Fermín Bouza.-
As posicións de Gallardón, como as de Wert, teñen un punto excesivo, case friki, provocador e algo panoli, coma se descoñecese (Gallardón neste caso) o mal gusto das súas palabras así ditas, eludindo, por medio dun ataque impropio ás súas vítimas, as graves e fundadas imputacións que a el se lle fan.
Cun goberno así, se non existisen os problemas económicos existirían esta clase de friki-excesos nestes e outros ministros non citados. Excesos verbais e reais. Excesos innecesarios en tan malos tempos. Excesos que algún día lles lembrarán e será suficiente con iso.
A urxencia das cousas obriga a mesturar temas, pero todo está coimplicándose e complicándose: Chacón insta a Rubalcaba a iniciar o proceso de primarias, e isto é xa, fáganse ou non agora as primarias, un pistoletazo de saída. Quizá non unha saída ao uso, pero unha saída en plan ciclismo de persecución en pista, vixiando, mirando, finxindo un ataque, freando?Algo comezou, quizá as primarias, quizá o circo e os gladiadores... Un pero polo menos a un adiantamento do proceso: saíse quen saíse sería perseguido até a desfeita polos peores mastíns da dereitona. Non chegará vivo ao suposto 2015 (podería ser antes, coido).
O PSOE carece dun bo defensa central desde a marcha de Alfonso Guerra aos seus labores de deputado. Tampouco ten ataque: non marca. Si ten, e en exceso, un bo centro do campo, no que se move con soltura o mesmo Rubalcaba. E ten un banco de interese, como a mesma Chacón e os tres ou catro que anuncian a súa posible candidatura.
Pero sen defensa non poderá impedir o linchamento do PP ao seu candidato, e sen ataque non gañará. De momento non lle urxe ter unha boa comunicación, pero xa hai que empezar a pensar niso.
0 comentários :
Danos a túa opinión