Negan a licenza urbanística a Erimsa
Redacción.-
A Administración nega a licenza urbanística a Erimsa para explotar a concesión Alicia na Pastoriza. O traballo e unión da veciñanza dos concellos afectados polos proxectos da empresa mineira Erimsa para extraer seixo na Terra Chá vén de dar os seus primeiros froitos, ao serlle denegada a licenza urbanística para explotar a parte da concesión Alicia que afecta ao termo municipal da Pastoriza.
Esta denegación está baseada nos informes que varios organismos oficiais (Confederación Hidrográfica Miño-Sil; Consellaría de Medio Rural; Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño; e o propio concello) emitiron na contra dos proxectos, dándolle a razón aos argumentos que sempre defendeu a Comisión de Asociacións contra as Minas na Terra Chá.
De seguido, citamos parágrafos textuais da resolución de Urbanismo da Xunta:
Consellaría de Medio Rural: “é indubidable que o valor agrolóxico e a capacidade produtiva do predio diminúe con actuacións como as inherentes a toda concesión mineira”.
Servizo de Conservación da Natureza: “esta explotación provocaría unha diminución clara da cantidade de árbores autóctonas nesa zona cunha importante presenza na Terra Chá e que probablemente non estarían dentro da categoría de especies de crecemento medio-longo (...) dada a abundancia e usos de auga nesa zona, cabería ter en conta a afección a especies e hábitats (prioritarios ou de interese comunitario) que dependan intimamente da auga”.
Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño: [as actividades proxectadas] “poderían afectar o nivel e calidade das augas subterráneas así como ao réxime hídrico do territorio”. “Existen tramos delimitados como áreas con risco potencial significativo de inundación, así como outras áreas de inundación que serán precisadas unha vez que se elaboren os estudios xeomorfolóxico-históricos e hidrolóxico- hidráulicos de detalle”. “Nas proximidades das zonas de explotación existen concesións de auga previas e preferentes”.
Os diversos colectivos e organizacións que integran a Comisión de Asociacións contra as Minas na Terra Chá[1] reuníronse en Muimenta (Cospeito), o pasado 20 de novembro, para valorar a situación actual deste conflito e congratularse por este primeiro paso en positivo para impedir que a actividade mineira de Erimsa destrúa o medio rural chairego. Así e todo, a Comisión de Asociacións contra as Minas na Terra Chá quere amosar a súa cautela, pois aínda están pendentes de resolver e no último tramo do procedemento administrativo outra licencia na Pastoriza (Pastoriza) e dúas en Cospeito (Karles e Alicia). Dende a Comisión temos claro que estas resolucións teñen que ser negativas para a empresa, dado que as circunstancias a respecto das zonas agrarias de protección, as zonas de protección de augas e as zonas inundables son similares que as da concesión Alicia da Pastoriza. Mais tamén sabemos que a loita continua e que non podemos baixar a garda até conseguirmos anular as concesións, porque aínda que Erimsa non obtivo a licencia para explotar, a concesión segue en vigor e un cambio normativo ou de vontade política pode permitir que continúe adiante cos seus proxectos.
Por outra banda, a Comisión de Asociacións contra as Minas na Terra Chá quere expresar o seu agradecemento ás administracións autonómicas e municipais por informar desfavorablemente a este proxecto. Unha vez máis demostrouse que a loita e a unión da veciñanza poden vencer á forza e aos cartos dunha multinacional como Erimsa.
Antecedentes
O conflito das minas da Terra Chá comezou a finais do ano 2006, cando se aprobaron tres concesións mineiras (Alicia, Karles e Pastoriza) que afectaban a máis de 5.700 hectáreas dos concellos da Pastoriza, Cospeito e Castro de Rei e, en menor medida, a Abadín e Vilalba.
Dende aquela, a empresa presentou licencia urbanística para iniciar a actividade no ano 2008 nos concellos de Castro de Rei, A Pastoriza e Cospeito. Dende o intre da presentación, houbo dous períodos de exposición pública dos proxectos onde a Comisión de Asociacións contra as Minas na Terra Chá, xunto con centos de veciños e veciñas, presentaron alegacións opoñéndose a estes proxectos. Ao mesmo tempo, a Comisión contra as Minas realizou un intenso labor informativo e reivindicativo, participando en varias manifestacións, e organizando dous festivais e ducias de charlas informativas, como a que correu a cargo do investigador responsable do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, Juan Ramón Vidal Romaní.
0 comentários :
Danos a túa opinión