Vítor Mejuto na Casa da Parra


Redacción.-

Baixo o título 'Brión Boogie Woogie' e comisariada por David Barro, a mostra reúne unha vintena de pinturas, entre as que se atopan tamén algún dos traballos máis significativos do autor. A mostra recibiu máis de 2.000 visitantes desde a súa inauguración a mediados do pasado mes de setembro. Con comisariado de David Barro, a mostra reúne unha vintena de obras a través das que se ofrece un percorrido pola produción máis recente do autor.

A selección de óleos e acrílicos que compoñen Brión Boogie Woogie dispóñense nas tres estancias que alberga a Casa Parra a partir da obra El abrazo de la mujer biónica, unha tea de 195 x 195 cm que recibe aos visitantes e dá paso ao resto da colección. A meirande parte dela, datada no presente ano, descubre ao espectador o estilo de cores e formas que caracteriza o traballo de Vítor Mejuto, no que conviven obras de gran tamaño (Blonde on blonde, Orde dórico…) xunto a series (Storyboard, Suite tres x tres..) e pezas máis pequenas (Cinemascope, ou as vinte pinturas de 40 x 40 cm que colgan na sala pequena).

A exposición, que permanecerá na Casa da Parra ata o 10 de decembro, compleméntase cun catálogo que, ademais de presentar parte das obras en exposición e outras fotografías, reproduce unha longa e profunda conversa entre David Barro e Vítor Mejuto, así como uns apuntes biográficos sobre o artista. Con acceso gratuíto, Brión Boogie Woogie pode visitarse de martes a sábado en horario de mañá e tarde, de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00, en tanto que os domingos só abre pola mañá. Os luns e días festivos a sala permanece pechada.

Método, cálculo e intuición

A partir do construtivismo e o minimalismo como primeiras referencias, Mejuto ten desenvolvido unha obra que pode enmarcarse dentro da tradición da chamada abstracción xeométrica e está baseada nunha caligrafía persoal que ten como principais referencias o método, o cálculo e a intuición. A investigación sobre cores, liñas e conxuntos xeométricos que buscan novas vías de expansión déronlle como resultado a construción de espazos ordenados nos que o debuxo actúa como xerador de ideas que se renovan de forma progresiva.

Aínda que nacido en Barcelona en 1969, Vítor Mejuto vive en Galicia desde a súa infancia. Estudou na Facultade de Belas Artes de Salamanca e desde 1995 as súas creacións teñen sido obxecto de distintas exposicións, tanto individuais como colectivas, dentro e fóra de Galicia.

Nos últimos anos conseguiu un alto recoñecemento público a partir da súa participación individual dentro da feira Espazo Atlántico 2010 en Vigo e noutras exposicións, como a levada a cabo na galería Atlántica da Coruña. Participou no Salon Réalités Nouvelles de París en 2011 e 2012. En 2011 foi seleccionado polo pintor Patrick Morrisey para a colectiva de pequeno formato Saturation Point (Gallery on the corner, Londres); e este último ano é incluído na colectiva que celebra o V aniversario do proxecto Eduarte de intercambio entre artistas holandeses e españois.

Na actualidade vive no concello de Ames e traballa en Brión, de aí o título da exposición que acollerá a Casa da Parra, que se corresponde ademais cunha das obras expostas. Á parte da súa traxectoria artística como pintor, Vítor Mejuto dedícase profesionalmente ao xornalismo gráfico.

Difusión das artes plásticas galegas

Coa organización de Brión Boogie Woogie, a Consellería de Cultura e Educación brinda a Casa da Parra para a que é a primeira mostra institucional de relevancia dun dos artistas galegos que se manteñen máis activos nos últimos anos, contribuíndo deste xeito á promoción e divulgación do seu traballo.

O espazo xestionado pola Consellería de Cultura e Educación avanza así no seu obxectivo de incidir directamente á promoción das artes plásticas en Galicia e, aproveitando o seu privilexiado emprazamento na compostelá praza da Quintana, favorecer o coñecemento da nosa creación artística entre os numerosos visitantes que recibe Compostela.


20 de nov. de 2012

0 comentários :

Danos a túa opinión