Redacción.-
Representantes do tecido empresarial como a Royal Academy of Arts, Estrella Galicia, El Faro de los Tres Mundos ou Buscadestinos.com propoñen novas vías de interacción co sector creativo.
Creatividade Favorecer as vías de colaboración entre o tecido cultural e o empresarial. Con este obxectivo, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra na Cidade da Cultura o curso Creatividade e empresa, novas vías para o sector cultural, no que se tentarán identificar novidosas fórmulas de interacción e colaboración.
Na xornada participan músicos, promotores culturais, deseñadores e firmas relacionadas co mundo creativo, pero tamén máis ligados á vertente empresarial. A xerente de Nova Xestión Cultural –organizadora do curso– destacou a necesidade de buscar nexos de unión entre axentes de diferentes disciplinas como ferramenta de traballo colaborativa á hora de desenvolver os seus proxectos.
Para afondar neste obxectivo, o curso Creatividade e empresa, novas vías para o sector cultural convidou representantes do tecido empresarial ou intimamente relacionados con el para expoñer a súa visión da relación co sector creativo e identificar novas vías de interacción.
Relatorios, obradoiros e debates
O encargado de abrir a xornada é Andrés Barro, socio-fundador de El Faro de los Tres Mundos, espazo educativo de Lugo que contribúe á inmersión cultural dos nenos para coñecer máis de preto as culturas emerxentes, e que lles mostrará aos asistentes as experiencias e técnicas para ofrecer servizos culturais con perspectiva empresarial nun mercado altamente competitivo. Tras el, a responsable de márketing da Royal Academy of Arts de Londres dirixirá un obradoiro no que, baixo o título Da observación á acción: ti es a túa marca, se aplicarán ferramentas corporativas básicas de branding e promoción ao mundo cultural.
Xa pola tarde, Juan Paz, Brand Manager en Hijos de Rivera, S.A. (Estrella Galicia), debullará algunhas fórmulas para a interacción coa empresa desde o punto de vista dunha empresa non cultural. Para pechar esta xornada, asistentes e ponentes manterán un debate moderado por José Alcañiz, profesional das novas tecnoloxías e mercadotecnia en internet e director da central de reservas en liña Buscadestinos.com, no que se pretende "resolver" con éxito a relación cultura-empresa.
Aposta pola creatividade empresarial
Tras a celebración do Encontro de Economía e Cultura que tivo lugar no mes de febreiro no Gaiás, a Consellería de Cultura e Educación e a Cidade da Cultura seguen a apostar polo afianzamento da relación entre o tecido cultural e o empresarial como ferramenta para a dinamización económica e creativa do país a través de xornadas como a que celebra hoxe. Nestes momentos, son moitos os representantes do tecido cultural, artístico e creativo que colaboran con empresas, ofrecendo servizos xeralmente orientados ao potenciamento de marca, comercialización e posicionamento de produtos. En tempos difíciles é máis necesario que nunca buscar fórmulas imaxinativas de cooperación.
0 comentários :
Danos a túa opinión