprometidos, ignoraban ao ilustrado que, chegada a ocasión, prestou xuramento a José I por coherencia cuns principios políticos e cunha traxectoria persoal de permanente servizo á monarquía.

Aínda que situado nun segundo plano, este militar de talante ilustrado gozou da plena confianza do todopoderoso Manuel Godoy, quen lle encargou o desenvolvemento dalgúns dos seus proxectos máis ambiciosos e comprometidos, como a dirección do Instituto Pestalozziano ou a coordinación da misión secreta protagonizada por Ali Bey en Marrocos. Ambos os proxectos ocuparon un lugar central no plan político ideado por Godoy no momento do seu máximo poder e tomounos a título persoal como auténticos desafíos. O labor principal atribuído en ambos os casos a Amorós revela até que punto se convertiu en home imprescindible de Godoy.

A partir de 1808, Amorós continúa ao servizo da monarquía. Non importa o cambio de dinastía. Para o funcionario convencido do lugar que ocupa na sociedade, tal extremo non é determinante, pois guíao ante todo o obxectivo de acatar e acomodarse, honradamente, á legalidade vixente. Non hai, pois, solución de continuidade na actitude de Amorós e como no reinado de Carlos IV, no de José I desempeña cargos relevantes, máis brillantes, desde o punto de vista administrativo, que os do tempo anterior, pero menos persoais e delicados, o cal é signo do cambio de tempo político. Amorós non goza con José I da condición de confidente persoal, estreito colaborador da cúpula do poder mesmo en asuntos secretos, como o foi con Godoy, pero segue sendo home fundamental do sistema. Se a traxectoria de Amorós rematase aí, é dicir, no fracaso da experiencia bonapartista en España e na escuridade, máis ou menos anónima, do exilio, estariamos ante un tipo humano sen interese.

Entre a imaxe de Amorós dominante na historiografía española e a existente en Francia existiu unha especie de cesura, un corte de mutuo descoñecemento. Os españois sabían pouco do Amorós pioneiro en Europa da Educación Física e menos aínda das súas avalares persoais no París da Restauración e da Monarquía de Xullo.

Durante o seu exilio, o comportamento de Francisco Amorós e o seu rela­ción social experimentan un cambio extraordinario. Abandona con pesar unha España imposible para unha persoa do seu talante, incapaz de soportar o escurantismo do vingativo Fernando VII, enconado perseguidor até as últimas consecuencias de cantos tiveron relación co odiado Godoy. Con todo, non renuncia por completo á condición de servidor oficial do poder que o caracterizou du­rante toda a súa vida. Só que a desenvolve de forma diferente. Amorós pon todo o seu empeño en servir ao seu rei, agora o de Francia, sen que sexa obstácu­o insalvable que o monarca pertenza á Casa de Borbón (Luís XVIII e Carlos X) ou á de Orleáns (Luís Filipe), como tampouco foi asunto primordial que o rei de España fose Carlos IV ou José I. Pero se en España o coronel Amorós serviu á monarquía mediante o desempeño de cargos oficiais, isto é, como integrante dun aparello que se sobre­pon á súa individualidade, agora en Francia pretende facelo (e con­segueo) desde o exercicio dunha actividade privada. O que pon a dis­posición do rei non é a súa capacidade ou disposición para desempeñar unha tarefa regulada, senón o produto dunha iniciativa individual, privada: o ximnasio de París.


En xullo de 1813 Amorós vese obrigado a buscar refuxio político en Francia e convértese nun dos poucos afrancesados que obtén licenza de Napoleón para fixar a súa residencia en París, capital do Impe­rio, cidade onde inicia unha nova vida persoal e profesional. En 1814 escribe un dos seus textos máis coñecidos e citados polos historiadores: Representación a Fernando VIL Nesta obra de carácter político Amorós, moi ao contrario do ton de arrepentimento adoptado polo resto de españois condenados ao ostracismo, mantén unha actitude recta e tre­mendamente crítica contra a nefasta actuación do monarca absoluto español.

En 1816 Amorós adquire a nacionalidade francesa. Deste xeito desvincúlase, moi ao seu pesar, dunha España dirixida por un rei (Fernando VII) ao que cualifica de infame. Xa cos plenos dereitos que lle concedía a súa nova nacionalidade, Amorós comeza a ser unha personaxe coñecida en diversos círculos políticos e intelectuais parisienses. Entre 1816 e 1818 vese involucrado nun pintoresco escándalo público derivado dunha fogosa relación amorosa extramatrimonial que trascen­deu, mesmo, á prensa parisiense e, ademais, convértese en obxecto de investigacións policiais por relacionárselle cunha presunta conspira­ción liberal antiborbónica, cuxa finalidade era o destronamento dos monarcas de Francia e España. A partir de 1817 Amorós proba sorte de novo no terreo da educación, a súa grande vocación. Tras ser admi­tido nunha das máis prestixiosas sociedades pedagóxicas de Francia (a Société pour L´améliotation de lL´instruction elemental), e grazas á protección de personaxes influíntes da sociedade parisiense (políticos, filósofos, médicos, avogados, banqueiros, pedagogos), Amorós obtén do Goberno de Luís XVIII cuantiosas subvencións para pór en mar­cha o proxecto dos seus soños: a creación dunha escola central de educación física en París, o Gymnase normal militaire et civil. A partir deste momento Amorós adícase por completo ao proxecto de crea­ción dun sistema de educación que resultase atractivo e útil para o Goberno que o patrocinaba. E aquí é onde se acha un dos aspec­tose máis orixinais da súa traxectoria: lonxe de atender meramente ao aspec­to físico da ximnasia, utilízaa como un medio pedagóxico para obte­ner a educación integral do ser humano. Amorós imprime a todo o seu sistema educativo un marcado carácter adoctrinador e moralizante, e para iso combina a ximnasia con elementos como a música e os cán­ticos relixiosos, morais e patrióticos.

Amorós e as institucións ximnásticas que dirixiu en París (as únicas oficiais do Goberno durante os reinados de Luís XVIII e Carlos X) gozaron de sona e prestixio en toda Europa. En 1830 escribe a súa obra pedagóxica máis destacada, que foi obxecto de importantes eloxios e premios: Manuel d´éducation physique, gymnastique et morale, destinado tanto a militares como a civís de todas as idades. O seu incesante labor no campo da educación física non pasou inadvertido ao Goberno español, que decidiu enviar unha comisión do Exército a París para aprender o método amorosiano (así o chamaban os seus contemporáneos) e introdu­cilo despois en España, fomentando a apertura de ximnasios nas principais escolas militares. Moitos estranxeiros visitaron París co obxecto de coñecer e aprender do educador que gozaba de tanto prestixio nos círculos intelectuais europeos.

A morte de Amorós non supuxo un declive total da súa obra. Un grupo de antigos alumnos e algúns entusiastas do método amorosiano traballaron de xeito decidido co obxecto de divulgar a obra do seu mestre. Tamén houbo quen tentou distorsionar e denigrar o seu método.

Se queren afondar na obra de Amorós, consulten: Franciso Amorós y los inicios de la educación física moderna. Rafael Fernández Sirvent. Piblicaciones de la Universidad de Alacante, 2005.

(*) Do libro inédito "Afrancesados"

8 de out. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión