Redacción.- A Vicepresidencia da Deputación de Lugo remitirá, ao longo desta mañá, a todos
os concellos da provincia, o protocolo de adhesión para o desenvolvemento dun
programa de Teleasistencia Domiciliaria, para que poidan analizalo e determinar
se están dispostos ou non a garantir a continuidade de dito servizo aportando o
50 por cento do seu custe.
Así o vén de anunciar o vicepresidente da institución provincial e
delegado de Benestar Social, Antonio Veiga, quen, xunto con Mario Outeiro,
delegado de Cultura e Turismo, mantivo, onte, un encontro con representantes dos
rexedores municipais no que expuxo a posibilidade de cofinanciar ao 50 por cento
a Teleasistencia Domiciliaria para evitar que o vindeiro 1 de xaneiro os
usuarios e usuarias do mesmo queden sen atención tras a decisión do Ministerio
de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade de eliminar a partida orzamentaria
que, a través do IMSERSO, se destinaba a cofinanciar o 65 por cento do
servizo.
A Vicepresidencia da Deputación vese na obriga de presentar esta medida
ante o desmantelamento da Teleasistencia Domiciliaria por parte do Goberno do
Estado pero tamén ante falla de resposta da Xunta de Galiza despois de que lle
fora trasladado o acordo plenario do ente provincial polo que se lle instaba a
asumir a porcentaxe que o Ministerio se nega a seguir aportando.
Antonio Veiga recoñece “o esforzo que para os concellos supón asumir
este custe” pero insiste en que “é o único xeito de que os máis de 1.500
usuarios e usuarias da provincia poidan seguir recibindo o servizo de
Teleasistencia Domiciliaria, cuxos beneficios están recoñecidos, e sen o que
quedarían totalmente desprotexidos ao non poder ser atendidos baixo a Lei da
Dependencia ou a Teledependencia da Xunta.”
“Lamentamos – continúa o vicepresidente -a premura coa que os alcaldes deben
tomar a decisión pero até finais de novembro o Ministerio non fixo pública a súa
decisión de non seguir cofinanciando a Teleasistencia Domiciliaria.” Neste
senso, Veiga recordou aos rexedores que deben pronunciarse como moi tarde este
venres.
Con respecto ao comunicado do Partido Popular no que lamenta a falla de
asistencia á xuntanza porque “cando convoca o bipartito non é para solventar
un problema, senón para facer política”, Antonio Veiga recorda aos populares
que “estamos ante esta situación grazas á política fortemente ideoloxizada do
Goberno do Estado e da Xunta de Galiza, cuxo único afán e lograr o déficit cero
recortando en políticas sociais, e que deixaron en risco de exclusión a centos
de maiores. Os executivos de Rajoy e Feijóo crean problemas e a Deputación de
Lugo trata de resolvelos, como xa aconteceu co servizo de Axuda no Fogar
básico.”
0 comentários :
Danos a túa opinión